Éxito dos repartos de leite gratis

Onte os gandeiros repartiron case 5.000 litros de leite gratis en Santiago e Pontedeume e hoxe efectuarano en Ferrol e en Boimorto. Os cidadáns amosan a súa solidariedade coas demandas dos gandeiros

Éxito dos repartos de leite gratis

Reparto de leite en Santiago

“Leite! Leite! Leite galego!”, berra un mozo gandeiro dende unha cisterna con 2.500 litros de leite pasteurizada procedentes dunha explotación de Touro. Estamos na avenida de Lugo este sábado ás 19:00 horas, os gandeiros van realizar un reparto gratuíto de leite para compensar aos veciños e veciñas de Santiago polas molestias que lles provocaron durante os catro días de tractorada.

A rúa esta case deserta e en poucos minutos empeza a aparecer xente de todo o vecindario, maiormente nais cos seus fillos, señoras maiores e tamén algún que outro turista. Todos se mostran agradecidos e mesmo sorprendidos: “Este sabe moito mellor que o de cartón”, comenta unha cativa. O reparto fano os gandeiros en botellas de plástico de 33 centilitros que van enchendo sen descanso.

As máis previsoras son as señoras maiores: unha, malia os seus preto de 80 anos e o seu aspecto fráxil, insístelle aos gandeiros en que lle sigan botando botellas nunha bolsa na que xa leva máis de 5 litros. “Podo ben con eles!”, exclama rideira.
Outra aparece con dúas potas. “E logo, quere facer un queixo?”, pregúntalle retranqueiro un dos gandeiros. “Ti bota, que o leite este é moi bo”, respóndelle.

Da Avenida de Lugo a furgoneta leva a cisterna á Alameda, onde o éxito do reparto se repite. Pero desta vez o seu público cambia: agora son sobre todo adolescentes que teñen este parque compostelán como lugar habitual de quedada para os sábados pola tarde. Tamén algúns peregrinos que non se agardaban esta recompensa ao final do Camiño: o ouro branco do campo galego.

“Paréceme moi ben que protesten para defender os seus dereitos. Non pode ser que o leite estea máis barato que a auga”, asegura Martín, un mozo compostelán.

Martín coas súas amigas no reparto en Santiago

Mercedes, unha muller duns 50 anos veciña de Santiago, parece moi concienciada: veu a propósito ao reparto e só leva unha botella. Asegura que “coma tanta outra xente, veño do campo e sei o traballo que custa producir o leite”. Afirma que “o leite está demasiado barato e esta xente traballa de sol a sol e merece que se lle pague un prezo xusto polo seu traballo”. E anima aos gandeiros a seguir loitando: “Oxalá consigan o que teñen que conseguir, o prezo xusto”.

Un prezo que para o portavoz da Organización de Productores de Leche (OPL), Anxo Escariz, ten cifras concretas: “Non se pode comprar leite por debaixo dos 65 céntimos nos supermercados porque supón que os gandeiros estamos perdendo diñeiro”.

Escariz lamenta que “o consumidor non ten conciencia clara do que está pasando no sector”, pero asegura que “cando lle explicamos o que está a pasar enténdeo perfectamente e conciénciase de que ten que poñer o seu gran de area”.

Ademais do reparto de Santiago, os gandeiros tamén realizaron onte un reparto de 2.500 leite gratis en Pontedeume. Hoxe será en Ferrol, ás 17:00 na praza de España, e ás 18:00 horas reparto de leite ecolóxico gratis en Boimorto, no Campo do Rosario. Neste caso hai que levar envase

2 ideas sobre “Éxito dos repartos de leite gratis

  1. Luisa Paz de Federico

    ¡¡¡Felicidades!!!, aún recuerdo cuando los pescaderos regalaban el pescado antes de tirarlo.
    Una lección a los puñeteros políticos.

    Contestar
  2. sara

    O q habia q facer era deixar un donativo de polo menos 0,34 por cada litro,q é o minimo q están a pedir as fabricas. En sinal de agradecemento.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información