A xornada “Territorio e Alimentación: construíndo identidade e valor compartido” organizada conxuntamente pola Fundación Juana de Vega e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) contou esta mañá cuns 80 profesionais da cadea de valor agroalimentaria da comunidade, confirmando o interese por un tema de plena actualidade e dunha necesidade compartida polo sector.
A alianza entre as dúas entidades xurdiu da convicción compartida de xerar espazos de reflexión estratéxica, de aprendizaxe mutua e de diálogo entre administracións, empresas, sector primario, gastronomía e promoción territorial para poñer en común experiencias reais, identificar boas prácticas e falar con honestidade dos retos presentes e futuros.
Dúas perspectivas complementarias: privada e pública
A través de relatorios e de dúas mesas redondas, presentáronse dúas perspectivas complementarias. Por unha banda, como as empresas agroalimentarias poden aproveitar os valores do territorio para construír marca e diferenciarse. Pola outra, houbo a posibilidade de coñecer de primeira man cal é o papel das entidades públicas á hora de impulsar marcas paraugas asociadas ao territorio que contribúan a mellorar a competitividade.
Neste contexto, como explicou o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, tamén resulta imprescindible falar de soberanía alimentaria, entendida como a capacidade real dun territorio para producir alimentos de calidade para abastecer á súa poboación e para xerar valor a partir dos seus propios recursos. “Galicia ten un enorme potencial. Desde a Fundación Juana de Vega estamos convencidos de que a alimentación é un dos principais motores de desenvolvemento rural, de cohesión social e de creación de valor sostible”, valorou. Unha reflexión compartida por Roberto Alonso, director de Clusaga: “A excelencia alimentaria galega non se constrúe só con produto, senón tamén con estratexia, colaboración e visión de futuro”.

Vía de oportunidades
De feito, unha das mensaxes principais desta mañá é que non se trata só de producir máis, senón de producir mellor, de fortalecer as economías locais e de construír relacións máis directas entre quen produce e quen consome. A diversidade e calidade dos nosos produtos está asociada á tradición, pero tamén á sostibilidade, o saber facer do sector primario, á innovación e á confianza. “Temos unha marca Galicia que debe seguir consolidándose en mercados cada vez máis esixentes, máis conscientes e máis competitivos”, apuntaba José Manuel Andrade.
Programa de gran nivel
Miguel Rives, CEO da axencia especializada GastroAgencia (Valencia) inaugurou o programa introducindo os principais retos e oportunidades en torno á conexión entre territorio, alimentación e consumidor.
A continuación na primeira mesa, centrada en indicacións de calidade e marcas territoriais, participaron Luis Vázquez, director de Promoción e Relacións Externas de IGP Ternera Gallega e IXP Vaca Galega-Boi Galego; Mª Begoña López, directora xeral de Desenvolvemento Rural e Industrias Agrarias do Principado de Asturias e responsable da marca Alimentos del Paraíso Natural; Ramón Fernández, xefe do servizo de Mercados na Xunta de Galicia e responsable da marca Pesca de Rías; e Blanca Jiménez, presidenta da Asociación de Destinos Gastronómicos Nacionales e da marca Saborea España. A moderadora foi Beatriz Suárez, da Fundación Juana de Vega.
A continuación, na segunda mesa redonda, reuniuse para o debate a voces referentes do ámbito gastronómico e empresarial como Lucía Freitas, chef e fundadora do restaurante A Tafona (Estrela Michelín) e do proxecto Amas da Terra; Sara Torreiro, responsable de Márketing e Responsabilidade Social en Casa Grande de Xanceda; Juan Vázquez, director xeral de Bodegas Martín Códax; e Ramón de Meer, director de Márketing para España e Portugal de Hijos de Rivera. Luz Martínez, do Clusaga, conduciu a conversa.
O encontro finalizou cunha reflexión institucional a cargo de Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (ACAGAL), para quen a aposta polas marcas de calidade contribúe a valorizar o territorio rural, destacando que, no futuro, “a calidade diferenciada e a cooperación son imprescindibles para competir no mercado global”.
A xornada “Territorio e Alimentación” finalizou cun espazo de networking para xerar conexións, alianzas e proxectos futuros entre todos os asistentes.
Galego









Control OJD