A Xunta de Galicia levará a cabo a vindeira semana en Castro de Rei e en Lugo dúas xornadas informativas sobre o funcionamento da ferramenta Conta Láctea, que permite ás explotacións de leite calcular os seus custos de produción de xeito individualizado.
As sesións explicativas terán lugar o martes 16 ás 12 da mañá na casa da Cultura de Castro Riberas de Lea (Castro de Rei), organizada en colaboración con Africor Lugo, e ao día seguinte, o mércores 17 tamén ás 12 do mediodía, no salón de actos do Edificio da Ronda da Muralla, organizada conxuntamente con Agromuralla.
Nestes actos de presentación sobre esta nova aplicación informática participarán Silvestre José Balseiro Guinarte, director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural e José Manuel Andrade Calvo, presidente da Fundación Juana de Vega. No acto do mércores en Lugo asistirá tamén o conselleiro do Medio Rural, José González.
Dato de referencia para a negociación dos contratos coas industrias
Conta Láctea é unha ferramenta posta en marcha pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Juana de Vega dentro da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo.
Esta aplicación ten como finalidade facilitar a xestión empresarial das ganderías produtoras de leite galegas, permitindo aos gandeiros coñecer os verdadeiros costes de producción, algo imprescindible neste momento de encarecemento de pensos, gasóleo ou enerxía.
Ademais ese coste de produción por litro de leite, segundo a Xunta, debe servir para futuras negociacións coa industria, algo que dende a Consellería xa teñen solicitado ao Ministerio de Agricultura, para que se cumpra deste xeito o estipulado na Lei da Cadea Alimentaria, que impide a venda a perdas.