Antonio Expósito incorporouse á explotación familiar no ano 1993, cando se xubilaron os seus pais. “Daquela aínda tiñamos vacas de leite”, lembra. “Despois vendinas e empecei coas de carne”, conta. Ahí comezou o seu camiño na gandería, no que non parou de probar e experimentar. Tamén de diversificar, xa que ás vacas engadiu un viveiro forestal e unha granxa de coellos, ademais doutras moitas actividades complementarias.
“Temos un pouco de todo, invernadoiros, vacas de distintas razas, ovellas, cans, coellos, até temos un burro, un poni e unha besta. Aquí podemos poñer unha granxa escola”, bromea. Con ese “aquí” Antonio refírese a Aguillón, un pequeno lugar da parroquia das Oiras, situado en costa e a carón do monte.
Antonio atende o viveiro forestal e Mari, a súa muller, a granxa de coellos
Con esas características, o lugar non se prestaba moito para seguir producindo leite. Así que Antonio decidiu pasarse á carne e diversificar. “Comecei co viveiro forestal no 96 e no 2003 montamos a granxa de coellos. Hoxe o viveiro é a miña actividade principal e Mari, a miña muller, atende os coellos. Das vacas ocúpome nos momentos libres”, conta.
“Diversificar ten as súas cousas boas e outras malas. A vantaxe é que se nunha época vai mal o coello tes os ingresos das outras actividades, ou se tes unha mala racha coas vacas aguantas co resto das cousas. No inverno, por exemplo, véndense menos eucaliptos do viveiro forestal e traballas no resto de actividades. Ademais, compleméntanse, porque co purín de coello abono as fincas das vacas e cos restos do penso dos coellos que queda nos comedeiros alimento os años. O malo é que tes moito traballo, porque no viveiro forestal non tería por que traballar as fins de semana pero co gando si”, razoa Antonio.
Un millón de plantas de eucalipto, piñeiro e castiñeiro ao ano
Viveiros Forestales Antonio, que é o nome da empresa adicada á venda de planta, produce e comercializa cerca dun millón de árbores ao ano entre eucaliptos, piñeiros e castiñeiros de distintas variedades, como piñeiro radiata, pinaster e de Oregón ou eucaliptus glóbulus e nitens.
Dispón de 5 invernadoiros para facer a xerminación da semente pero despois as plantas pasan ao exterior. “Téñoa sempre fóra para que a planta se aclimate a estar ao aire libre. Tarda máis en medrar pero logo nota moito menos o cambio ao transplantala”, explica.
Empezou facendo semilleiro en botes do iogur e pouco a pouco foi ampliando e tecnificando o viveiro e mellorando a selección de produtos que utiliza. A turba vén dende Finlandia, o abono de Holanda, a semente de eucalipto de Australia e a de piñeiro de Nova Zelandia.
Vende castiñeiros híbridos resistentes á enfermidade da tinta inxertados con variedades autóctonas de produción de castaña
A inquedanza de Antonio polo autóctono e por experimentar e probar cousas novas tamén se nota nesta faceta forestal súa experimentado a inxertar castiñeiro híbrido resistente á enfermidade da tinta (mestura de castiñeiro galego e xaponés) con variedades autóctonas tradicionais de produción de froito, como paredes, de sangue ou martesa.
Antonio conta coa axuda dun empregado contratado para traballar no viveiro forestal e el fai directamente cun furgón o reparto dos pedidos de planta a clientes tanto da Mariña coma doutras zonas de Galicia. “Pola semana ao que máis atendo é ao viveiro e as fins de semana é cando atendo máis as vacas e fago por exemplo os cambios dunhas fincas para as outras”, conta.
Vacas nos prados e ovellas e cabras no monte
Antonio segue mantendo as vacas de carne coas que comezou cando deixou de vender leite. En total ten 25 nais reprodutoras e ceba tamén os xatos e as xatas que traen. O gusto por diversificar aplícao tamén ao seu gando vacún. “Teño algo de todo: flevick, blonda de Aquitania e cachenas. As dúas primeiras cachenas compreinas no 2008 e ao ano seguinte merquei outras dúas. Neste momento teño 6”, explica.
As vacas tenas en extensivo. “O problema é que son fincas pequenas e teño que andar cambiándoas. Téñoas distribuidas até en 5 sitios distintos”, indica. “As vacas téñoas para os prados e as ovellas para limpar o monte”, engade. E asegura que “non hai mellor cousa para ter o monte limpo, se houbese ovellas no monte non farían falta as cuadrillas de extinción”.
“Se houbese ovellas non farían falta as cuadrillas de extinción de incendios. Non hai mellor cousa para limpar o monte”
“Aquí había ovellas de sempre, toda a vida, xa as tiña o meu avó. Xa eran ovella galega pero botáranlles un carneiro máis grande e foran perdendo a raza. Eu fun recuperándoa e agora teño 80 cabezas, todas ovella galega”, conta. As ovellas tenas sempre pacendo no monte, pero nesta zona non hai monte comunal, senón que é todo de propiedade particular. Son en total unhas 30 hectáreas, pero só unha parte delas están pechadas. As zonas máis altas están sen plantar e as máis baixas teñen eucalipto.
“As ovellas pacen tamén en zonas plantadas de eucalipto, que medran máis porque non teñen competencia da maleza e porque as ovellas abónanos”
“Hai zonas que pacen plantadas de eucalipto pero incluso para o eucalipto é bo ter as ovellas, porque ao comeren a maleza e estar o monte limpo o eucalipto non ten competencia e ademais abonan, así que medra máis o eucalipto”, argumenta. A explotación de ovino de Antonio ten o selo 100% Autóctona e fai un ano empezou tamén con cabras. “Tiña cabras xa de antes, pero non eran cabra galega, pero o ano pasado merquei tres cabritas e un castrón”, explica.
Mastíns e cans de palleiro
As ovellas están con dous mastíns e veñen todos os días durmir á casa. Baixan soas do monte e pasan a noite nas fincas máis próximas á casa. “Non hai lobo permanentemente pero de vez en cando pasa por aquí. Fai tres anos matoume unha cabra a 200 metros da casa”, explica Antonio. “De inverno cando paren téñoas nos pastos cerca da casa e as crías nunca as boto fóra porque se andan por fóra non se venden ben”, di.
Pero a razón de facerse cos mastíns non foi o lobo, senón outra. “Cando empecei cos mastíns fai 18 anos, non había problemas co lobo, non fora por iso, senón porque mas roubaban. Lembro que fora buscar o primeiro mastín a Palas de Rei, por aquí non había ningún aínda, e dicíanme que estaba tolo traer un can tan grande”, lembra.
Pero en Aguillón tamén hai cans máis pequenos. Antonio é criador de cans de raza Can de Palleiro, unha raza autóctona en perigo de extinción do que non quedan máis ca uns 200 exemplares en toda Galicia. Antonio fíxose con eles por casualidade. “As primeiras vacas cachenas funllas compar a Miguel Pernas a Loiba, en Oritigueira, e vinllos. Gustáronme e empecei a criar con dúas cadelas. Paren dúas veces ao ano e cheguei a ter camadas de 12. Vendín cans para todos os lados, desde Pontevedra e Ourense até Madrid ou Irlanda. Pero parei un pouco por tema de consanguinidade, porque máis do 50% das cadelas que hai en Galicia da raza Can de Palleiro levan sangue miña”, indica.
Cunilugo, a unión de 5 granxas de coello
Explotacións Gandeiras Soli ten como actividade principal a cría de coellos. A sociedade constituiuse no 2009, que foi cando se incorporou Mari, a muller de Antonio, e leva o nome das súas dúas fillas, Sonia, de 21 anos e que estuda para enxeñeira agrícola, e Lidia, de 12 anos.
A granxa dos coellos montárase no 2003 e conta hoxe con 500 nais. “O coello agora ten un prezo moi bo pero fai 3 anos estaba polo chan. O negocio está en moi poucas mans, controlado por unha ou dúas empresas e ao non haber competencia fixan os prezos como queren”, quéixase.
Para tratar de facer fronte a ese oligopolio que domina o sector Antonio e Mari optaron por unirse a outros produtores de coello da provincia de Lugo e crearon Cunilugo, unha sociedade para vender en conxunto. “Legalmente consituíuse no 2011 pero desde o 2006 xa viñamos funcionando en conxunto á hora de negociar o prezo e os contratos”, indica.
As 5 explotacións negocian e comercializan en conxunto a súa produción
Outro veciño das Oiras, Jorge Carreiras, tamén ten coellos e fan os traballos en conxunto. A súa explotación, Gandería Riba do Río, tamén forma parte de Cunilugo, igual que outros tres produtores da provincia: Mari Carmen, do Corgo; Félix, de Ribeira de Piquín e César, de Palas de Rei.
“Cunilugo constituímola nun momento de prezos baixos e durante tres anos estivemos mandando a produción para Portugal e grazas a iso salvamos nese momento, senón teriamos que ter pechado”, asegura.
Simbiose natural
Neste momento está moito de moda iso da economía circular, é dicir, o feito de aproveitar os refugallos que xera unha actividade como materia prima noutro proceso produtivo. Pero cando aínda non se empregaba a definición, Antonio xa aplicaba a filosofía.
Venden seis tráilers ao ano de humus de miñoca, que fan coa parte sólida dos excrementos dos coellos
Desde fai máis dunha década elabora humus cos excrementos dos coellos, que comercializa. “Teño miñocas para facer humus. Merqueinas a Ecocelta no 2005 para aproveitar o abono dos coellos. Coa parte sólida fago humus de miñoca que vendo principalmente á empresa Siro, mandamos sobre 6 tráilers ao ano, e coa parte líquida abono os prados, aos que o único que lles boto é o purín dos coellos e dos xatos que cebo e a maiores algo de cal, non boto máis nada nas pradeiras”, explica.