A expansión do xabarín abre a porta a que empresas de control de fauna interveñan no agro

Unións Agrarias trasládalle á Consellería de Medio Ambiente un plan piloto para profesionalizar a xestión do porco bravo fóra da tempada de caza. O obxectivo sitúase en reducir danos nas campañas de sementeira e colleita do millo

A expansión do xabarín abre a porta a que empresas de control de fauna interveñan no agro

Danos do xabarín no millo. / Arquivo.

O xabarín pasou de ser un problema limitado ó agro a convertirse a nivel galego en enemigo público número un. O aumento dos sinistros de tráfico que provoca, as súas cada vez máis frecuentes incursións en cidades e a ameaza da peste porcina africana sitúan o control de porco bravo na carpeta de prioridades das Administracións. Ante este escenario, Unións Agrarias vén de propoñerlle un plan piloto á Consellería de Medio Ambiente para atallar o problema na súa raíz.

A iniciativa da organización agraria parte dunha reflexión clara. “O problema do xabarín vai a máis e a peor, medran as poboacións e os danos van en ascenso”, expón o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo. “Se o control que veñen facendo os Tecores (sociedades cinexéticas) durante as tempadas de caza se demostrou xa que é insuficiente, porque non funciona, hai que cambiar o sistema. É o intre de que fóra da tempada de caza, interveñan no agro empresas de control de fauna para profesionalizar a xestión do porco bravo”, plantea Jacobo Feijoo.

“É preciso profesionalizar o control do xabarín, sen que dependa do maior ou menor voluntarismo das sociedades de caza” (Jacobo Feijoo)

A proposta de Unións busca solucións áxiles para cando se detectan danos no agro en épocas clave, como a sementeira do millo, na primavera, ou a súa colleita, ao final do verán. “O procedemento que propoñemos compromete a visita dun técnico ós danos en menos de 24 horas e a adopción de medidas en menos de 72 horas. Isto evitaría que gandeiros e agricultores tiveran que esperar semanas ou meses por unha solución que moitas veces non chega ou non é efectiva”, explica Feijoo.

En caso de danos, as medidas a adoptar centraríanse principalmente en esperas, acompañadas doutras accións, como a colocación de barreiras de olor ou a emisión de sons disuasorios. “Son todas medidas que se encargaría de executar unha empresa de control de fauna, en contacto directo cos Servizos Provinciais de Caza, para tramitar de xeito inmediato as comunicación e as autorizacións precisas sen necesidade de contar coa supervisión do Tecor en ningún momento do proceso”, apunta.

“Trátase de profesionalizar o control do xabarín sen que dependa do maior ou menor voluntarismo de sociedades de caza, que teñen outros intereses e non pagan polos danos, a pesar da responsabilidade que lles imputa a lexislación vixente. Para as esperas, podería contarse tamén con tiradores dos Tecores, se están dispostos, pero que un Tecor non puidera ou non quixera colaborar non sería un impedimento, pois habería tiradores especializados da empresa de control”, subliña o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións.

Plan piloto no Deza
A organización agraria, en colaboración coa empresa de control de fauna Sparta Control Service, propúxolle a Medio Ambiente iniciar un plan piloto esta primavera na comarca do Deza, unha das principais comarcas leiteiras de Galicia, se ben por agora a Consellería, que recibiu a proposta de xeito positivo, non comprometeu financiación para a mesma.

Se este plan piloto se pode testar en campo e se demostra efectivo, Unións Agrarias proporía a súa extensión a toda Galicia por medio dunha modificación lexislativa da Lei de Caza. “Sería entón preciso que os Tecores cofinanciasen a súa aplicación, do mesmo xeito que costean os seus propios seguros”, valoran desde Unións.

Tres propostas para reducir os danos dos xabaríns

A maiores da posta en marcha dun plan piloto que profesionalice a xestión do xabarín, Unións trasladoulle a Medio Ambiente outra serie de propostas para reducir os danos provocados polo porco bravo.

1) Eliminar os vedados de xabarín dos Tecores
Na actual situación, na que o xabarín se convertiu nun perigo público, Unións entende que non ten sentido manter os vedados de caza maior. “Si é necesario manter vedados de caza menor, para coello e perdiz, pero é preciso eliminar os vedados de xabarín, pois representan un grave problema para as explotacións agrarias próximas”, advirte Unións.

A organización agraria lembra tamén os últimos datos de siniestralidade viaria provocada polo xabarín: catro accidentes de tráfico ó día. No último ano, os sinistros de tráfico provocados pola fauna salvaxe en Galicia aumentaron un 24% e a metade deles son causados por porcos bravos.

A falta de censos oficiais, Unións calcula que a poboación de xabaríns en Galicia pode superar as 80.000 unidades.

2) Revisar os cupos de caza dos Tecores e establecer plans de prevención de danos
Ante a expansión da especie, Unións considera que cómpre revisar os cupos de caza dos Tecores. “Se se cumpren eses cupos e os danos do porco bravo aumentan, está claro que os cupos son insuficientes” – argumenta Jacobo Feijoo.- “Sabemos que hai directivas de Tecores e cazadores comprometidos no control da especie, pero tamén hai cazadores que antepoñen o seu interese cinexético ó interese público”, valora.

Unións suxire tamén que cada Tecor elabore un plan de prevención de danos, no que se teña en conta o calendario de cultivos, de xeito que actividades coma o adestramento de cans se enfoquen para afastar dos campos á especie. “O adestramento dos cans no monte non pode levar ós xabaríns do monte ós cultivos, como sucede agora en ocasións, ten que funcionar ó contrario”, sinala.

3) Testar a eficacia da alimentación disuasoria de xeito temporal

En épocas concretas problemáticas para os cultivos, como a sementeira do millo, Unións propón que se proceda á alimentación disuasoria das piaras de xabaríns naquelas zonas nas que se teña constatada a súa presenza, a fin de evitar que se acheguen ás áreas sementadas. “Non falamos de prácticas permanentes, senón durante determinadas semanas en que sexa preciso para evitar danos graves”, explican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información