A expansión a Galicia da fronte do nematodo do piñeiro mantense en pausa

A zona tampón de Portugal, que inclúe unha franxa de 20 Km. na fronteira con Galicia, continúa sen casos positivos, segundo os últimos datos publicados por unha auditoría europea de seguemento da praga. Galicia, pola súa banda, vai camiño de cumprir 4 anos sen infeccións detectadas

A expansión a Galicia da fronte do nematodo do piñeiro mantense en pausa

Trampa en monte que captura ós insectos vectores, que transportan a praga do nematodo. / Arquivo.

Unha das maiores ameazas que enfrontan os piñeirais galegos de cara ó futuro é a praga do nematodo do piñeiro, que en pouco máis de dúas décadas colonizou todo o Arco atlántico portugués, desde o Algarve, no sur, ata Viana do Castelo, no norte. Entre tanto, en Galicia só se rexistraron ata o de agora no sur de Pontevedra o que os expertos chaman ‘casos satélite’, é dicir, saltos da praga de Portugal a Galicia por causas descoñecidas, á marxe da súa velocidade de expansión natural. O problema é que a chegada a Galicia da fronte de praga espérase desde hai anos como algo inminente.

Último mapa de zonas con presenza do nematodo do piñeiro en Portugal, en abril do 2020.

Último mapa de zonas con presenza do nematodo do piñeiro en Portugal, en abril do 2020.

Desde o 2020, os casos notificados por Portugal sitúanse a penas a 20 km. da fronteira galega na zona do val do río Limia (Ponte da Barca), na zona leste do Geres (Montalegre) e na zona fronteiriza con Verín (Chaves). A previsión apuntaba a que a praga continuaría o seu ascenso cara ó norte, pero polo de agora non se fixeron públicos novos casos na zona tampón, que inclúe a fronteira de Portugal con Galicia.

Unha auditoría europea sobre o control do nematodo do piñeiro en Portugal, publicada a finais deste verán, sinala que as autoridades portuguesas detectaron cero positivos en zonas tampón no periodo 2019 – 31 de marzo do 2021. Durante o mesmo periodo, analizáronse ademais os insectos vectores da praga (‘Monochamus galloprovincialis’) que se capturaron en trampas colocadas nas zonas tampón, tamén con cero positivos de detección do nematodo.

A Comisión Europea, que lle tiña pedido a Portugal garantías adicionais sobre a ausencia da praga na zona tampón, valora en positivo eses datos. As cifras apuntan a unha contención da expansión da praga, que sen embargo hai que precisar que continúa moi activa nas zonas que xa figuraban como infectadas en Portugal, con máis de 2.500 positivos nas análises feitas no periodo 2019 – 31 de marzo do 2021.

Control de árbores mortas e queimadas en monte
A preocupación da Comisión Europea céntrase en Portugal no debido control dos piñeiros mortos, esmorecidos ou afectados por incendios forestais. Eses piñeiros son a diana do insecto vector da praga, o ‘Monochamus galloprovincialis’, para as súas postas de ovos, polo que Europa insiste en que esas árbores estean fóra do monte con prontitude durante o periodo de voo dos coleópteros vectores (1 de abril – 31 de outubro).

A cuestión é que a superficie da área a controlar é de tal dimensión que a tarefa de control convértese en titánica. A iso hai que sumar a situación de piñeirais afectados polos lumes, que en ocasións tardan anos en ser abatidos.

A mesma situación rexístrase na fronteira galega con Portugal, onde durante anos poden verse piñeirais queimados que continúan en pé no monte, sen ser retirados, preto da fronteira en zonas conflictivas, como o val do Limia, que rexistra casos positivos ó outro lado da raia.

Piñeiral queimado no Xurés, a escasos metros da fronteira con Portugal. / Arquivo.

Piñeiral queimado no Xurés, a escasos metros da fronteira con Portugal. / Arquivo.

Intercepción de madeira coa praga
Outra das preocupacións de Europa apunta ó correcto tratamento térmico da madeira abatida en monte en zonas demarcadas pola praga, a fin de evitar a propagación do nematodo en madeira transformada. Desde o 1 de xaneiro do 2019 ó 31 de agosto do 2021, Europa interceptou 12 lotes de madeira procedentes de Portugal con presencia da praga. Na comunidade, cómpre lembrar que tamén houbo unha intercepción de madeira galega infectada en agosto do 2019.

Así as cousas, en Galicia a inicios do 2023 cumpriríanse catro anos sen casos positivos da praga en monte. Un estudo calculaba que a fronte da praga entraría de Portugal a Galicia no 2022. Hai ano e medio non había constancia da presenza da praga na zona tampón de Portugal con Galicia, o que podería significar un retraso dese avance. Pero tamén hai que ter en conta que desde marzo do 2021 puideron detectarse positivos que aínda non se fixeran públicos, pois Portugal non actualizou datos neste periodo.

O reto da mellora xenética

As perspectivas do sector forestal apuntan a que alomenos o sur de Galicia terá que acostumarse a convivir con casos da praga. Desde o Centro de Investigación Forestal de Lourizán xa obtiveron piñeiros do país que presentan maior resistencia ó nematodo. Agora estase a iniciar a súa comercialización nos viveiros, un proceso que se espera que se acelere nos próximos anos. Paralelamente, Lourizán traballa para obter piñeiros con maiores resistencias, a fin de reducir o impacto que o nematodo poida acadar en monte.

Outra opción que teñen sobre a mesa propietarios forestais e comunidades de montes é a de facer reforestacións con coníferas que sexan resistentes á praga, como a sequoia, o ‘Pinus taeda’ ou a criptomeria japónica. A cuestión é ata que punto estas especies se poden adaptar con éxito a Galicia, sobre todo a zonas climáticas máis mediterráneas, como Ourense, que presentan maior escasez de precipitacións.

A experiencia singular de coníferas exóticas resistentes ó nematodo no Parque Nacional Peneda Geres

Bosquete de cipreses de Lawson na serra do Geres. / Arquivo.

Bosquete de cipreses de Lawson na serra do Geres. / Arquivo.

Unha posible vía de traballo poderían ser as coníferas exóticas plantadas a mediados do século XX polo servicio forestal de Portugal no hoxe en día Parque Nacional Peneda – Geres. Son especies que demostraron unha boa adaptación a un clima de media montaña ou montaña similar ó de moitas zonas de Ourense.

É o caso, por exemplo, dos cipreses de Lawson (‘Chamaecyparis lawsoniana’), que conforman bosquetes nalgunhas zonas da serra do Geres e que teñen unha baixa susceptibilidade ó nematodo do piñeiro, segundo subliñaba xa hai unha década un informe da EFSA (Axencia Europea de Seguridade Alimentaria).

O mesmo sucede co cedro de Portugal (‘Cupressus lusitanica’), unha conífera centroamericana que prospera nalgunhas zonas do Parque Nacional Peneda Geres e que, segundo investigacións lusas, demostrouse resistente ó nematodo do piñeiro. Podería ser unha opción probar reforestacións con estas dúas coníferas no sur de Ourense?.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información