Experiencias de granxas leiteiras galegas con distintos sistemas de muxido

Gandería Sar SL (Touro), Granxa A Esperanza (San Sadurniño) e Gandería Pastora SC (Muxía) explicaron nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro as diferenzas de organización de traballo e manexo entre a sala paralela, a rotativa e o novo sistema de batch milking robotizado

Cristóbal Touriñán (Gandería Pastora), Rubén Gómez (Granxa A Esperanza) e Manuel Sandá (Gandería Sar), relatando a súa experiencia nas xornadas de Seragro

Cristóbal Touriñán (Gandería Pastora), Rubén Gómez (Granxa A Esperanza) e Manuel Sandá (Gandería Sar), relatando a súa experiencia no muxido nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro

O tamaño da explotación é un dos aspectos que condiciona a escolla dun sistema de muxido ou outro. No caso das granxas grandes, son distintas as posibilidades e tamén os pros e contras de cada sistema.

Nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite tres ganderías XL galegas explicaron con que moxen, por que o escolleron e que man de obra precisan. Todas coinciden en que a falta de traballadores é un problema grave e que a ausencia de persoal cualificado aboca moitas veces a buscar a automatización das tarefas.

A falta de traballadores aboca moitas veces ás explotacións a buscar a automatización das tarefas de muxido

Contamos a continuación a experiencia de Gandería Sar SL, de Touro, que conta cunha sala de muxido paralela de 32 puntos; Granxa A Esperanza, de San Sadurniño, que dispón dunha sala rotativa de 40 puntos; e Gandería Pastora SC, de Muxía, a primeira en instalar en Galicia un sistema de batch milking robotizado. 

Manuel Sandá (Gandería Sar SL)

“A sala traballa 15 horas ao día e muximos de media 160 vacas por hora”

Instalacións de Gandería Sar SL, na parroquia de Bama (Touro)

Instalacións de Gandería Sar SL, na parroquia de Bama (Touro)

Gandería Sar SL, ubicada na parroquia de Bama (Touro) nace da fusión de 4 granxas familiares que deciden asociarse para por en marcha un proxecto gandeiro cun enfoque máis empresarial e con relevo xeracional asegurado.

Hoxe a explotación está composta por 5 socios e moxen 655 vacas, cunha media de produción de 44,3 litros diarios cun 3,35% de graxa e un 3,43% de proteína. A previsión é rematar este ano 2024 superando por primeira vez os 10 millóns de litros de leite entregados. “En catro anos pasamos de muxir 350 vacas a 650”, explicou Manuel Sandá, un dos socios, nas xornadas de Seragro.

Fai dous anos incorporaron cepillos para a preparación das vacas na sala de muxido

Gandería Sar conta cun sistema de muxido traseiro en sala paralela de 2×16 puntos logo da última ampliación en 8 puntos acometida no ano 2019. Fai dous anos incorporaron tamén cepillos que axudan aos traballadores na preparación das vacas antes da colocación das pezoneiras, para incrementar con iso o rendemento da sala e a comodidade dos muxidores, e melloraron o sistema de ventilación e climatización da sala de espera mediante aspersores e ventiladores para mellorar o confort térmico das vacas.

TOURO Ganderia Sar SL vacas secasNeste momento a granxa atópase ao 100% da súa capacidade, cunha nave para 640 animais construída no ano 2017 na que están as vacas en produción, divididas en 4 lotes. “Debido á falta de sitio, só recriamos o necesario para manter a cabana nos niveis actuais, poñendo seme sexado ás xovencas a partir dos 13 meses e utilizando unha alta porcentaxe de cruce industrial nas vacas e deixando de inseminar animais tralo quinto parto”, detalla.

A granxa atópase ao 100% da súa capacidade, muxindo 655 vacas

A explotación moxe tres veces ao día desde a primavera de 2017. O paso de 2 a 3 muxiduras permitiulle incrementar a súa produción en 4 litros por vaca e día. Moxen sempre 3 persoas en cada turno, 2 na sala e outra traendo vacas e facendo outros traballos entre lote e lote.

TOURO Ganderia Sar SL datos muxido“O maior custo no noso caso é a man de obra necesaria”, admite Manuel. A gandería conta en total con 13 empregados e a sala, entre muxidos e lavados, supera as 15 horas de traballo ao día. O gasto en man de obra supón 1,84 céntimos por litro de leite, mentres que o dos mantementos e reparacións é de 0,22 céntimos por litro e o dos consumibles empregados na sala de muxido de 0,17 céntimos por litro.

O custo de mantemento da sala é moi baixo, apenas supera os 2€ por tonelada de leite

Dispoñen dun empurrador na sala de espera para achegar as vacas e acadan medias de 160 animais muxidos por hora (140 no muxido de pola mañá, 160 no de mediodía e 180 no da noite). “A media de tempo de muxido por vaca é de 5 minutos e 21 segundos, pero máis da metade dese tempo a vaca está agardando a que a pezoneira lle sexa colocada”, admite Manuel.

Por iso, fai dous anos incorporaron un cepillo prediping que axilliza o traballo e o fai máis uniforme en todos os animais. A rutina de muxido realízase de 8 en 8 vacas e en cada cambio de lote os muxidores mudan a súa posición. Cando están as primeiras 4 vacas colocadas comézase coa rutina: quitar chorros, cepillo prediping, colocación de pezoneiras, retirada e selador.

“Todas as vacas recén paridas ou as tratadas están nun lote aparte que se moxe de último. Este leite vai para un tanque diferenciado e nunca se fan os tratamentos na sala para evitar erros”, explica.

TOURO Ganderia Sar SL datos muxido2Gandería Sar valora o servizo prestado pola súa sala de muxido tras 12 anos de funcionamento. “Permitiunos pasar de muxir 259 vacas no ano 2012 a 655 agora mesmo sen investimento nin obras e o custo de mantemento é moi baixo, de pouco máis de 2 euros a tonelada de leite muxido”, explica Manuel.

Estamos contentos co noso sistema de muxido actual pero o mundo avanza e hai que evolucionar

Tamén destaca o feito de que “unha sala non condiciona a alimentación e para nós iso é importante”, di. A base da ración das vacas en produción é o millo (dos 26,9 kg de materia seca que consomen, máis da metade, 14,5 kg, proveñen do millo). O aumento no número de animais da granxa foi da man do crecemento en terras e hoxe das 358 hectáreas totais que manexa esta explotación, 204 están adicadas a silo de millo e 123 a gran húmido.

En canto ao futuro, Manuel admite que “a sala actual non é eterna e temos que tomar decisión, porque o noso obxectivo é muxir tamén máis vacas e temos que darlle unha solución á problemática que hai para atopar man de obra”, di. “Estamos contentos co noso sistema de muxido actual pero o mundo avanza e hai que evolucionar”, conclúe.

Rubén Gómez (Granxa A Esperanza)

“Queriamos que o tempo de muxir fose o menor posible”

Sala de muxido rotativa de 40 puntos de Granxa A Esperanza (San Sadurniño)

Sala de muxido rotativa de 40 puntos de Granxa A Esperanza (San Sadurniño)

A Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP) puxo en marcha no ano 2016 en San Sadurniño o proxecto de Granxa A Esperanza logo de mercar unhas instalacións de máis de 40 anos que contaban con 200 animais e 15 hectáreas de terreo propio.

O 11 de novembro de 2019, logo da construción dunhas novas instalacións, estréase a nova sala rotativa de 40 puntos, onde na actualidade se moxen 390 vacas de raza jersey, dado o enfoque do proxecto cara á produción de sólidos, con medias de 27 litros por vaca e día cun 5,78% de graxa e un 4,26% de proteína. Do prezo final obtido por litro de leite, o 30% correspóndese coas primas cobradas por graxa e proteína.  

O proxecto está enfocado cara á produción de sólidos, con vacas de raza jersey

A ración das vacas de leite está composta por 29 quilos de silo de millo, 8 de bagazo de cervexa, 4,5 de colza, 1 de veza deshidratada e 5,5 dun núcleo de concentrado e as de vacas secas e xovencas levan palla, colza, silo de millo e concentrado.

A sala rotativa ten unha vantaxe para a ergonomía do traballo, xa que a vaca vai a onde está o empregado

A escolla do sistema de muxido en sala rotativa buscaba unha maior comodidade do persoal (a vaca vai á persoa que está muxindo) e tamén dos animais, xa que contan con prazas individuais para cada un e as interaccións entre eles son menores ca nunha sala paralela, explica Rubén Gómez, integrante do equipo técnico de CAP Coruña.

Distribución das horas de traballo diario dos 9 empregados de Granxa A Esperanza

Distribución das horas de traballo diario dos 9 empregados de Granxa A Esperanza

Granxa A Esperanza conta con 9 persoas no seu cadro de persoal, que se organizan en dúas quendas en xornada continua de 4 persoas. Os empregados da explotación son “multitarefa”, é dicir, realizan outras funcións ademáis de muxir (alimentación, adondicionado das camas, coidado da recría, etc), polo que, explica Rubén, “queriamos que o peso do muxido fose o menor posible”. Neste momento, as horas de muxido representan o 32% do tempo da xornada laboral dos traballadores.  

As horas de muxido representan o 32% do tempo da xornada laboral dos traballadores

En cada muxido, tres persoas operan na sala, onde teñen as función distribuídas do seguinte xeito: unha persoa prepara vacas, outra pon as pezoneiras e a terceira sela e revisa. Logran medias de 175 vacas/hora muxidas ao eliminar os tempos de espera na carga e descarga de animais.

De cara ao futuro, Granxa A Esperanza ten a intención de aumentar a capacidade das instalacións en 200 prazas máis ampliando as naves actuais co fin de mellorar os puntos débiles no manexo diario, logrando maior benestar do gando e mellorando a eficiencia nos tempos de traballo dos empregados.

Cristóbal Touriñán (Gandería Pastora SC)

“A redución de man de obra foi bestial, pasamos de tres persoas por turno a só unha”

Sistema de batch milking con 8 robots en liña que Gandería Pastora estreou o pasado mes de xullo

Sistema de batch milking con 8 robots en liña que Gandería Pastora estreou o pasado mes de xullo

Gandería Pastora SC, de Muxía, foi este verán a primeira explotación leiteira galega en apostar polo sistema de batch milking ou muxido roboticado en lote. Contan neste momento con 425 vacas en lactación (o 60% primeirizas) e tiñan, como a maioría de granxas leiteiras, dificultades para atopar man de obra.

Por iso decidiron instalar 8 robots en liña en substitución da sala de muxido de 24 puntos (2×12) que ampliaran fai tan só dous anos. Logran muxir de media 8 vacas por hora en cada un dos 8 robots, “un rendemento similar a unha sala 2×10 traseira”, recoñece Cristóbal Touriñán, pero con moito menos persoal.  

Instalaron 8 robots en liña e deixaron todo preparado para colocar 4 máis no futuro

“A redución de persoal foi bestial; pasamos de 3 persoas por turno a só unha e os nosos empregados pasaron dun traballo físico e baixo tensión na sala a un traballo máis de supervisión”, destaca.

A granxa aténdena 11 persoas, contando os 4 socios (Cristóbal, a súa muller Romina e os seus pais José Manuel e Pastora) e 7 empregados (1 en exclusiva para atender a recría, 4 para o muxido e 2 para outras tarefas).

MUXIA Ganderia Pastora SCGandería Pastora tivo un crecemento moi rápido na última década que a obrigaba a incrementar persoal, sobre todo para as tarefas de muxido, a medida que o número de cabezas ía aumentando e o tamaño da sala quedando pequeno.

Gandería Pastora SC naceu coas dúas vacas que mercaron os pais de Cristóbal cando voltaron da emigración en Suíza

Agora unha soa persoa é capaz de muxir as 425 vacas e, mentras tanto, facer outras tarefas na granxa como por exemplo acondicionar as camas. “Necesitas dun operario, que non dun muxidor. A súa función é ir traendo os distintos lotes de vacas á sala de espera e asegurarse de que todas pasen polos robots, pero mentres se moxen esa persoa pode facer outros traballos na granxa”, explica Cristóbal.

Cando a principios de xullo puxeron en marcha o novo sistema de muxido fixérono de golpe para as 400 vacas que estaban a muxir daquela. “A primeira semana foi moi dura, aínda qu a adaptación foi rápida. Custounos máis adaptar aos operarios que ás vacas, que entenderán que non tiñan que estar alí agardando a que se muxiran”, engade.

A produción sitúase de media entre os 37 e os 39 litros por vaca e día

Entre as vantaxes que Cristóbal destaca do sistema de batch milking está a capacidade que ofrece para a detección precoz de enfermidades. “Estamos detectando os problemas moito antes. Un animal que 2 ou 3 días despois tería unha mastite o sistema xa o separa por condutividade e tratando simplemente cun antiinflamatorio a maioría das veces solucionamos”, di.

“A área de separación é o corazón do sistema”, asegura. Para esta zona de revisión de vacas á saída dos robots van os animais que non acadan o 80% da produción media diaria ou o 50% nun dos cuarteróns. “Non levamos nin 4 meses e o reconto celular baixou moito porque a calidade do muxido mellorou. Nós, por moi bos que sexamos, non traballamos igual todos os días; as máquinas si”, argumenta.

MUXIA Ganderia Pastora SC vacas en producionO investimento necesario para a posta en marcha do sistema de batch milking foi elevado e “como en calquera outro robot, é inevitable descartar certos animais que non se adaptan, ben por problemas de tetos e configuración do ubre ou por outros problemas”, admite Cristóbal.

A calidade do muxido mellorou moito. Nós, por moi bos que sexamos, non traballamos igual todos os días; as máquinas si

Ademais, di, “encarécese un pouco a alimentación porque temos que dar algo de penso nos robots, aínda que non é tan necesario coma nos robots de tráfico libre”, matiza. “O 60% do noso custo de produción é a alimentación do gando, polo que non nos compensa ir a un punteo máis elevado”, explica.

Dispoñen de 180 hectáreas de base territorial, das que labran 150 a millo para silo (80 delas en rotación con distintas mesturas de raigrás, cereais e leguminosas) e fan tres racións diferenciadas para vacas en produción en función do lote, unha para postparto, outra para vacas en pico de lactación e outra para animais en cola de lactación e preparación ao secado, onde fan só dous muxidos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información