As explotacións lácteas galegas precisan 130.000 hectáreas máis para asegurar o seu futuro

Expertos da Universidade de Santiago e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo defenden a necesidade de que as ganderías de vacún de leite de Galicia aumenten a súa base territorial nos próximos anos en 130.000 hectáreas para poder ser competitivas nun mercado desregulado

As explotacións lácteas galegas precisan 130.000 hectáreas máis para asegurar o seu futuro

Gandería Sar, en Touro, coas fincas arredor das cortes.

As arredor de 8.500 ganderías de vacún de leite de Galicia e as súas 320.000 vacas concéntranse en apenas 200.000 hectáreas de Superficie Agraria Útil (SAU), tanto de cultivos como de pastos, o que supón soamente o 7,4% do territorio galego.

Neste sentido, diversos expertos tanto da Universidade de Santiago (USC) como do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) veñen advertindo da necesidade de que as explotacións de vacún de leite aumenten a súa base territorial para ser competitivas en custos de produción, pero tamén para adaptarse aos futuros cambios da Pac e reducir o seu impacto medioambiental.

Edelmiro López Iglesias, profesor titular de Economía Aplicada da USC, resume a situación do seguinte xeito nun informe elaborado para o Foro Económico de Galicia en 2015: “as explotacións lácteas galegas teñen que reorientarse cara a sistemas produtivos máis ligados á terra”.

“Nas últimas décadas consolidouse un modelo produtivo en Galicia de carácter intensivo, fortemente dependente da importación de materias primas, -fundamentalmente pensos, pero tamén palla e alfalfa- que fai que esteamos a nivel europeo entre as rexións produtoras de leite cun nivel de custes de alimentación medios altos”, sinala Edelmiro López.

Así se reflicte no seguinte mapa elaborado pola Comisión Europea, que analiza os custos de alimentación das explotacións de vacún de leite da Unión Europea:

custos_alimentacion_ue

“É certo que o noso modelo produtivo non alcanza os niveis de intensidade e dependencia externa do sur e o mediterráneo español; pero contrasta co existente nas rexións atlánticas do noroeste de Francia, Irlanda e en xeral nas zonas cun alto potencial forraxeiro”, subliña o profesor da USC.

“O importante non será ter as vacas que producen máis leite senón os menores custos por litro”

A este informe se referiu recentemente o xefe do Departamento de Pastos e Cultivos de Mabegondo, Gonzalo Flores, no decurso dunha xornada de transferencia a explotacións leiteiras colaboradoras dos programas de innovación do Ciam, salientando que o futuro das ganderías de leite a nivel europeo pasar por “ter máis autonomía na alimentación do gando, minimizar os custos por unidade de produto e evitar os impactos negativos ao medioambiente”.

Tras expoñer un resumo de resultados sobre a estrutura de explotacións leiteiras de Galicia froito dun recente proxecto de investigación, o responsable de Pastos e Cultivos de Mabegondo salientou que “non se debe focalizar necesariamente o debate entre modelos extensivos e modelos intensivos”. “O relevante -subliñou- non será ter as vacas que producen máis leite senón os menores custos por litro optimizando a renda global da explotación en sistemas ambientalmente sustentábeis” .

Unha PAC cada vez más vinculada ás hectáreas e aos compromisos medioambientais

Neste sentido, o citado traballo de Edelmiro López-Iglesias salienta que “o adecuado aproveitamento da terra vai xogar un papel moito máis relevante do que até de agora o foi como condicionante da viabilidade das explotacións”. Esta esixencia de maior base territorial tamén se vai ir plasmando cada vez máis nas vindeiras reformas da Pac.

En concreto, advirte de que “o modelo que se perfila a medio prazo, máis alá de 2020, presenta un perigo para as explotacións lácteas galegas de que as axudas da PAC, que xa alcanzan unha contía comparativamente pequena por unidade de traballo e por explotación, se vexan máis reducidas, na medida en que se tenda a pagos por hectárea uniformes”, penalizando as ganderías lácteas máis intensivas.

Ademais, o profesor da Usc chama a atención sobre que “a introdución do novo pagamento verde anuncia outra tendencia que con toda probabilidade se reforzará a partir de 2020: a lexitimación dunha porcentaxe cada vez maior das axudas ás explotacións en base a criterios ambientais”.

Edelmiro López: “A terra vai condicionar a viabilidade das explotacións”

Por último, Edelmiro López introduce un terceiro factor que obriga ás explotacións lácteas a aumentar a súa base territorial para alimentar o gando máis en base ás forraxes propias: a crecente volatilidade dos prezos das materias primas.

Así, tal e como se reflicte na seguinte gráfica, se ata o ano 2007 os incrementos nos prezos dos pensos, do gasóleo e dos fertilizantes ía parello ao prezo do leite, a partir desa data prodúcense fortes oscilacións dos tres primeiros á alza, e cando soben sempre é nunha porcentaxe maior que a da suba do prezo do leite.

sineiro_prezos_leite_pensos

Neste contexto, o experto da Usc en economía agraria alerta de que “o modelo produtivo imperante nas explotacións lácteas galegas, baseado nun alto uso de concentrado por litro de leite, vaise enfrontar a crecentes dificultades”.

Un obxectivo realista: incorporar 130.000 hectáreas ás explotacións de leite

Para afrontar o novo contexto, Edelmiro López propón como “un obxectivo realista o de manter un número de vacas similar, arredor de 350.000, pero sobre unha Sau dunhas 350.000 hectáreas”.

“Isto requiriría -explica- que unhas 130.000 hectáreas actualmente abandonadas ou subutilizadas foran incorporadas, preferiblemente mediante arrendamento, ás explotacións de leite para ampliar a súa base territorial”.

Esa ampliación ten que acompañarse, segundo o profesor da Universidade de Santiago, doutras accións como reorientar as axudas aos investimentos das explotacións, “de tal modo que estas sirvan para fomentar os sistemas ligados á terra e prioricen a mellora na eficacia do uso dos factores (redución de custos), fronte aos investimentos en capital fixo (maquinaria, construcións…)”.

Na mesma liña, avoga por “utilizar os pagos agroambientais, e quizá tamén dos pagos acoplados da PAC no sector lácteo que van existir no período 2014-2020, para estimular esa modificación dos sistema produtivos”. Por último, defende que se prioricen accións de asesoramento e de formación dos gandeiros para mellorar o aproveitamento da terra dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información