Expogrelo xuntará o sábado 22 en Abadín a vinte produtoras

Na cita deste ano, que cadra coa fin de semana de Entroido, poranse á venda 2.000 quilos da IXP Grelos de Galicia ao prezo de un euro a mada. Haberá tamén degustación gratuita e feira, onde se poderán mercar outros produtos de tempada

Publicidade

foto ExpogreloO grelo será o protagonista o sábado 22 na feira Expogrelo de Abadín, onde a vintena de produtoras da localidade inscritas na IXP Grelo de Galicia porán á venda uns 2.000 quilos deste produto de tempada imprescindible para moitos dos pratos tradicionais galegos desta época do ano.

Expogrelo, a feira de exaltación desta verdura procedente do nabo, chega este ano á súa 15 edición. O Concello de Abadín decidiu apostar no ano 2006 por celebrar unha feira anual dedicada a este produto e apoiar deste xeito aos productores de grelo que hai no municipio e que obteñen da súa produción unha renda complementaria nesta época do ano.

As greleiras serán todas do municipio e instalaranse no recinto feiral de Gontán

Desde entón, a cita chega puntual todos os invernos. A deste ano, que coincidirá no tempo coa fin de semana de Entroido, presentará un programa que segue a mesma liña que o dos últimos anos, no que non faltarán as degustacións populares, a animación musical e os premios para as mellores produtoras. Todas as actividades terán lugar no Recinto Ferial de Gontán, como é costume.

Premios e degustación de cocido

Produtoras do concello de Abadín durante a entrega de premios da pasada edición

Produtoras do concello de Abadín durante a entrega de premios da pasada edición

O programa arrincará ás 9.30 horas coa asignación das casetas e a numeración das cestas. Media hora despois abrirase o recinto feiral ao público asistente, que ademais de adquirir grelos, poderá comprar todo tipo de produtos nos diferentes postos de alimentación e artesanía que se situarán na zona.

O público que acuda ao recinto feiral de Gontán non só poderá adquirir grelos de calidade, senón que tamén terá a oportunidade de saborealos cociñados nas tradicionais degustacións. A partir das 12.00 horas dará inicio a animación musical e ás 12.30 horas os presentes poderán degustar os grelos, un produto imprescindible da cociña galega, na carpa que o Concello instalará no recinto ferial e que este ano ofrecerá cocido aos asistentes.

Os agricultores de Abadín obteñen do cultivo do grelo, un produto imprescindible da cociña galega, unha renda complementaria nesta época do ano

Á unha da tarde terá lugar a recepción de autoridades, que cualificarán as cestas, co fin de outorgar entre as greleiras que acudan á feira os premios ao produto de mellor calidade e á que presente a cesta mellor decorada. As recompensas serán vales para gastar nos negocios da zona e todas produtoras tamén recibirán unha gratificación individual, así como gorros, mandís e bolsas para os grelos. Os actos finalizarán ás 14.00 horas co fallo do xurado e a entrega de premios.

Aposta pola calidade

As 15 edicións celebradas ata o de agora de Expogrelo serviron para comprobar que a tradicional fama que este cultivo ten no municipio de Abadín atopa boa saída nos compradores. Este ano existía un certo temor entre os organizadores de non ter cubertas as espectativas da feira debido a escaseza de produto debido a un inverno complicado en canto á meteoroloxía.

Sen embargo, o alcalde da localidade, José María López Rancaño, asegura que haberá finalmente grelos bastantes para a feira. Segundo as previsións municipais, cada unha das produtoras que acudirán ao recinto feiral porá á venda un total de 100 feixes, que comercializarán ao prezo único dun euro, polo que se esperan despachar ese día arredor de 2.000 quilos dun alimento indispensable en moitos dos pratos típicos desta época.

A feira mostrará a calidade do grelo que se produce nesta zona da Terra Chá e que conta con merecida fama polo seu sabor e suavidade

Os produtores, maioritariamente mulleres, serán todas do municipio, segundo avanzou o rexedor, José María López Rancaño, e os seus feixes irán adecuadamente identificados co nome do agricultor ou agricultora que os cultivou e o seu lugar de procedencia.

Unha aposta de calidade que o alcalde espera que anime a curiosos e visitantes a achegarse a Gontán a gozar dunha xornada gastronómica e festiva. O Concello de Abadín conta co apoio da Xunta e a Deputación na organización dunha das citas gastronómicas máis consolidadas do calendario chairego.

Apañar á man o día antes para garantir máxima frescura

IXP Grelos de Galicia2Tres anos despois do nacemento de Expogrelo esta iniciativa posta en marcha polo Concello de Abadín víase refrendada co recoñecemento da calidade dos grelos galegos mediante unha Indicación Xeográfica Protexida propia.

A IXP Grelos de Galicia naceu en outubro de 2009 para amparar tanto a produción coma a comercialización e a distribución do produto de horta máis emblemático da nosa comunidade. Do mesmo xeito, a distinción supón un recoñecemento a esta hortaliza tradicional da nosa gastronomía popular, abranguendo tanto o produto natural, coma o conxelado e en conserva, permitindo deste xeito ampliar fronteiras a través dunha industria transformadora que aporta valor engadido a un produto vendido até entón tradicionalmente en fresco.

Logo IXP Grelos de Galicia blancoA Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), é o organismo encargado de controlar, amparar e certificar o produto. O selo identificativo nas etiquetas dos grelos frescos ou en conserva é o aval de que cumpren con todos e cada un dos requisitos de calidade establecidos polo regulamento. Agacal controla todo o proceso de produción para garantir a trazabilidade dos grelos, levando a cabo inspeccións nas plantacións, almacéns e industrias, revisión de documentación e análises organolépticas e, no seu caso, físico-químicos, da materia prima e do produto elaborado.

Para asegurar a súa calidade, todas as operacións de manipulación, transporte, almacenamento e transformación dos grelos realízanse de forma inmediata á súa recolección dentro do ámbito da comunidade autónoma, segundo se establece no regulamento da IXP. É por iso que o día antes da celebración de Expogrelo os 20 produtores censados no concello de Abadín e amparados baixo a IXP apañan, seleccionan, pesan, empaquetan e etiquetan manualmente cada un dos mollos que ao día seguinte poñen á venda na feira, asegurando deste xeito á máxima frescura e calidade.

Programa completo: 

cartel Expogrelo 2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información