“A experiencia avala as vacinas para combater as enfermidades transmitidas por insectos”

Falamos co veterinario Pablo Béjar, da Agrupación de Defensa Sanitaria da Fonsagrada, das enfermidades transmitidas por mosquitos que xa están afectando á cabana galega, como EHE, língua azul ou enfermidade de Schmallenberg. Tamén abordamos a dermatose nodular contaxiosa, detectada en Cataluña a pasada semana

Pablo, realizando la revacunación esta primavera en una de las ganaderías de la ADS Fonsega

Pablo Béjar é veterinario na Agrupación de Defensa Sanitaria (ADS) Fonsega da Fonsagrada. Nunha xornada técnica, celebrada nese concello lugués, sobre vixilancia sanitaria de vacún en Galicia desenvolveu unha ponencia sobre as enfermidades transmitidas por mosquitos e a situación actual das mesmas. Falamos con el polo miúdo para coñecer máis detalles sobre estas doenzas, que apareceron nos últimos anos e que poderían converterse en endémicas.

Arrancamos a conversa polos focos de dermatose nodular contaxiosa detectados en Cataluña, e que supoñen un risco para toda a cabana gandeira a nivel español.

Que procedementos estades a aplicar para previr a dermatose nodular contaxiosa?
Percibimos que é unha situación grave. Na nosa ADS seguimos os protocolos que marca a UE, pero dá a sensación de que son protocolos que non están deseñados para actuar de forma preventiva. Pode parecer que agora se fía todo á aplicación de vacinas, cando se puideron ter tomado medidas previas.

E teñamos en conta que mosquitos, moscas e carrachas poden ser transmisores do vector da enfermidade. Nos sistemas extensivos, como son os maioritarios nesta zona da montaña luguesa, a exposición é moi elevada.

Polo que estamos vendo, cando se declara un foco nunha explotación, a enfermidade xa levaba tempo nela e só se actúa ante o agravamento dos síntomas. Por eso non podemos desbotar que a Dermatose Nodular estea xa presente en Galicia. Hai que insistir na vixilancia pasiva e no aumento do número de revisións dos animais.

Para a vosa ADS podería resultar máis difícil enfrontar a dermatose por tratarse de modelos extensivos, moitos deles de volume grande?
Si. Sen dúbida. Nas estabulacións é máis doado aplicar medidas de protección. Pódense illar as cortes e impedir que nada entre ou saia delas. No noso caso só contamos coa utilización de repelentes e co labor de vixilancia. E é imposible controlar todos os mosquitos, moscas e carrachas que hai nos prados.

Agora hai que esperar a que as administracións decidan que se vai facer coas vacinas. Se van ser obrigatorias, se van estar dispoñibles a curto prazo, se se vai optar por unha ou por varias. Os gandeiros preguntan todos os días polas vacinas, ante o temor do que poida vir.

Falando de vacinas, que valoración facedes dende a vosa ADS respecto da súa aplicación e eficacia?
As vacinas teñen os seus pros e os seus contras. A súa eficacia está suficientemente demostrada. En cambio, os posibles efectos secundarios que poidan ter aínda non foron avaliados. Non houbo tempo. Igual que sucedeu co COVID: hai que valorar se preferimos frear a doenza ou preferimos evitar posibles efectos secundarios.

Esta enfermidade é algo novo e non sabemos -ou non está suficientemente investigado-o que poida pasar cos animais vacinados, independentemente da aplicación das vacinas. Pero creo que sempre é mellor confiar nas investigacións científicas.

Insisto en que estamos ante unha doenza nova e na fase inicial da mesma. As poucas certezas que teñamos hoxe poden cambiar en cuestión de días. O importante é seguir todos os protocolos e, sobre todo, facer unha observación constante dos rabaños.

En todo o sector bovino -tanto de carne como de leite- hai moita preocupación. Enténdese que é algo inevitable…
Cando se fala de enfermidades, e máis se son descoñecidas, sempre se dispara a preocupación. E se, ademais, aparece a expresión “baleirado sanitario” os gandeiros e os operadores de gando poden entrar en pánico. Ollo con eso, porque unha situación de medo e alarma xeneralizados poden ser tan perigosos como a propia enfermidade. Ou máis. Hai protocolos, hai medidas e hai marxe de reacción.

Unha recomendación elemental é lembrarlle ós gandeiros que o mellor animal que poden incorporar é o que sae da propia granxa a través da recría. Por suposto que en moitos casos hai que traer animais de fora. Se xa escaseaban e eran caros, agora vanse poñer polas nubes. Pero unha suba artificial dos prezos por causa do pánico pode ser nociva incluso para quen estea sacando beneficio desta situación.

Agora é lóxico pensar que coa chegada do frío, a actividade de moscas, carrachas e mosquitos irá a menos. Pero o virus seguirá presente durante meses e pode haber rebrotes no comezo da primavera. E está por ver que faga o frío suficiente.

Terceiro caso de dermatose nodular en Cataluña e inicio da vacinación mañá xoves

Este mércores, a Generalitat catalana vén de confirmar un terceiro caso de dermatose nodular nunha granxa da provincia de Girona. Esta detección non modifica a zona de contención establecida, de 50 km. arredor do primeiro foco.

Na zona de contención hai 800 ganderías con 93.000 animais. Estaba previsto para hoxe o inicio do proceso de vacinación, pero por un problema de loxística, as vacinas aínda non chegaron de Francia, polo que o arranque do proceso se atrasa a mañá xoves, 9 de outubro.

Priorizarase a vacinación no radio de 20 km. ó primeiro foco, e continuarase despois co resto de explotacións da zona de contención.

A normativa da UE só permite vacinar da dermatose ás ganderías ubicadas nas zonas de contención decretadas, trala aparición dun primeiro caso na área

A Generalitat lembra ademais que, de acordo coa normativa da UE, ata a detección dun positivo e o establecemento da zona de contención correspondente, está prohibida a vacinación das ganderías. É dicir, non se poden vacinar de xeito preventivo ganderías de fóra da zona de contención decretada.

Por último, o Govern insiste en pedir que por motivos de bioseguridade, se evite no posible o acceso de persoas alleas ás explotacións gandeiras na zona de contención.

Recomendacións en Galicia para previr a expansión da dermatose nodular contaxiosa

EHE, língua azul e enfermidade de Schmallenberg: como xestionar as enfermidades que xa están en Galicia

– Pasemos a facer balance da actual situación sanitaria en Galicia, a partir das enfermidades transmitidas por mosquitos. Fálanos da situación.
Principalmente son enfermidades víricas, é decir, causadas por virus. Eso significa que o mosquito non é o causante directo. Non é máis que o vehículo de transmisión do virus, o vector de contaxio, eso ten que estar claro.

Aínda que nos dous últimos anos se falou principalmente da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), non podemos esquecer a Lingua Azul (LA), que leva moito tempo presente na cabana galega. Aparte de que o mosquito que transmite a EHE é o mesmo que transmite a LA.

E hai que ter en conta que non só os mosquitos transmiten doenzas. Tamén moscas, carrachas e outros insectos poden causar enfermidades máis ou menos graves. Ben sexa mediante a picada, ben mediante o consumo das excrecións do gando, que levan a contaxios ao moverse entre os rabaños.

A enfermidade de Schmallenberg ten unha prevalencia en Galicia de arredor do 80%, son datos abraiantes. A parte positiva é que non é unha enfermidade grave

Na miña ponencia falei ademais da Enfermidade de Schmallenberg (ES), da que se comezou a falar en 2011 pero, se cadra, é pouco coñecida e está pouco investigada. Agora estase a realizar un estudo no que colabora a USC sobre as enfermidades causadas por mosquitos e os datos da ES son abraiantes.

E é que ten unha prevalencia -o número de exemplares que padecen ou padeceron a doenza- moi elevada. Na contorna do 80% de todos os animais dos que se tomaron mostras. Aínda que é certo que non adoita ser grave. Ten un período de incubación curto e pode provocar abortos ou malformacións nos animais que nacen.

Pablo Béjar informou os gandeiros da montaña luguesa sobre a Enfermidade de Schmallenberg

Pablo Béjar informou os gandeiros da montaña luguesa sobre a Enfermidade de Schmallenberg

En resumo, LA, EHE e ES son hoxe as principais doenzas transmitidas por mosquitos. E van camiño de converterse en endémicas e teremos que acostumarnos a convivir con elas. Pero, grazas ao esforzo dos científicos, temos cada vez máis ferramentas para facerlles fronte.

– Que síntomas e que consecuencias corresponden a estas enfermidades?

No caso de EHE e LA a sintomatoloxía en exemplares adultos é bastante similar: inflamación das mucosas nasais, sialorrea (o babeo constante), erosións nas mucosas da boca e chagas. E tamén laminitis nas pezuñas e outros problemas podais que só se perciben a longo prazo, cando vemos que o animal queda rezagado ou vai perdendo os cascos.

A ES tamén ten algúns destes síntomas aínda que máis atenuados. O seu maior perigo está en que pode atravesar a barreira placentaria e é capaz de causar problemas nas crías, máis ou menos graves en función do momento de xestación en que se produza o contaxio. Salvando as diferencias, ten síntomas semellantes aos da Diarrea Viral Bovina (DVB).

As enfermidades transmitidas por mosquitos teñen moitos síntomas comúns, polo que hai que actuar en canto aparecen para determinar de cal se trata

Aquí quero aclarar que, cos datos de prevalencia que temos e cos estudos que se están realizando, é moi probable que a ES teña sido a causante de malformacións e outros problemas sanitarios que no seu momento se achacaron a un mal manexo ou mesmo a efectos das vacinas. Agora xa estamos moito máis atentos á ES.

Tense falado de que as vacas se volven agresivas cando padecen a EHE. Eu non o vexo así. Máis ben creo que o malestar que lles causan os síntomas fan que estean moi incómodas e que por eso poidan parecer agresivas. Ademais, non é algo xeneralizado.

A perda de fertilidade ou os abortos si que teñen relación coa doenza porque o primeiro que fai o animal ante unha doenza grave é defender o seu organismo por instinto de supervivencia e eso afecta á xestación.

– No momento actual xa hai diferentes tratamentos e vacinas para estas doenzas. Están suficientemente testados e están a resultar efectivos?

O primeiro que lle decimos os afectados é que para estas doenzas víricas os antibióticos non son o tratamento axeitado. Ou seríano para as infeccións secundarias bacterianas derivadas da doenza. A aposta hoxe está na prevención e a mellor ferramenta son as vacinas. No caso da nosa ADS comprobamos que, en rabaños nos que entrou o virus e as vacas estaban vacinadas, non se detectou ningunha sintomatoloxía.

Tomando o exemplo da LA, hoxe hai en Galicia tres serotipos circulando. O 3, o 4 e o 8. Respecto do 4, o pasado ano houbo unha campaña de vacinación obrigatoria que abrangueu toda a cabana galega. Pois hoxe estamos vendo que de todos os casos de LA detectados non hai ningún do serotipo 4. E esto non pasou só en Galicia, foi en toda España.

A vacinación obrigatoria fronte o serotipo 4 de Lingua Azul deu como resultado que este ano non se detectara ningún novo caso dese serotipo

Coa EHE sucedeu algo semellante. No noso concello fixemos en abril unha vacinación masiva e no que vai de ano non houbo nin un só caso. E eso que foi unha vacinación tardía. E eso que temos constancia de que o virus está circulando. Creo, pois, que a eficacia das vacinas está demostrada.

– As zonas de montaña como A Fonsagrada son menos vulnerables a estas doenzas??

O primeiro que hai que dicir é que nas zonas de montaña practicamente todo o gando está en sistemas extensivos e, polo tanto, é máis vulnerable ás picadas dos mosquitos que transmiten o virus. Nunha estabulación podes usar ventiladores, telas mosquiteiras ou usar repelentes que non vai levar o aire. No sistema extensivo non é posible.

A observación diaria dos animais nas épocas de risco é unha óptima medida de prevención

A observación diaria dos animais nas épocas de risco é unha óptima medida de prevención

Tampouco se pode pensar que o mosquito non vai subir ata a montaña por ser unha zona máis fría. Porque non é así. Por debaixo de 12ª C a actividade do mosquito descende exponencialmente, pero os últimos veráns están a ter aquí medias moi por riba desa temperatura.

Hai que sinalar que unha calor excesiva tampouco favorece o mosquito. Como as carrachas ou as moscas, vaille mellor unha mestura de calor e humidade para poder criar. Por eso estivemos moi atentos en setembro, cando as temperaturas se moderaron e apareceron chuvias e néboas. Case é mais perigoso o fin do verán e o comezo do outono que os meses de maio e abril.

– As enfermidades víricas están chegando dende o sur. Ten esto algo que ver co cambio climático e a suba xeneralizada de temperaturas? Debemos estar preparados para que aparezan novas doenzas similares a estas?

Temos que ser conscientes de que o cambio climático e os seus efectos xa levan anos afectando a gandería. Pero non é o clima o que fai que cheguen virus. Chegan máis ben polo movemento de gando e, unha vez aquí, os vectores de contaxio adáptanse ao clima.

Unha curiosidade é que o serotipo de EHE que chegou primeiro a Galicia foi o 8. Pero procedía de Túnez. O máis lóxico tería sido que chegara antes o 6, que é o predominante en Marrocos e que está máis preto. Xa sabemos que o 6 vai chegar pero afortunadamente contamos cunha vacina para aplicar en canto se detecte.

– Este ano hai un intenso debate entre colectivos de veterinarios e administracións polas restricións ao uso de antibióticos. Están lastrando esas restricións a loita contra este tipo de doenzas?

Eu creo que as restricións están xustificadas polo feito de que o que se quere é que os antibióticos sigan sendo efectivos nas persoas. A saúde das persoas ten que prevalecer sobre calquera outra cuestión.

Os mosquitos vense favorecidos pola mestura de temperaturas moderadamente altas e humidade

Dito esto, non debera haber problemas cando o uso do antibiótico está xustificado. Por outro lado, no tratamento destas enfermidades víricas, os antibióticos só se van usar para mitigar efectos secundarios das mesmas, non son a parte esencial do tratamento.

– Tratándose da Fonsagrada, o habitual é falar de vacún de carne. Pero poden estas doenzas afectar a cabras, ovellas e porcos en sistemas extensivos?

A LA causou os maiores danos en canto a patoloxías e mortalidade no gando ovino. Todos lembramos os rabaños de ovellas mortas e cargadas en camións no sur de España hai uns anos. No caso das vacas, os efectos son moito menores, pero non por eso hai que baixar a garda.

A EHE e a LA non afectan o gando porcino aínda que estea en sistemas extensivos. Pero si que poden padecer ES aínda que non amosen síntomas. E o mesmo sucede cos cans. As ovellas poden ser portadoras de EHE ou mesmo reservorios da enfermidade pero non van presentar síntomas nin verse afectadas.

Inflamacións e erosións nas mucosas dos animais son síntomas comúns ás doenzas transmitidas por mosquitos

Inflamacións e erosións nas mucosas dos animais son síntomas comúns ás doenzas transmitidas por mosquitos

– Que recomendacións pode facer os gandeiros tanto preventivas como de actuación unha vez que aparecen as enfermidades?

Como medidas preventivas, a nivel xeral, débese evitar a adquisición de animais procedentes de zonas de risco, empregar as vacinas como método de bioseguridade e tamén usar repelentes e insecticidas.

Hai, ademais, técnicas de manexo básicas e sinxelas como son a de trasladar o gando duns pastos a outros coa maior frecuencia posible. E mantelo alonxado de zonas onde haxa unha alta concentración de auga e de materia orgánica, que son os mellores hábitats para os mosquitos.

E, por suposto, vacinar os animais tanto se é obrigatorio como se non o é pero os veterinarios recomendan facelo. A experiencia ata o de agora demostra que son totalmente fiables e resultan efectivas.

É importante que o gandeiro observe o rabaño. Sobre todo nas épocas de risco. En canto perciba algún síntoma ou mesmo un cambio na actitude do animal, debe chamar o veterinario para que faga unha valoración. En caso de confirmarse a doenza, haberá que analizar caso por caso os pasos e tratamentos a seguir.

Quero engadir que, despois de épocas moi duras, os gandeiros produtores de carne de vacún están a vivir unha época de certa bonanza e, sobre todo, ven futuro no sector. Non vaiamos poñer todo eso en risco por non tomar as medidas de prevención sanitaria oportunas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información