O concello lugués de Pedrafita do Cebreiro acollerá o vindeiro 20 de setembro, domingo, unha nova edición do seu Certame-Exposición e poxa de Gando Vacún, unha cita que acada nesta edición 35 anos e que volverá reunir a moitas persoas vinculadas coa gandería de vacún de carne nunha das principais comercas produtoras de Galicia.
A xornada comezará ás 8.00 horas no recinto feiral coa inscrición dos participantes e a recollida de credenciais, un proceso que permanecerá aberto ata as 10.00 horas. Posteriormente, ás 10.30 horas, terá lugar a votación do xurado encargado de valorar os exemplares participantes no certame.
A música tamén animará a xornada. Ás 11.00 horas está previsto un pasarúas da Charanga Louband, que se encargará de animar o ambiente.
Ás 12.00 horas celebrarase a poxa de xovencas rexistradas no Libro Xenealóxico da raza Rubia Galega, organizada por ACRUGA.
A programación concluirá ás 14.00 horas coa entrega de premios no mercado gandeiro, onde serán recoñecidos os mellores exemplares seleccionados polo xurado.
O XXXV Certame-Exposición de Gando Vacún converterá de novo o día 20 de setembro a Pedrafita do Cebreiro nun punto de encontro para o sector e poñer en valor a actividade gandeira de vacún de carne.

Galego









Control OJD