
Cruz Castro, veterinaria de Asoporcel, xunto con Mercedes Fernández, na súa granxa do Corgo
Galicia conta neste momento cunhas 140 granxas de porco celta, que suman unhas 4.000 cabezas de gando, contando animais de cebo, reprodutoras (unhas 500) e sementais (un cento).
A maioría son granxas familiares de pequeno tamaño (granxas de produción de 5 nais ou cebadoiros de 25 animais) que teñen na cría de porco celta un complemento a outras actividades, aínda que nos últimos anos puxéronse en marcha varias iniciativas máis profesionalizadas e de maior volume.
“Para que haxa cada vez máis granxas e máis grandes é imprescindible que haxa unha saída comercial para os porcos que producen”, destaca Cruz Castro, veterinaria de Asoporcel, logo de que fructificasen as xestións levadas a cabo por parte da asociación con operadores lusos.
Para que haxa cada vez máis granxas e máis grandes é imprescindible que haxa unha saída comercial para os porcos que producen
O envío de leitóns para sacrificio a Portugal é unha vía comercial nova que se pon en marcha grazas ás xestións da asociación de criadores. Cruz explica que “alí teñen moita tradición gastronómica de comer o leitón e o noso porco celta é unha raza, que polas súas características de conformación, adecúase moi ben para ese uso, porque son animais alongados e estreitos que non teñen unhas masas musculares moi desenvolvidas”, destaca.
As características de conformación do porco celta son semellantes ao bísaro de Portugal, xa que parten do mesmo tronco xenealóxico
O porco celta ten ademais moitas semellanzas co porco bísaro, a raza autóctona portuguesa, xa que as dúas proceden do mesmo tronco xenealóxico, polo que a aceptación da raza galega nos restaurantes e asadores portugueses é boa.
“Esta alternativa o que nos abre é unha nova oportunidade comercial”, salienta a técnica de Asoporcel. “O porco celta é unha raza autóctona dunha especie gandeira que estamos tratando de recuperar e conservar, e a mellor maneira de facelo é que as granxas que apostan por esta raza teñan un retorno económico para que os gandeiros estean dispostos a criala”, razoa Cruz.
Aínda que seguen abundando as granxas pequenas, nos últimos anos puxéronse en marcha media ducia de iniciativas de porco celta profesionalizadas de maior tamaño e volume de produción
O envío de excedentes de animais recén destetados a Portugal permitiría ao mesmo tempo regular o mercado galego, centrado nos animais cebados, de maneira que a caída da demanda que se producen en determinadas épocas do ano non acabaría repercutindo nunha merma nos prezos de comercializacón dos porcos por parte das granxas.
Os primeiros 50 leitóns cargáronse este xoves no Corgo

Mercedes, xunto a algúns dos leitóns que esta semana enviou para Portugal
O primeiro envío de leitóns de porco celta a Portugal partiu esta mesma semana desde Rioseco, no Corgo. Foron cargados uns 50 animais na explotación Outeiro de Manzadán, que conta nestes momentos cunha ducia de reprodutoras.
Á fronte da granxa atópase Mercedes Fernández Martín, unha moza que apostou fai dous anos pola posta en marcha dunha explotación de porco celta nunha carballeira de 7 hectáreas de propiedade familiar e que recoñece que esta nova vía de negocio está a facerlle replantear o obxectivo co que comezou.
Ao mandalos ao destete, o custo de alimentación dos leitóns é moi baixo, case non che dan gasto
A granxa estaba xa enfocada desde o inicio á produción de leitóns e conta cunhas instalacións modernas e cómodas para iso, pero tamén ao seu cebo, con destino tanto á venda directa a particulares como ás distintas carnicerías e industrias transformadoras que traballan con porco celta en Galicia.
Pero agora Mercedes, á vista desta nova oportunidade, está a pensar en axustar as distintas épocas de parideira das porcas para facer coincidir o destete dos leitóns cos tres momentos do ano con máis demanda en Portugal, de maneira que a exportación de bacoriños destetados de entorno a 5-6 semanas de vida aproximadamente sexa a súa principal fonte de ingresos.
As tres épocas do ano de máis demanda e mellores prezos nos leitóns en Portugal son o verán, o Nadal e a Semana Santa
“Non queren animais de moitos quilos, prefírenos duns 10 kg de peso vivo, que se logran arredor do mes e pouco. Normalmente destetamos ao mes de vida, e o que facemos é alongar un pouco máis o aleitamento até o momento de mandalos”, detalla.
Deste xeito, di, prodúcense leitóns de primeira calidade a moi baixo custo, xa que o único penso necesario é practicamente o cereal co que se alimenta ás nais, xa que os bacoriños, aínda que teñen o concentrado á súa disposición a partir dos 15 días de vida, a cantidade que comen é moi pequena.
As tres épocas do ano con máis saída de leitóns cara a Portugal serán o Nadal, a Semana Santa, o verán, que son os tres momentos nos que os prezos son tamén máis elevados. “Podes xogar un pouco coa sincronización dos celos para ter os partos cando a ti che convén”, avanza Mercedes.
A granxa contará o vindeiro ano con 30 reprodutoras repartidas en dous lotes de 15 nais
O groso da produción de Outeiro de Manzadán estará enfocado á produción de leitóns para a exportación a Portugal e os excedentes quedarán na explotación para o seu cebo e comercialización a particulares ou industrias galegas. “Aquí nos meses do inverno hai saída, pero noutras épocas a demanda cae”, recoñece.
Iniciativa aberta a que se sumen outras granxas
A idea de cara ao futuro é que, ao igual ca Mercedes, outros criadores opten por esta saída, de maneira que se poidan unificar as cargas, porque “se un camión vén desde Portugal a buscar porcos a Galicia ten que levar un número de animais que lle compense”, razoa Cruz.
Desta maneira, a iniciativa, que partiu das xestións de Asoporcel, está aberta a que se sumen máis granxas. “O prezo varía bastante en función da época do ano, do peso dos animais e de cantos vaian xuntos”, explica.
A exportación de animais vivos a Portugal require dunha serie de trámites específicos: alta no sistema de trazabilidade Traces para comercio intracomunitario e no rexistro de operadores comerciais, aportar un certificado veterinario específico e sacar unha guía especial. “Trátase simplemente dunha serie de cuestións de tipo burocrático que non son demasiado complexas”, destaca a técnica de Asoporcel, que anima a outras explotacións a sumarse a esta nova vía de negocio.
“O ano pasado vendemos 88.000 leitóns”
Pedro Silva dedícase, xunto ao seu irmán Paulo, a mercar leitóns nas explotacións porcinas de Portugal para subministrar aos asadores da zona de Porto a Ponte de Lima. O ano pasado venderon 88.000 leitóns, o que dá unha media de máis de 1.500 animais á semana.
Buscan un tipo de leitón cunhas características que coinciden coas que ten o porco celta e este xoves levaron a primeira viaxe de leitóns galegos, unha relación que queren manter de maneira estable de cara ao futuro.
“Hai leitóns en Portugal pero nós procuramos un tipo de leitón específico, porque os asadores gustan dun tipo de animal cunha carcasa longa e estreita, con rabo e coas orellas grandes e os produtores de porco celta contan con ese tipo de animais”, detalla Pedro.
Procuramos un tipo de animal longo e estreito, con rabo e coas orellas grandes, que é o que queren os asadores
“Trátase de presentar un bo produto ao cliente e logo non mudalo. Nós procuramos fidelizar ao cliente con un tipo de leitón concreto pero que ás veces non hai, sobre todo nas épocas de máis consumo, e temos que irnos a un leitón de ceba que non cumpre con esas mesmas características que buscamos”, recoñece.
Por iso considera interesante a vía de subministro galega “pola cantidade de leitóns que poden aparecer aí”. Teñen camións propios de distintos tamaños e asegura que “a cantidade mínima para compensar a viaxe desde Oporto serían 250-300 leitóns”.
Entre 40 e 50 euros por animal
Os irmáns Pedro e Paulo Silva proceden dunha familia cunha longa tradición vencellada á compra-venda de gando en Portugal. “Comezou o noso bisabó na altura na que se vendían porcos nas feiras. O noso pai seguiu co negocio, sendo unha persoa moi coñecida na zona. Nós iamos con el cando eramos pequenos e logo de estudar, hai uns 10 anos, eu e o meu irmán retomamos o oficio enfocando a empresa cara a compra de leitóns para subministrar aos restaurantes e asadores”, conta.
En Portugal consómese leitón todo o ano, pero os picos de demanda atópanse no verán, a Semana Santa e o Nadal
“Traballo e seriedade no trato” son ás máximas coas que os irmáns Silva desenvolven o seu negocio, sempre procurando dar unha saída axeitada aos produtores. “Somos coma o noso pai, arranxamos unha solución para todo. Buscamos leitóns de entre 10 e 15 kg de peso vivo, porque temos distintos clientes e uns prefiren animais máis pequenos para ofrecer enteiros e outros un pouco máis grandes porque sirven porcións xa no prato”, describen.
En canto ao prezo, móvese habitualmente entre os 40 e os 50 euros por leitón. “Hai 8 anos os prezos eran baixos pero desde o 2019 comezou a subir, cunha caída durante a covid, pero agora volveu recuperarse”, indica Pedro, que explica que o prezo varía dependendo da época do ano, do tipo de animal e do número.
Sacrificio os martes e xoves
As tres épocas do ano de maior demanda son o Nadal, a Semana Santa e o verán. Neste momento fan dous sacrificios semanais, os martes e os xoves, que é o de maior volume de cara a subministrar aos restaurantes para a fin de semana. “Matamos pola mañá e desde que baixamos a temperatura das canais por baixo dos 5 grados xa podemos empezar a repartir. A entrega aos asadores faise normalmente o xoves pola tarde e o venres pola mañá”, conta. Pero nas épocas de máis consumo poden chegar a sacrificar case todos os días “e a cantidade dispoñible nunca chega”, admite.
Os leitóns que se carguen nas granxas galegas van ir directos ao matadoiro propio que a empresa ten en Oporto, nunha viaxe cos máximos estándares de benestar animal
O consumo do leitón asado foi inicialmente unha tradición que naceu no centro do país pero foise espallando e hoxe xa é habitual en todo Portugal. Pero a medida que a produción porcina se foi industrializando, os rasgos morfolóxicos de conformación dos animais tamén o fixeron, enfocados cara a produción de carne e o cebo.
Por iso, o sistema de cría tradicional en extensivo que caracteriza ao porco celta encaixa nos estándares de calidade e volta ás orixes que están a procurar os irmáns Silva. A súa empresa, Provara, conta con matadoiro propio e cámaras de refrixeración en Oporto, a onde son trasladados directamente os leitóns mercados en Galicia. Pedro ten previsto visitar nas vindeiras semanas, da man de Asoporcel, a produtores de porco celta, para establecer con eles unha relación comercial estable e duradeira.
Galego









Control OJD