Experiencia en Galicia con cama fría para explotacións de vacún leiteiro

Alberte Lamazares e Manuel Faílde son os dous socios de Rousil SC. O proxecto naceu da fusión de dúas explotacións de pastoreo na parroquia de Río, no concello de Rodeiro e no Val de Camba, unha das mellores zonas gandeiras de Galicia. Condicionados pola concentración parcelaria, botaron andar en marzo cun plan aínda moi diferente do que tiñan proxectado cando comezaron.

20251002_113952

Alberte Lamazares e Manuel Faílde son os dous socios de Rousil SC. O proxecto naceu da fusión de dúas explotacións de pastoreo na parroquia de Río, no concello de Rodeiro e no Val de Camba, unha das mellores zonas gandeiras de Galicia. Condicionados pola concentración parcelaria, botaron andar en marzo cun plan aínda moi diferente do que tiñan proxectado cando comezaron.

Se ben non renuncian ao pastoreo -nin moito menos- agora mesmo en Rousil están funcionando cun sistema de corte intensivo no que o principal elemento que diferencia a explotación é o modelo de cama fría. Un método de traballo co que levan dende marzo e que é case único en Galicia.

Falamos con eles para coñecer este particular sistema, as súas impresións sobre o mesmo e os primeiros datos que foron rexistrando dende que comezaron a implementalo. E tamén abordamos o funcionamento e a filosofía de traballo na explotación

Un modelo alternativo

O modelo estaba concibido para un sistema de pastoreo, de xeito que as vacas non estiveran as 24 horas sobre a cama fría. Pero, polo de agora, non se puido desenvolver porque as fincas da concentración parcelaria acaban de ser entregadas e está todo un pouco no aire.

“Tiñamos moi claro dedicarnos ao pastoreo. Ese foi o motivo para optar pola cama fría. Se a intención fora ir a intensivo, teriamos cubículos coma todo o mundo, porque é algo que está contrastado. Pero os resultados que estamos obtendo fannos ver positivamente a cama fría en intensivo.”

A experiencia coa cama fría arroxa bos resutados en sólidos

A experiencia coa cama fría arroxa bos resutados en sólidos

De aí que, ata que se clarifique como quedan as parcelas e ata que se teñan resultados de produción de leite, enfermidades das vacas, fertilidade, custos de produción, mantemento e alimentación e todos os demais parámetros, non decidirán se pasan a pastoreo ou manteñen o actual modelo intensivo.

O sistema que aplican en Rousil consiste en depositar serrín sobre unha superficie habilitada dentro da corte na que as vacas entran para descansar e saen para comer e pasar pola sala de muxidura. O serrín, que se vai compostando coas dexeccións das vacas, reméxese unha vez ao día mediante ganchos ou, se está moi húmido, mediante fresadora. É un traballo que non leva máis de 10 minutos.

Cada cargamento de serrín que se aplica no espazo de descanso aguanta arredor de dous meses. Transcorrido ese tempo, e logo de engadirlle os elementos que corrixen a humidade e compactan a mestura, é preciso cambiar o material. Os gandeiros calculan que no inverno a cama terá que cambiarase unha vez ao mes. Para encher a cama son precisos dous camións cargados, a un prezo duns 2.000 euros máis IVE.

O maior esforzo que precisa a cama fría está no baleirado e a extensión da nova superficie

O pico de esforzo que da a cama fría dase o día que chega o serrín. Hai que desaloxar o abono compostado que había, limpar ben a instalación e estender o novo serrín. Ao cabo dunha semana é cando se empeza co remexido diario. “A cama fría danos pouco traballo e, por riba, cómodo.”

E as vacas non teñen risco de mancarse contra un ferro ou co cemento. E tampouco poden esvarar. “O único espazo de certo risco é o da arrobadera, pero so a atravesan para ir comer e chéganos cunha para todas estas vacas. En calquera granxa, cando chega un animal novo ou entra un grupo de secas, hai alboroto. Aquí tamén, pero sen que as vacas se manquen.”

A humidade que presente a mestura sobre a que descansan as vacas é algo que hai que controlar. “En canto comeza a subir de máis, botámoslle tres ou catro pacas de palla por riba e regulan unha semana máis ou menos. E tamén aplicamos un big bag de 600 quilos de cal ou de carbonato, que melloran a calidade da mestura e actúan como desinfectantes.”

A humidade das camas é o parametro sobre o que máis control hai que exercer

Habitualmente, o serrín que vai para camas de vacas ten certo grao de humidade. Eso conleva o risco da presenza de bacterias que deriven en mamites. En Rousil conseguiron un provedor que lle-lo vende totalmente seco, co que se reduce o risco e se mellora a calidade da mestura posterior.

A cama ten unha superficie de 85 metros de longo por 14 de ancho, é decir 1.190 m², e está situada por detrás dos comedeiros e sen unha separación física entre ambos espazos. Unha superficie máis que suficiente para acoller a máis de 90 vacas, que son as que tiveron de media en muxidura este ano.

“Facendo unha certa porcentaxe de centralización de partos -xuntalos en primavera- e sen cambiar o actual modelo, podemos meter neste espazo arredor de 130 vacas nese período de concentración e aumentar as lactacións anuais.”

Os responsables de Rousil non queren lanzar as campás ao voo ata ter todos os datos dun ano completo. Con todo, sinalan que ata agora os custos por litro de leite comparados con modelos intensivos de cama individual son moi alentadores. E lembran que en marzo e abril fixo frío e choveu abondosamente sen que a produción ou a sanidade se resentiran.

Con todo, Lamazares sinala que aínda non están a aplicar o modelo en todas as súas posibilidades porque están no proceso de adaptación. “Non estamos a completar o proceso de compostación en cama fría. Para eso teríamos que ter a cama máis alta, incrementala e traballala en dúas zonas diferenciadas: a superficial e a que queda no fondo.”

“Habería que ir traballando nesa parte máis superficial e deixar que a de abaixo vaia compostando. Dese xeito, as temperaturas aumentan e en combinación coa humidade fan que as bacterias comecen a traballar no proceso de compostaxe.”

A ensilaxe pasa a segundo plano

A ensilaxe pasa a segundo plano

Todo produto compostado mellora a súa calidade como fertilizante. E ese proceso de compostaxe mellora as condicións sanitarias da propia cama. Porque as bacterias descompoñen a materia orgánica e crean unhas condicións de maior asepsia.

Outra parte positiva da cama fría -como o seu nome indica- é a dificultade que ten para subir de temperatura. Se ben eso fai que a compostaxe se demore, tamén implica que non aporta calor e non fai subir a temperatura da nave. Porque nos últimos anos a calor está a reducir a produción de leite no verán de moitas granxas.

Os datos de produción de leite e da súa calidade avalan, polo de agora, este modelo

E tampouco hai o risco de que a cama fría acabe conxelándose no inverno. “Non deixamos que acumule tanta humidade como para eso. Aparte de que a presenza das vacas, o seu movemento e calor corporal, tamén o imposibilitan.”

“Hoxe estamos nun camiño intermedio entre a cama quente de toda a vida e a cama fría. O noso obxectivo inicial era aplicar a cama fría pero, de momento, non puidemos. Falamos de que serían necesarios 50 centímetros de altura de cama e 5 ou 6 camións de serrín en lugar dos dous que vimos usando. É un risco e por eso temos que pensalo moi ben antes de dar o paso. Cando teñamos todas as medicións, decidiremos.”

Dende que implantaron o sistema de cama fría, en Rousil cobraron sempre as primas máximas por calidades do leite, o cal fai pensar que as condicións que garante o sistema dende o punto de vista sanitario son óptimas. O reconto de células mantívose sempre por baixo de 190.

“Estimamos que -tendo en conta custo de produción e prezo en orixe- podemos estar ingresando 0,01 € máis por litro que os sistemas de cama de area e 0,015 máis que nos que empregan serrín e carbonato en cubículo.”

20251002_114708

O manexo vese simplificado co sistema de cama fría

Hai que calcular tamén que a cama fría é máis aséptica e vai dar menos problemas con certas doenzas e que a man de obra e horas de traballo que require son moito menores que nos sistemas convencionais.

Tamén é importante ter en conta o residuo que produce. Nós temos claro que non queremos area nas nosas terras. O carbonato e a cal que botamos co serrín melloran o PH da terra cando chegan a ela, dese xeito, non é necesario un grande aporte de caliza cando laboreamos.

Dende Rousil deixan claro que o seu modelo non é nin mellor nin peor ca calquera outro. “É un sistema diferente. Coas súas vantaxes e os seus inconvenientes. Cada gandeiro é un profesional que sabe o que lle convén en cada momento a súa explotación. E nós aínda non temos todos os datos dun ano como para facer unha valoración exhaustiva e rigorosa.”

Sexa en pastoreo ou en intensivo, os datos recollidos avalan o modelo de cama fría

Como sucede, por exemplo, na Terra Chá, o acceso á terra non é doado nesta parte do Deza. “O val de Camba é unha zona moi fértil, con leiras de moito valor agronómico. Aínda que pechan explotacións, sempre hai interese das que quedan en facerse con parcelas nesta zona. Pola súa produtividade.”

Rousil SC está dentro do programa de control de Africor-Pontevedra e son socios da Cooperativa O Rodo. E están tamén na Agrupación de Defensa Sanitaria Xundeva, que abrangue concellos de toda a comarca do Deza.

Sempre que se pon en marcha un proxecto alternativo ou se fai un cambio de modelo, é habitual que veciños, familiares e amigos se amosen sorprendidos e teñan moitas dúbidas sobre a viabilidade. “A nós tamén nos pasou, claro. Pero os máis agoreiros foron os que nunca viron unha vaca na vida.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información