O polígono agroforestal de Cualedro sairá a concorrencia pública antes de que remate o ano. Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha visita a este concello, acompañada polo alcalde, Luciano Rivero, pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Unha vez que se publique no DOG a aprobación do polígono, iniciarase a mobilización de preto de 64 hectáreas de 115 propietarios. O polígono terá como actividade principal a gandaría en extensivo, así como cultivos complementarios, e como actividade secundaria serán cultivos agrícolas ou a plantación de árbores froiteiras.
A conselleira aproveitou a visita para coñecer tamén os traballos realizados na aldea modelo de Carzoá, onde se recuperaron case 60 hectáreas de 200 propietarios, que se destinarán, así mesmo, a unha explotación de gando en extensivo.
En relación co futuro, María José Gómez recordou que a Consellería seguirá apostando polos procesos de mobilización de terra agraria, a través de ferramentas como as concentracións e reestruturacións parcelarias ou os instrumentos contemplados na Lei de recuperación da terra agraria.
A conselleira reiterou o compromiso do seu departamento con estas políticas que buscan facer o territorio rural cada vez máis produtivo e rendible e tamén cada vez máis verde e resiliente ante o problema dos incendios forestais.
Na actualidade, Galicia conta cun total de 34 polígonos agroforestais en distintas fases, que supoñen a posta en valor de máis de 9.500 hectáreas propiedade de máis de 9.000 veciños. En canto ás aldeas modelo, no conxunto de Galicia existen un total de 21 aprobadas, 14 delas na provincia de Ourense.