Experiencias de recuperación de pradeiras deterioradas en Ourense

A introdución de especies leguminosas adaptadas a terras secas propicia un aumento da fertilidade do solo e un maior crecemento das gramíneas. Repasamos traballos desenvoltos por Mabegondo en Penamá (Allariz) e Amoroce (Celanova)

Experiencias de recuperación de pradeiras deterioradas en Ourense

Pradeira implantada en Penamá nun antigo camiño, con abundante presenza de trevo. Ao fondo, pradeira de tres anos con escasa presenza de leguminosas. / Imaxes: Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

A implantación de pastos nas comarcas gandeiras de Ourense presenta con frecuencia dificultades. As características climatolóxicas da provincia, marcada por periodos de seca estival que tenden a alongarse no tempo polo cambio climático, é un dos principais inconvenientes. Repasamos dúas intervencións que desenvolveu o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo en Penamá (Allariz) e Amoroce (Celanova) para recuperar pradeiras deterioradas.

En Penamá, implantáronse no monte veciñal arredor de 85 hectáreas de pradeiras entre os anos 2001 e 2008, transformando superficies que ata daquela estaban a mato e piñeiros. Laboreáronse as terras por completo, retiráronse pedras e sementouse nos primeiros anos unha combinación de raigrás inglés e híbrido con dactilo e trevo branco.

Corte para herba seca en Penamá con abundancia de leguminosas.

Corte para herba seca en Penamá con abundancia de leguminosas.

Un dos problemas que se detectou aos poucos anos é que o trevo branco non persistía, en parte debido á seca estival e a un solo granítico que retén mal a humidade. A ausencia do trevo, unha leguminosa que introduce nitróxeno no chan, levou a unha perda de fertilidade e a que a herba tivese un escaso crecemento. En situacións así, os aportes de nitróxeno de síntese ó solo poderían ser unha alternativa, pero como os montes de Penamá se estaban xestionando en ecolóxico, non era posible.

Introdución de leguminosas
Así as cousas, no outono do 2005, o departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dirixido daquela polo investigador Juan Piñeiro, acometeu unha primeira proba en Penamá coa sementeira dun antigo camiño de acceso ó monte con 9 leguminosas e 4 gramíneas, logo de enchelo con terra vexetal dun solo próximo . Entre as leguminosas, escolléronse perennes (trevo branco, trevo fresa) e anuais (serradela, aserruche, trevo migueliano, trevo vesiculoso, trevo encarnado, trevo persa, trevo subterráneo, etc.).

Os bos resultados propiciaron que ao ano seguinte se extendese a experiencia ás pradeiras deterioradas, nas que se probou no outono a introdución de especies leguminosas mediante sementeira en superficie e a través da sementeira directa. O efecto do trevo foi inmediato. As áreas sementadas con trevo presentaron esa mesma campaña un maior crecemento das gramíneas que as superficies nas que non se introducira.

A experiencia desenvolta en Penamá (Allariz) foi explicada recentemente por Juan Piñeiro na reunión de outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que precisamente se desenvolveu en Allariz e incluíu unha visita ós montes de Penamá.

Implantación de pradeiras en Amoroce con sementeira sen laboreo nunha zona de mato.

Implantación de pradeiras en Amoroce con sementeira sen laboreo nunha zona de mato.

Amoroce
Outro dos casos de recuperación de pradeiras que expuxo Juan Piñeiro nas xornadas foi o da Facenda O Agro, en Amoroce (Celanova), coñecida nos últimos anos polo lanzamento ó mercado das galeguesas, que son presas de carne moída de vacún, adobadas con especias naturais e que teñen a forma das hamburguesas.

En Amoroce, a situación era similar á de Penamá. Implantáronse pastos a partir do ano 2006 nos que escaseaban as leguminosas e nos que había un escaso crecemento das gramíneas. A intervención de Mabegondo, no ano 2008, incluíu un encalado da terra, pois os solos eran moi ácidos e pouco propicios para o crecemento do pasto, e a sementeira de trevos, festuca alta e raigrases inglés e híbrido. O abonado da pradeira con xurro de porco dunha granxa próxima completou os traballos.

Sementeira directa en Amoroce.

Sementeira directa en Amoroce.

A sementeira fíxose igual que en Penamá, unha parte en superficie e outra parte con sementeira directa, cun leve soterrado da semente. O resultado foi desigual. Ese outono inverno nevou ata en 7 ocasións, o que inviabilizou a semente en superficie. Sen embargo, a sementeira directa si prosperou.

Tras aquelas experiencias, Juan Piñeiro, na actualidade investigador xubilado do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, apunta como recomendacións de leguminosas máis axeitadas ás seguintes. Como trevos anuais, o migueliano, o persa resupinatum, o vermello e o vesiculoso, acompañados de especies perennes como o trevo branco e o violeta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información