A Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia celebra unha nova edición, confirmando a aposta de Turismo de Galicia polo enoturismo e as propostas singulares e auténticas. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, ven de presentar a 14 edición desta iniciativa, que está organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños das cinco Denominacións de Orixe galegas: Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro e Ribeira Sacra. No acto tamén participou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte.
Cada unha destas denominacións será protagonista nunha das fins de semana de maio. Así, a Ruta do Viño de Monterrei amosará a súa oferta do 2 ao 4 de maio, mentres que a de Valdeorras o fará do 9 ao 11. As adegas das Rías Baixas centrarán o interese entre o 16 e o 18. A Ruta do Viño de Ribeira Sacra percorrerase do 23 ao 25. Pecha o calendario a Ruta do Viño O Ribeiro, con actividades 30 e 31 de maio e 1 de xuño.
Nesas datas, as persoas que se acheguen a cada destino poderán coñecer as 62 adegas participantes, a través das visitas guiadas e gratuítas ás instalacións. Ademais, hai distintas propostas de actividades, como catas e degustacións, visitas a museos e centros de interpretación relacionados coa viticultura, rutas históricas ou pola natureza, paseos en barco, obradoiros, concertos etc. Repiten os Buses do Viño, con 35 itinerarios en total e saídas desde Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Ponferrada. A programación completa está dispoñible a través da páxina de Turismo.gal.
Enoturismo
Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou que “o turismo enolóxico constitúe un dos eixos de traballo claves para Turismo de Galicia no que respecta á diversificación da oferta do destino” na medida en que inclúe actividades en distintas localidades da Comunidade. Ademais, destacou que o gasto medio diario asociado ao turismo gastronómico para 2023 cifrábase en 112,5€, o segundo que máis inversión involucra.
Neste sentido, destacou ademais, que Turismo de Galicia está a implementar o Plan territorial de sostenibilidade turística de enogastronomía de Galicia 2023-2025, dotado con 34,5M€, que ten como obxectivo posicionar a rexión como destino enogastronómico de primeiro nivel. Neste contémplanse 11 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, algúns dos que, precisamente, están ligados a municipios pertencentes ás distintas denominacións de orixe de viños, como o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria, o PSTD Ribeiro – O Carballiño, ou o PSTD Condado Paradanta Destino Enogastronómico.
Ademais, “a Estratexia de Turismo de Galicia 2030 contempla o enoturismo como unha ferramenta a través da que articular propostas diferenciais”, avogando pola colaboración e a acción coordinada coas cinco rutas do viño de Galicia para reforzar a xeración de experiencias turísticas.
Desestacionalización
A mesma Estratexia fai da desestacionalización da demanda un dos obxectivos da Xunta, ao que apunta a organización da Primavera de Portas Abertas en maio. En 2024, este mes experimentou un incremento do 15,1% no número de visitantes con respecto ao mesmo mes de 2023, a maior suba rexistrada en todo ese ano.