O 1 de marzo, coincidindo coa feira que se celebra en Gontán o primeiro e terceiro sábado do mes, o concello de Abadín acollerá unha nova edición de Expogrelo, a número 19 da coñecida cita de exaltación do grelo, un dos produtos de referencia do inverno gastronómico da provincia de Lugo.
Trátase dun evento xa consolidado que serviu para poñer en valor a tradicional fama deste cultivo de horta que atopa cada ano boa saída nos compradores que se achegan a este concello da Terra Chá. Ademais de grelos poderanse mercar outros produtos típicos da matanza.
O Concello de Abadín decidiu apostar no ano 2006 por celebrar unha feira anual dedicada a este produto como xeito ademais de apoiar aos produtores de grelo que hai no municipio. Entre 15 e 20 produtores sumaranse este ano á feira, na que, como xa é tradición, se repartirán tres premios de 50, 30 e 20 euros para as cestas de grelos mellor decoradas. Ademais, todos os participantes reciben un pequeno incentivo por participar.
O Concello de Abadín decidiu apostar no ano 2006 por celebrar unha feira anual dedicada a este produto como xeito ademais de apoiar aos produtores de grelo que hai no municipio
O programa de actos da feira en si seguirá a mesma liña que en edicións anteriores e arrincará ás 09:30 horas coa designación dos stands e a numeración das cestas. Ás 10:00 da mañá levarase a cabo a apertura da feira, ás 12:00 horas dará inicio a animación musical e ás 12:30 horas todos os veciños e visitantes presentes poderán degustar este produto da cociña galega na carpa que o Concello instalará no recinto feiral. Trala recepción de autoridades, os actos finalizarán ás dúas da tarde co fallo do xurado e a entrega de premios.
Proba deportiva, a novidade deste ano
Abadín estrea este ano, no marco de Expogrelo 2025, unha nova proba deportiva de resistencia, que comezará ás 5 da tarde. As inscricións para o Reto Sube e Baixa, unha actividade que porá a proba a resistencia e habilidade dos participantes, xa están abertas.
A competición contará con diferentes categorías e distancias adaptadas a todas as idades. A categoría absoluta será de 6 km (3 km de subida + 3 km de baixada), a sub14 e sub16 será de 2 km (1 km de subida + 1 km de baixada) e a sub10 e sub12, de 1 km (500 m de subida + 500 m de baixada). Tamén haberá unha proba para os pequenos nados antes de 2018. A saída e a chegada serán ao lado do pavillón de Abadín.
A XIX edición de Expogrelo de Abadín chega cargada de tradición, sabor e unha proba deportiva que é unha novidade este ano
Haberá diferentes categorías na absoluta, dúas para os menores de 30 anos e catro de veteranos, ademais da de adultos. As inscricións xa están abertas e pódense realizar a través das páxinas ccnorte.com e terrachallenge.ccnorte.com. A data límite para anotarse é o 27 de febreiro.
Desde a organización animan a todos os amantes do deporte e da natureza a participar nesta esixente, pero apaixoante proba, que converterá Abadín nun punto de encontro para deportistas dispostos a superar este reto.
Escasa produción de grelo en 2025
A feira de Abadín coincide este ano xusto antes do Entroido, unha época que a nivel gastronómico non se entende sen un bo cocido, un plato que ten nos grelos un dos seus ingredientes imprescindibles. Pero este ano a produción é escasa en cantidade e mala en calidade. Esta situación fixo subir os prezos até un euro con respecto ao ano pasado.
O inverno foi moi suave e o grelo necesita do frío para desenvolverse. Ademais, as intensas chuvias do outono retrasaron a época de sementeira, ao non poder entrar en moitas leiras, e as terras acabaron por anegarse facendo que a nabiza nacera mal.
Este ano o inverno foi suave, polo que o produto escasea e os prezos subiron
O grelo galego conta desde o ano 2009 cunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP Grelos de Galicia) que busca fomentar a produción e potenciar a comercialización e a distribución deste produto de horta que se dá no inverno con humidade e temperatura axeitadas, unhas condicións que non se deron neste ano 2025, polo que escasea o produto no mercado, con problemas incluso de abastecemento para restaurantes e empresas de transformación que nos últimos anos apostaron por distintos xeitos de conserva, tanto en lata como deshidratados.
Abadín, un municipio que mantén viva a tradición agrogandeira
Malia á mala campaña deste ano, Expogrelo tratará de mostrar de novo a calidade e sabor do grelo que se produce a nivel local, un produto de horta que precisa dunhas condicións edafoclimáticas que se dan neste municipio a camiño entre a Terra Chá e A Mariña, con chans produtivos e unha fonda tradición gandeira.
Abadín celebra unha feira cabalar no mes de setembro e a tradicional Feira de Santos o primeiro sábado de novembro
A produción primaria mantense na actualidade en Abadín centrada no vacún de carne e no gando cabalar a medida que se ascende cara os montes da serra do Xistral e cara aos do Fiouco. Ademais de Expogrelo, Abadín mantén outras citas anuais vinculadas ao sector primario, como a Feira de Santos o primeiro sábado de novembro ou a Feira cabalar que se celebrou por primeira vez en setembro do 2023 organizada polo Concello e as asociacións de cabaleiros do municipio.