A maioría das explotacións lácteas lograron manter en 2021 a súa marxe de beneficio grazas a unha maior eficiencia

As conclusións do proxecto Smart4milk indican que os custos de alimentación por vaca presente aumentaron un 13,9% con respecto ao ano anterior e as subministracións un 20%. Ese encarecemento foi compensado cunha maior produción por vaca, diluíndo o incremento por litro de leite ao 6,6% en alimentación e ao 12% en subministros

Jacobo Feás, Carlos Carbonell, Carmen Lence e José Balseiros, durante a presentación de resultados do proxecto Smart4milk nas instalacións de Leite Río no Ceao

Os autores do estudo, Jacobo Feás e Carlos Carbonell, xunto a Carmen Lence e José Balseiros, durante a presentación de resultados do proxecto Smart4milk nas instalacións de Leite Río no Ceao

Nun momento de custos elevados e marxes axustadas como o actual coñecer con detalle os gastos fixos e variables da granxa é esencial para poder manter a rendibilidade das explotacións lácteas.

Ese é precisamente o obxectivo do proxecto Smart4milk, posto en marcha polo grupo Lence en 18 das súas ganderías provedoras e que este mércores presentou os seus resultados.

Unha das principais conclusións do estudo realizado durante os anos 2020 e 2021 (e que non ten por tanto en conta a situación creada trala invasión rusa de Ucraína) é que moitas explotacións conseguiron practicamente manter o ano pasado a súa marxe de beneficio grazas a unha maior eficiencia e un aumento da produtividade por animal, aínda que esta tendencia non foi xeralizada e un terzo das ganderías analizadas acabou con perdas o ano pasado.

A marxe de beneficio das explotacións mantívose en torno ao 5%

A pesar do encarecemento das materias primas, que incrementaron os custos de alimentación un 6,58% e de subministracións un 12,07%, as ganderías lograron que o seu resultado antes de impostos se mantivese en torno ao 5% (5,47% en 2020 e 4,96% en 2021), diluíndo o aumento de custos cunha maior produción de leite.

O prezo de venda do litro de leite incrementouse neste período un 2,3%

Desta forma, o custo total de produción por litro de leite deste grupo de ganderías pasou de 37,23 céntimos no ano 2020 a 37,38 céntimos no ano 2021, segundo os datos medios do conxunto de ganderías, mentres os ingresos totais das granxas por litro de leite pasaron de 39,39 céntimos a 39,42. O prezo do litro de leite incrementouse neste período un 2,3% e a marxe de beneficio situouse en torno aos 2 céntimos por litro, segundo o estudo impulsado por Leite Río.

Ingresos

Smart4milk gráfico ventas netas totalesO ingreso total por litro de leite das ganderías estudadas foi en 2021 de 39,42 céntimos, computando venda de leite, animais, subvencións e outros ingresos. A venda de leite supón o 85,83% do total de ingresos das explotacións, mentres o cobro de subvencións (incluída a PAC) representa un 6,5% e a venda de animais (tenreiros, xovencas e vacas de desvelle) equivale ao 4,98%.

A venda de leite supón case o 86% dos ingresos das ganderías, mentres as subvencións equivalen ao 6,5%

O prezo medio final cobrado polas 18 explotacións analizadas en 2021 foi de case 34 céntimos, con 26,4 millóns de litros comercializados e un valor de venda total de máis de 9 millóns de euros.

Custos

Smart4milk gráfico costes variablesNo lado dos custos, os gastos variables representan o 57,3% do custo operativo das granxas (22,47 céntimos por litro de leite), dentro dos cales a alimentación das vacas supón o 65,9%, a alimentación da recría o 6,6%, os cultivos o 13,9%, a sanidade e xenética o 9,2% e as camas o 3,3%.

A alimentación de vacas e xovencas e os custos de persoal son as dúas principais partidas de gasto

Dentro dos gastos fixos das explotacións, que supoñen o 26,87% do custo operativo (10,59 céntimos por litro de leite), os gastos de persoal representan o 54,9%, as subministracións o 15,4%, as labores de mantemento o 15,5%, os alugueiros o 3,7% e outros gastos xerais o 10,7%.

Datos non extrapolables

Malia que dentro das 18 ganderías participantes hai unha mostra representativa dos diferentes modelos de explotación existentes en Galicia, tanto en sistemas de produción (intensivo, semiextensivo e pastoreo), tamaños de explotación (SATs con máis de 400 vacas, explotacións familiares e granxas de menor tamaño) así como tipo de xestión (tarefas agrarias con maquinaria propia e subcontratada, alimentación propia e externalizada mediante mestura húmida), os datos non serían extrapolables ao 100% ao conxunto de Galicia, xa que “o simple feito de querer participar no proxecto xa implica unha predisposición para innovar e traballar coas novas tecnoloxías e a dixitalización da granxa e tamén fai que a idade dos titulares das explotacións sexa menor á media da comunidade”, argumentan os autores do estudo.

Na análise de datos e a obtención de conclusións participaron a USC e a multinacional farmacéutica MSD

O proxecto Smart4milk consiste na implementación do programa de xestión TecniCow nas ganderías provedoras do grupo Lence para permitirlles coñecer os custos reais de produción e axudarlles a ser máis eficientes.

TecniCow é un software que permite ao gandeiro calcular os custos de produción e os beneficios económicos finais da súa explotación

No proxecto participan un total de 18 ganderías de Río e Leyma das provincias da Coruña e Lugo, que colaboraron achegando datos e obtiveron a cambio un informe personalizado sobre a situación da granxa e os aspectos a mellorar.

O estudo compara 2020 e 2021 e non ten en conta a alza de prezos provocada pola guerra de Ucraína. Os seus autores non se atreveron a aventurar se os resultados poderían variar notablemente cos datos do 2022. “É evidente que subiron os custos pero tamén subiu o prezo do leite e habería que analizar os datos e ver o resultado”, aseguran.

“Hay unha relación directa entre produción por vaca e ingresos da explotación”

Carlos Carbonell, técnico de ruminantes de MSD no norte de España, é un dos técnicos que participou na análise de datos do proxecto Smart4milk. Pon o foco en lograr maior produción por vaca e en estruturar a explotación en función do número de cabezas e a man de obra dispoñible.

Para diluír os custos fixos unha das estratexias seguidas polas explotacións é o de incrementar a produción, tanto pola vía do aumento no número de animais como na súa produtividade media.

As ganderías tentan diluír en incremento de custos por medio de aumentos de produción por vaca

“Para lograr o efecto de minimizar os custos dunha granxa é fundamental incrementar as unidades de venda, é dicir, cantas máis unidades de produción teñamos máis eficientes seremos”, asegura.

Aínda que Carlos matiza que o dato máis representativo á hora de analizar os resultados das distintas ganderías é o dos litros por vaca máis que o de vacas por explotación. “Por cada tonelada de leite que dá máis unha vaca son 350 euros de ingresos máis que logra a granxa. Hai unha relación directa entre produción por vaca e ingresos da explotación”, asegura.

En 2021 a media de litros de leite vendido por animal presente maior de 24 meses foi de 9.810, 400 máis que o ano anterior

“Comparando 2020 e 2021, os gastos variables soben e os fixos redúcense. Iso é mérito das ganderías pola mellora da produtividade. Lograron máis litros de leite por vaca, e iso fixo que se compensara o incremento de custos do ano 2021. Os gandeiros gastaron 186 euros máis en vaca por alimentación (un 13,9% máis), pero cada vaca produciu 400 litros máis de leite e iso logrou diluír eses custos”, explica.

“O tamaño non importa tanto”

“Os rabaños, en xeral, tamén medraron”, indica. Aínda que matiza que “o tamaño importa pero non tanto”. “Pesa máis a produción por animal que a produción total da granxa. As granxas pequenas non teñen por que ser menos eficientes, porque o tamaño pesa para o bo e para o malo”, argumenta.

As granxas pequenas non teñen por que ser menos eficientes

No que si incide Carlos é en que “as explotacións teñen que estar estruturadas, o que non pode ser é unha explotación de 100 vacas con 5 empregados”, exemplifica. “Estrutura a túa granxa en función da túa man de obra dispoñible”, aconsella, xa que “hai que ser moi eficientes nos litros por traballador, porque os custos de persoal pesan moito”, indica.

“O exceso de recría pode xerar un problema financieiro, sobre todo en anos coma este”

De cada 100 euros de ingresos totais en 2021, 84,17 quedáronse no funcionamento da granxa: gastos fixos (persoal) + variables (forraxes, penso, cultivos).

Debido ao seu peso sobre o gasto total, “optimizar os custos en comida é fundamental”, indica, “sempre pensando que á vaca hai que coidala e que sacarlle cousas que a vaca necesita non é interesante nin recomendable”, engade.

Dar para comer a unha porcentaxe alta de xovencas que non necesitas pode ser un gasto moi custoso

“Cada gandeiro debería ter unha estratexia para a compra e para o prezo das materias primas. No estudo vimos que hai ata 80 euros de diferenza por tonelada nos custos de alimentación entre as ganderías máis eficientes con respecto ás menos”, detalla.

A venda de tenreiros de cruces cárnicos é unha oportunidade que axuda a mellorar os ingresos da explotación

Por iso, di, “o exceso de recría é un problema porque dar de comer a unha porcentaxe alta de xovencas que non necesitas pode ser un gasto moi custoso”. Recomenda botar man dos novos avances en xenética e do seme sexado para garantir a recría dos mellores animais e incrementar os ingresos pola venda de tenreiros de cruce. “Hai tecnoloxía para poder cubrir a recría e vender tenreiros cruzados ao mesmo tempo. Isto é unha oportunidade que non te fai rico pero axúdache”, asegura.

Asegurar a tesourería en anos malos

Carlos Carbonell quixo deixar tres mensaxes aos asistentes ao acto e que dixo ter escoitado doutros gandeiros: “Dos tempos de crise sáese máis reforzado; as vacas canto máis lles dás, máis che devolven; e aprender para mellorar”.

“Fóra de aquí hai comunidades que non son tan eficientes coma vós porque non tiveron as crises de prezo que tivestes aquí nos últimos anos. Iso fíxovos mellorar e ser competitivos”, asegurou ao grupo de gandeiros que participaron no proxecto. 

É necesario asegurar a gasolina do negocio para superar anos complicados coma este

Pero para poder superar eses anos malos, recomenda “asegurar a tesourería”. “Para que o tractor ande ten que ter gasolina. Neste caso a gasolina é a tesourería dunha gandería. En anos coma este 2022 hai que asegurar a gasolina”, conclúe.

“O investimento medio das ganderías é de 5.000 euros por vaca e a metade xa está amortizado”

Jacobo Feás, profesor de Economía da USC no Campus de Lugo, encargouse de analizar os investimentos realizados polas explotacións participantes no estudo, así como os seus activos principais.

Un dos datos extraídos é que o investimento medio por explotación, sen ter en conta o investimento en terras, é dicir, só en construcións e maquinaria, sitúase preto dun millón de euros, aínda que “hai unha variación moi grande entre granxas que vai depender tamén do tamaño da explotación”, explica. Para minimizar a desviación resultante do tamaño da gandería, o investimento por vaca situaríase en 5.052 euros de media.

As explotacións diminuíron os investimentos a partir de 2021

O maior investimento nas explotacións realizouse en torno ao ano 2019, do mesmo xeito que en 2021 reducíronse estes investimentos en melloras. “Sería máis interesante un investimento constante pero hai picos en función de circunstancias diversas. Quizais teña que ver coa existencia de axudas públicas, o prezo do leite e as expectativas de cara ao futuro. A efectos de liquidez ou resultados pode non ser factible investir agora pero quizais poida ser interesante a efectos de produtividade en función da situación da granxa”, razoa Jacobo.

Un de cada catro euros destínase a maquinaria

En canto á análise dos activos das explotacións, a distribución é a seguinte: 13% construcións, 41% naves dos animais, 5% instalacións, 22% maquinaria, 7% vehículos, 12% outros activos.

Un 50% das instalacións das ganderías xa están amortizadas

Unha mensaxe que Jacobo quere transmitir é que “non existe unha estrutura óptima, existen múltiples combinacións ou estratexias por parte das explotacións en función das súas circunstancias” e pide valorar opcións como o alugueiro.

Tamén pon o foco en variar o destino dos investimentos cara á tecnoloxía e a dixitalización. “A análise de datos tennos que servir para ir mellorando en cada un dos aspectos. Estamos a facelo ben pero podémolo facer mellor. Este tipo de software ten que axudar a mellorar a eficiencia das explotacións para que sexan máis competitivas. Enfrontarse a ese cambio tecnolóxico é moi importante e supón un esforzo”, conclúe.

Cada explotación ten unha media de 3 préstamos

O perfil de endebedamento que teñen neste momento as explotacións lácteas mostra que o 93% das ganderías ten algún préstamo e que en conxunto cada granxa ten de media 3 préstamos.

O 55% dos préstamos solicitados polas ganderías están pendentes de devolver e a media de amortización é de 35.000 euros ao ano

A media dos investimentos solicitados é de 182.000 euros, dos que 100.000 están pendentes de pagar. O tipo medio que pagan é o 2,59%, aínda que varía sobre todo en función do prazo de devolución do préstamo. Os préstamos de máis de 5 anos representan o 90% e Jacobo recomenda axustar o prazo de devolución dos créditos á vida útil dos investimentos e calcular o nivel de endebedamento por animal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información