Experiencias de ganderías que están a apostar en Galicia pola raza fleckvieh

Coñecemos as vantaxes que atoparon catro gandeiros da provincia de Lugo nesta raza de orixe austriaca, que se adapta a todo tipo de explotacións e sistemas de manexo, desde ecolóxico a robot de muxido. Aseguran que son vacas con moi boas producións de leite e carne e moito menos delicadas que as frisoas

Animais de raza fleckvieh da Gandería Casa Abuín en Lugo

Animais de raza fleckvieh da Gandería Casa Abuín, de Mazoi, en Lugo

Nos últimos tempos distintas razas están a disputar o monopolio da vaca frisona na produción de leite en Galicia. Unha delas é a fleckvieh, de orixe austríaca, e que se adapta moi ben ás condicións do noso país. É o que contan Diego, da gandería Valcárcel Láncara SL; Juan Carlos, da gandería Gómez González; Anxo, da Gandería Labrador SC e José Ángel, de Casa Abuín.

En Austria, o 80% de toda a cabana gandeira pertence hoxe xa á raza fleckvieh e esa tendencia segue en aumento tamén a nivel internacional. Debido ás características específicas desta raza pode usarse con dobre propósito, produción de leite e de carne, con vacas máis robustas e de vida máis lonxeva e con menos problemas en canto a enfermidades e aspectos reprodutivos.

Falamos con estes catro gandeiros galegos para que nos expliquen por que se decantaron por esta raza e os aspectos que salientan dela. As súas explotacións atópanse todas na provincia de Lugo pero son moi diferentes entre si. Sen embargo, todas din ter atopado no gando fleckvieh un aliado para incrementar a súa rendibilidade.

“A raza responde, eu penso que pode competir perfectamente coa holstein”

Rexistro dunha das vacas fleckvieh de Gandería Valcárcel Láncara durante o muxido

Rexistro dunha das vacas fleckvieh de Gandería Valcárcel Láncara durante o muxido

Diego Fernández incorporouse á explotación familiar de produción de leite, Ganadería Valcárcel Láncara SL, hai 15 anos. “Incorporeime no ano 2006 e empecei coas holstein coma todo o mundo, pero vía que non ía ben”, afirma. “Estaba investindo moito en xenética e os resultados non eran os que eu agardaba, parecíanme vacas moi brandas e fun probando outras razas”, conta.

Primeiro introduciu vacas de raza roja sueca, logo parda alpina, normanda … até que deu coas fleckvieh. “Penso que das que probei é a que máis me convenceu, a raza máis completa, a que me aporta máis na miña gandería”, asegura. “A miña filosofía é ter vacas que me duren, eu fíxome máis na produción vitalicia que nunha única lactación”, defende.

Diego chegou á raza fleckvieh porque quería aumentar a súa cabana. Hoxe conta con animais xa de segundo e terceiro parto e obtén moi bos resultados en lactacións avanzadas

O primeiro animal que lle chegou de Austria hai tres anos acaba de parir do terceiro parto con case 60 litros de produción diaria, 30 litros á mañá e uns 25 pola noite. “E iso que aquí as vacas non están exprimidas, bótoas a pacer”, aclara. Entrega o leite a Larsa, que lle paga unha prima por pastoreo pero non valora tanto coma outras empresas as porcentaxes de sólidos. “Aínda así son 2.000 euros o que estou cobrando de primas por calidade ao mes”, detalla. Esa é outra das vantaxes que Diego ve a este gando. El está en niveis do 4% de graxa e do 3,50% de proteína agora na primavera coa alimentación con pasto, pero no inverno sobe até o 4,3% de graxa.

As holstein son de cristal, se che duran a metade de tempo e en dous anos xa estás sen elas non fixeche nada

A maiores está o feito de que “este gando mantén moi ben a condición corporal e, en caso de ter que vendelas, collen moitos máis quilos e páganchas máis, polo que recuperas máis cartos tamén por esa vía”, di. Tamén nos becerros. “Eu aínda non probei, porque estou aumentando e aproveito a recría, pero a estas vacas poñéndolles azul belga ou limusin teñen que criar moi bos xatos”, considera.

Cruzamentos

GANDERIA VALCÁRCEL LÁNCARA SL (Láncara) fleckvieh3

Unha das xatas cruzadas de fleckvieh e frisón que está a criar a Gandería Valcárcel Láncara SL

Gandería Valcárcel Láncara SL está muxindo hoxe unhas 90 vacas, das que tan só 4 ou 5 son holstein puras. Diego é firme defensor dos cruzamentos. “Empecei a facelos con montbeliard e roja sueca en rotación no 2013, antes de traer as fleckvieh”, conta. Hoxe a maioría da súa cabana é Procross e decidiu introducir tamén o mesmo sistema de inseminación rotacional nas fleckvieh. Está a criar dos 10 animais fleckvieh que ten neste momento, pero non en pureza, senón que os cruza con holstein en primeiro termo e logo con roja sueca, mantendo o mesmo método que segue coas Procross, só que substituíndo nestes casos a raza montbeliard pola fleckvieh. A vantaxe, di, a facilidade de manexo. “Son vacas moi dóciles e moi tranquilas, moi doadas de manexar, quizais máis que as Procross”, considera.

Gandería Valcárcel Láncara SL compatibiliza a raza fleckvieh con animais Procross

“A raza responde, eu estou contento”, di. “Penso que pode competir perfectamente coa holstein”, engade. “Son un pouco máis caras, porque custan uns 2.200 euros cando unha holstein das que traen de Francia anda polos 1.900 euros, pero se che duran a metade do tempo e aos dous anos estás sen elas non fixeche nada”, razoa. “As holstein son de cristal, vanche durar dous partos, tres como máximo, e iso en condicións óptimas. Eu penso que a raza holstein estana estropeando con tanta selección, porque hai moita consanguinidade”, considera.

“A última que trouxen chegou a 47 litros no robot en primeiro parto ao mes de parir”

GANDERIA GÓMEZ GONZÁLEZ (Pastoriza) fleckvieh1

Unha das primeirizas que trouxo este ano a Gandería Gómez González de Bretoña

“Trouxen a primeira en decembro de 2019 por probar. E sorprendeume. Aquela chegara a 38 litros en primeiro parto. E insemineina con 40 e pico días de parida e empreñou á primeira, así que tiven que secala con 7 meses. Nese tempo, 280 días en leite, fixo un total de 9.300 litros en primeiro parto”, conta Juan Carlos, da Gandería Gómez González, de Bretoña, na Pastoriza.

Aquilo podía ter sido casualidade, así que, para comprobalo, mercou outras dúas fleckvieh, que chegaron tamén aos 37 litros. “Hoxe teño xa cinco e a última, que pariu a finais de febreiro, chegou a 47 litros en primeiro parto ao mes de parida”, detalla. “Non lle saco moito máis tampouco a unha frisona primeiriza. A verdade é que me sorprenderon, contaba con que deran de 30 a 35 litros, iso era o que lles calculara eu para que foran rendibles na explotación”, engade.

A súa é unha gandería intensiva, con dous robots de muxido, o segundo instalado hai pouco. No establo as 5 fleckvieh están mesturadas co resto das vacas, todas frisonas. A alimentación tamén é única, cunha ración en carro de 28 quilos de silo de millo; 14 de silo de herba; 0,8 de melaza líquida; 0,5 de palla e 5,4 de concentrado, máis o punteo según produción do robot, que está nuns 6 quilos de media.

Condición corporal

Coa mesma alimentación e unha produción semellante cas holstein, a diferenza fundamental é que “as fleckvieh mantéñense moi ben, non baixan nada nin perden a condición corporal durante a lactación”, indica Juan Carlos. “O que me queda por saber é o que duran, porque aquí a que máis tempo leva é de segundo parto aínda”, conta.

Mantéñense moi ben, non baixan nada durante a lactación

Sen saber cal vai ser o seu comportamento en canto á lonxevidade, que agarda que sexa tamén maior que no caso das frisoas, Juan Carlos está a recriar delas para incrementar deste xeito a súa cabana fleckvieh. “Estou poñéndolles seme sexado fleckvieh para asegurar que me saian femias”, explica. Dalles dúas oportunidades a cada unha porque “por moita fertilidade que teñan, sempre che baixa un pouco ao usar seme sexado”, indica.

Antes de apostar pola raza fleckvieh Juan Carlos probou coa parda alpina. “Din que é a segunda raza máis leiteira despois da frisona, pero non me convenceu, é bastante blanda tamén”, opina. Da fleckvieh non tiña unha boa opinión tampouco até agora porque xa as tivera tamén na casa hai anos. “Comprara dúas na época do meu pai na feira de Silleda. Non sei se viñan de Alemaña ou de onde viñan aquelas, pero nada comparado con estas, as outras eran máis de carne ca de leite”, lembra. Hoxe a súa percepción cambiou por completo e conclúe: “o problema destas vacas é só un, o seu prezo, porque polo que custan dúas fleckvieh compras tres pintas”.

“Para producir en ecolóxico penso que estas vacas son o propio”

GANDERIA LABRADOR SC (Monterroso) fleckvieh1

As vacas de Gandería Labrador SC saen ao pasto todos os días

Anxo García Expósito é un mozo de 32 anos incorporado fai pouco á explotación familiar, Gandería Labrador SC, ubicada en Lorentín (Monterroso). Desde o ano 2016 producen en ecolóxico e entregan o leite a Lactalis. “Eu xa coñecía algunha granxa de leite en ecolóxico e convencín a meu pai, porque se adaptaba mellor á nosa forma de traballar. É outra forma de producir, non te tes que esixir tanto nin a ti nin aos animais”, conta.

Co cambio a ecolóxico trataron de buscar animais que se adaptasen mellor ao manexo e á alimentación e aos que poder sacar tamén un maior rendemento. “De casualidade, buscando en Milanuncios gando de raza fleckvieh din con Ganados Barreira, que estaba empezando a traer nese momento animais de Austria e recomendáronnos probar. Dixéronnos que era unha raza pioneira aquí en Galicia e que ía ser moi boa. E tiñan razón, estamos encantados con estas vacas”, recoñece.

“En Austria lévannos moitos anos de adianto, alí en pouco tempo o 100% das explotacións van estar en ecolóxico. Eu penso que esa tendencia tamén vai ir medrando aquí nos vindeiros anos porque desde Bruxelas estase primando iso. E hai que buscar razas que funcionen mellor nese sistema”, razoa.

Para o manexo son sinxelas e para min iso é importante porque témolas que botar e meter todos os días

Un dos aspectos a destacar, di, do gando fleckvieh é o seu manexo doado, xa que “son animais moi dóciles”. “Para min iso é importante porque nós as vacas témolas que botar e meter todos os días. Estas son coma cas, andan detrás dun polo medio do establo, non fan como as holstein que empezan a correr dun lado para o outro, estas son moito máis tranquilas”, compara.

Para saíren ao pasto, as fleckvieh tamén teñen vantaxes a respecto das frisonas, considera. “As holstein tríllanse ao andar pola gravilla, estas son máis duras e non teñen problemas de patas”, asegura. “Para o ecolóxico penso que son o propio: problemas de patas cero, sen mamites, fertilidade 100%, empreñan á primeira, aguantan o pico de lactación máis tempo e non tes que darlles tanto penso”, describe. “É un tipo de vaca moi completa, que quizais non destaque en nada en particular pero que no cómputo xeral, para min, son as mellores con diferenza”, asegura.

Dobre propósito: leite e carne

A día de hoxe, Gandería Labrador SC ten 70 cabezas totais, das que 12 son fleckvieh. Pero coa incorporación de Anxo á explotación van facer unha nave nova e meter 36 animais máis. Teñen pensado seguir apostando por esta raza e destacan a profesionalidade de geneticAUSTRIA GmbH, a organización encargada da promoción e exportación da raza fleckvieh, e que pertence aos gandeiros e centros de inseminación austríacos. “Están sempre moi preto dos clientes aconsellándonos e informándonos. O interese que teñen con nós sorprendeume moito para ben”, di Anxo, que destaca tamén a boa adaptación das vacas chegadas de Austria a Galicia. “Hai dous anos estiven en Austria, e o clima dalí é medio parecido ao que temos aquí, agás as nevaradas que caen alí no inverno. Eses animais aquí adáptanse moi ben, non notan nada o cambio”, di.

Ao ter maior lonxevidade, facilítanos medrar máis rápido, porque non necesitas tanta recría para reposición

A fleckvieh é unha raza usada en Austria con dobre propósito, é dicir, tanto para a produción de leite como de carne. “Son vacas de carne dando leite”, define Anxo. Por iso, di, “á hora de envialas ao matadoiro déixanche máis. O martes pasado en Silleda vendeuse unha fleckvieh de descarte en 1.750 euros máis IVE. Unha frisona déixache menos da metade, tes que tela moi mantida para que chegue aos 1.000 euros”, compara.

Grazas á maior lonxevidade a respecto das holstein, ademais, son vacas que permiten medrar máis rápido a granxas como a súa, que pretenden aumentar o número de cabezas a curto prazo. “O feito de que estas vacas duren máis tamén facilita medrar ao non necesitar tanta recría para reposición. Ese é un gasto menos que hai que asumir”, di Anxo. Gandería Labrador está a recriar xa da ducia de animais fleckvieh que ten, con doses de seme que tamén lles facilita geneticAUSTRIA.

“Estou vendendo xatas dun mes a 500 euros, hai moita saída para elas”

Unha das becerras fleckvieh que Casa Abuín vende para recría

Unha das becerras fleckvieh que Casa Abuín vende para recría

A raza fleckvieh é tendencia neste momento, non só en Galicia, senón a nivel mundial e iso nótase na demanda que está a haber destes animais. “Hai moita saída para vida, eu estou vendendo as becerras de 20 días a 500 euros”, conta José Ángel Abuín Rubinos. El empezou a traer de Austria as primeiras xovencas fleckvieh próximas ao parto hai só 4 ou 5 meses pero a día de hoxe xa ten 14 na súa gandería, ubicada en Mazoi, no concello de Lugo.

Casa Abuín conta con 40 cabezas. “Son todas vacas adultas en produción, eu non fago recría”, explica José Ángel, que optou fai anos por unha solución coa que persegue valorizar os xatos. “Insemino con limusin e sácolle ás crías 250 euros e iso sumado ao que me deixa a vaca cando a mando para carne dame para pagar a reposición. Case ninguén funciona así pero a min vaime ben facendo deste xeito, sácome traballo e gastos de enriba”, argumenta.

Como non fago recría e merco as xovencas para reposición, comezei a buscar razas de vacas que me durasen un pouco máis no establo

Para non ter que mercar tantos animais de reemprazo, José Ángel, que partía cunha cabana holstein, comezou a buscar razas de vacas que lle durasen máis. “Teño un pouco de todo, algunha roja sueca, montbeliard, parda alpina, pero a que máis me gusta é a fleckvieh. En calidades do leite é mellor e as xatas tamén teñen máis saída, de todas as razas a que máis se vende é a fleckvieh, debe estar de moda”, destaca.

Máis graxa e proteína

José Ángel ten claro que cada gandeiro debe optar polo modelo de explotación que máis beneficios lle aporte en forma de diferencial entre ingresos e gastos. “Non se trata de ter medias altas, trátase do que che queda a fin de mes e unha explotación pequena coma a miña non ten que buscar litros a toda costa, ten que ir a outra cousa”, defende.

Non se trata de ter medias altas, trátase do que che queda a fin de mes e unha explotación pequena coma a miña non ten que buscar litros a toda costa, ten que ir a outra cousa

“Todas as empresas están pedindo calidades”, asegura. A súa, Lactalis, pasou de descontarlle 400 euros todos os meses porque non chegaba aos mínimos esixidos de graxa e proteína, a pagarlle agora 700 euros por eses conceptos. “É algo que se nota”, destaca.

A introdución de razas como a feckvieh valeulle para subir notablemente as súas porcentaxes de sólidos e, aínda que un terzo do seu rabaño é aínda frisón, en conxunto os niveis medios de graxa sitúanse no 4,50% e os de proteína no 3,40% para un promedio de produción de 28 litros por vaca e día.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información