
Jorge Teixeira, diante da nave principal da granxa, construida no ano 2015
Na era da robotización e a tendencia crecente das explotacións leiteiras a instalar robots de muxido, existen exemplos de granxas que deciden volver atrás e muxir en sala. Foi a decisión que tomou fai un ano a gandería portuguesa Teixeira do Batel, situada na freguesía de Guilhabreu, pertencente ao municipio de Vila do Conde.
Á fronte da explotación atópase Jorge Teixeira, que explica as razóns que o levaron a prescindir dos robots e ten un equipo de 8 persoas destinado exclusivamente a muxir os 1.000 animais en produción cos que contan. “Fixémolo por motivos económicos e de xestión do persoal. Cos robots a gran escala non tiñamos control sobre a calidade do leite e a man de obra era un caos”, asegura.
A granxa dispón dunha sala de muxido de 40 puntos con saída rápida e Jorge fixo o seguinte cálculo: “prescindindo dos robots, con 3 persoas na sala en 7 horas teriamos muxidas a totalidade das 1.000 vacas”. Deste xeito, decidiuse a retirar os robots e volver muxir todo o gando na sala.
Muxindo na sala logramos unha mellor optimización dos recursos humanos da explotación
Contan neste momento con 8 persoas só para muxir, repartidas en dous grupos de 4 persoas cada un, un para o turno da mañá e outro para o da tarde (3 persoas para muxir cada día e unha máis para correr turnos e libranzas en cada grupo). “Desta maneira conseguín rendibilizar moito mellor o tempo dos empregados e os beneficios da explotación”, asegura.
En cada quenda de muxido, tanto no da mañá como no da tarde, sempre hai unha persoa responsable, que se encarga de coordinar ao resto de traballadores: tres para atender a sala e 2 que axudan nas labores de mover lotes e fan camas mentras cada un dos lotes está na sala de espera.
Cara a xestión empresarial dunha granxa familiar
A gandería Teixeira do Batel constituírona os pais de Jorge, José e Herminda. Empezaron muxindo 6 vacas no ano 1976. Foi no ano 2000, cando Jorge e o sei irmán José Luís se incorporaron, cando comezaron un importante crecemento.
No 2015 construíron unha nave nova e instalaron 6 robots de muxido da marca Delaval e dous anos máis tarde ampliaron con outros 2 máis. “O noso obxectivo era pasar a robot toda a explotación, pero o investimento era moi elevado, polo que continuamos mantendo a sala de muxido en paralelo aos robots, xa que nese momento muxiamos xa 600 vacas”, explica.
Chegaron a ter 700 vacas en muxidura en sala e 400 en robot pero mantendo os dous sistemas a xestión do persoal era moi caótica
No ano 2025, a granxa contaba con máis de 1.100 animais en produción: unhas 400 vacas nos robots e 700 na sala. “A xestión da man de obra era bastante caótica, porque tiñamos empregados traballando nos robots e empregados traballando na sala”, recoñece.
Implantación de protocolos de traballo
Até fai un ano a explotación era levada por Jorge e o sei irmán José Luís: Jorge encargábase máis da parte de maquinaria e dos traballos de campo, mentras que o seu irmán se ocupaba de atender o gando. Pero no 2025 o seu irmán decidiu deixar a explotación e Jorge decidiu entón protocolizar os traballos a realizar polos empregados e realizar unha xestión máis empresarial da granxa.
“Cada vez máis as persoas que hai dispoñibles para traballar queren saber a que hora entran a traballar e a que hora saen e que días libres teñen. É necesario facer turnos e organizar os horarios da granxa como se fose unha fábrica doutro tipo”, argumenta Jorge. “Con este modelo logramos ofrecer iso: horario. Se non garantes iso a rotación de empregados é constante”, remarca.
En total a granxa conta con 26 empregados, organizados sempre en equipos de traballo
En total a granxa conta con 26 empregados, organizados sempre en equipos de traballo: 8 destinados a muxir, 3 na parte de alimentación, 5 para limpeza do establo e un equipo técnico de 2 persoas, entre eles unha veterinaria que exerce as funcións de encargada e responsable da explotación. “É importante crear líderes dentro dos equipos de traballo”, asegura Jorge.
Bonificacións salariais en función do reconto celular

Tanque do leite da explotación
Para controlar a calidade do traballo realizado na sala de muxido, Jorge revisa diariamente a analítica do leite. “O persoal que moxe ten un premio se a calidade hixiénico-sanitaria do leite é óptima. Cantas menos células somáticas maior é o premio e se a analítica supera as 200.000 non hai gratificación a final de mes”, conta.
Os robots traballan ben, pero a grande escala non conseguía ter control da explotación
Este sistema de bonificacións salariais logra o obxectivo de que os empregados que moxen vixíen o gando con mamites e separen as vacas que é necesario tratar. “Eu iso nos robots non o lograba, perdía completamente o control das células. Os empregados botábanse a culpa os uns aos outros e non había ningún responsable”, asegura.
Mesmo tendo quendas para atender os robots as 24 horas do día, sucedíanse os atrasos. “Moitas veces o empregado da noite botábase a durmir e cando chegaba o do seguinte turno, ás 6 da mañá, había un montón de vacas atrasadas”, explica.
Nos equipos de muxido, hai un líder en cada turno, encargado de dar formación aos demais traballadores da súa quenda
Na sala, pola contra, os horarios e as tarefas a realizar son sempre as mesmas, argumenta. “Non é un problema dos robots, porque os robots traballan ben, é un problema da xente que os atente, e eu en grande escala non conseguía controlar o sistema. Sempre estabamos fóra dos parámetros para as células e iso tiña repercusións no prezo do leite. Ao volver á sala acabouse ese problema. A única maneira de asegurar a rendibilidade económica da empresa foi parar os robots”, admite.
Formación continua

Un equipo técnico apoia a Jorge na toma de decisións na súa granxa
Teixeira do Batel ten contratada unha empresa externa de consultoría, Servovet, formada por un grupo de veterinarios, que lle axudan a Jorge a analizar os datos da granxa e a xestionar a explotación. “Hai que saber delegar, senón vólveste tolo”, di.
Para que os empregados fagan un bo traballo teñen que estar formados; non lles podes pedir cousas sen antes ensinárllelas
Cada 15 días pásanlle un informe con distintos parámetros para poder facer axustes e tomar decisións. A empresa externa é tamén a encargada de dar formación aos traballadores. “Aquí facemos sempre moito fincapé na formación e na integración das persoas nas tarefas a desempeñar. Para que os empregados fagan un bo traballo teñen que estar formados; non lles podes pedir cousas sen antes ensinárllelas”, argumenta.
Obxectivo: manterse nas 1.000 vacas para non perder benestar animal

Zona de amamantadoras para as becerras de recría da granxa
O obxectivo da Exploraçao Agrícola Teixeira do Batel é manter o número de animais, xa que incrementar o número de cabezas suporía perder confort e benestar animal, coa conseguinte perda de produción. “O noso obxectivo é manternos todo o ano entre as 950 e as 1.000 vacas en lactación. Por enriba das 1.000 xa non temos condicións óptimas”, explica Jorge.
Probamos con tres muxiduras pero a sala estaba funcionando as 24 horas do día e non atopabamos persoal
As vacas están divididas en 5 lotes diferentes e a produción media da granxa sitúase en 37-38 litros, facendo dúas muxiduras ao día na sala. “Xa traballamos durante dous anos muxindo tres veces ao día pero non atopabamos persoal e tivemos que volver muxir só dúas veces, porque o turno da noite tiñamos que facelo os da casa porque ningún traballador quería facelo”, conta.
Venden o leite a tres empresas diferentes a súa estratexia de reprodución ten coidado de que todos os touros que utilizan sexan A2A2. Unha vez cubertas as necesidades de recría para a taxa de reposición da granxa, utilizan cruzamentos con touros de actitude cárnica.
Control da alimentación

Almacén de materias primas, a partir das que elaboran o concentrado da ración
En canto á alimentación, elaboran 5 carros unifeed ao día para vacas de leite máis dous para vacas secas. “É un horario de traballo de 8 horas para un empregado. Temos dous traballadores para o carro para facer turnos, traballa un e descansa o outro”, explica.
Bruno Moreira, o nutrólogo da explotación, traballa con materias primas mercadas directamente
Para poder supervisar o seu traballo e comprobar que as cantidades de silo de millo, herba, bagazo de cervexa e concentrado depositadas no pesebre son as correctas, as fixadas para a ración de cada lote, o carro mesturador está conectado a un programa informático que rexistra as pesadas de cada ración elaborada no día.
Se dependeramos das fábricas de penso non teriamos cartos para pagar aos empregados a fin de mes
Bruno Moreira é o nutrólogo da explotación. Traballa con materias primas mercadas directamente e almacenadas e moídas na explotación. “Non vén nada feito, elaboramos todo nós. É o único xeito de saber o que comen as túas vacas e de aforrar algo. Para abararar o custo da alimentación é necesario mercar en gran escala. Se dependeramos das fábricas de penso non teriamos cartos para pagar aos empregados a fin de mes. O segredo para ter marxe son as boas compras para o almacén”, destaca Jorge.
Pouca superficie agraria
Traballan un total de 225 hectáreas de terreo. “Para as vacas que temos, precisabamos o dobre de superficie de cultivos da que temos”, admite Jorge. Iso obrígaos a reducir as cantidade de silo de millo que introducen na ración e ter que mercar máis insumos. “Traballamos moito con alfalfa e fariña de millo. É a solución que atopamos para solucionar a falta de terra sen afectar á produción”, explica Jorge.
Temos silos co 35% de materia seca, que entendemos que é o punto óptimo de colleita
No cultivo de millo, optan por variedades de ciclo longo para acadar altos rendementos por hectárea garantindo unha boa calidade de forraxe en canto a parámetros como dixestibilidade e amidón. “Buscamos que os nosos silos teñan o 35% de materia seca, que entendemos que é o punto óptimo de colleita”, di. En canto ao tamaño de partícula no picado do millo para o ensilado, está entre 9 e 10 milímetros.
Adaptación de variedades ao tipo de terra
Para optimizar a terra dispoñible fan dous cultivos ao ano, millo no verán e raigrás con avea e triticale no inverno. Labran o millo en catro tandas, tratando de adiantar ao máximo a sementeira naquelas fincas máis enxoitas. “Nesas parcelas labramos no mes de abril un ciclo curto para recoller a mediados de agosto”, explica.
Dispoñen só de 225 hectáreas de terreo para 1.000 vacas en produción
As fases intermedias, que son as que aportan a maior cantidade de forraxe e a de máis calidade, son labradas en maio e colleitadas en setembro e outubro. “Estamos a unha altitude baixa, o que nos permite botar con garantías un ciclo longo”, asegura. Finalmente, para a última quenda de sementeira reservan as parcelas que aguantan a humidade ou nas que teñen sistema de rego e nelas sementan un ciclo 600.
Labran un ciclo 600 nas fincas con regadío e un ciclo 400 no resto
Sofía Oliveira de Dekalb, que se encarga de asesorar á explotación no cultivo forraxeiro de millo, destaca a produtividade e resistencia á seca das novas variedades, capaces de manter a calidade forraxeira en condicións de estrés hídrico. A media xeral de produción desta explotación é de 47.000 toneladas por hectárea.
Seguemento por satelite dos cultivos
Moitas das operacións agrícolas son levadas a cabo con maquinaria propia, pero para acelerar as sementeiras subcontratan a metade das labores a empresas externas. Dispoñen dunha sementadora de 12 liñas con abonado en liña e botan unha densidade de 91.000 plantas por hectárea. “Ao facer o abonado na liña de sementeira aforramos unha pasada de tractor”, di. En canto ao herbicida, empregan un específico contra o amaranto nos bordos das parcelas para controlar a súa proliferación.
Os mapas satelitais permítenlles decidir o momento óptimo de colleita e optimizar a auga nas parcelas con regadio
Empregan os mapas de rendemento e a vista satélite para o control do cultivo e tomar a decisión fundamental do momento óptimo de colleita. “Son máis de 80 parcelas as que temos e é imposible pisalas todas a diario. Normalmente miramos o satélite e imos comprobar dúas ou tres fincas”, di. O seguemento por satélite do cultivo tamén lles axuda a optimizar a xestión da auga nas parcelas de regadío, para regar en función da necesidade hídrica real do cultivo en cada momento.
Planta de biometano: “Non é tanto polos beneficios económicos senón para solucionar o problema do purín”
Un dos próximos proxectos nos que está inmersa Teixeira do Batel é o da produción de biogás. Para iso, asinaron un acordo co grupo suizo Axpo e a comercializadora portuguesa de electricidade y gas natural de orixe 100% renovable Goldenergy, que prevén a construción dunha planta de biometano en Vila do Conde.
O proxecto suporá un investimento de 8 millóns de euros, cunha previsión de produción superior a 15 GWh/ano. A explotación cederá o terreo onde se construíra a planta e o purín que usará como materia prima. “Nós non participamos directamente na planta, nin a súa construción nin na súa xestión, unicamente lles alugamos o terreo onde se vai instalar e lles vendemos o xurro, pero todo o resto é responsabilidade da empresa”, aclara Jorge.
Temos moitas vacas e pouca terra; vimos neste proxecto unha solución a ese problema
A decisión de participar no proxecto non ten que ver tanto co retorno económico senón como unha solución para reducir o impacto ambiental da granxa. “Nós temos un montón de vacas e pouca terra e vimos nesta oportunidade unha solución para iso”, afirma.
Portugal produce case dous millóns de toneladas de leite e o 40% concéntrase na zona norte
O 40% da produción de leite de Portugal (sen contar as Azores) concéntrase na zona norte do país, entre os ríos Douro e Miño, nos distritos de Braga e Porto principalmente, con municipios como Barcelos e Vila do Conde competindo por ser os que máis leite producen de todo Portugal.
Galego









Control OJD