Éxito dos primeiros cordeiros comercializados baixo a marca “Pastores de Galicia”

Este mes saíron á venda os primeiros cordeiros co selo de orixe e de crianza natural “Pastores de Galicia”. O restaurante de Lugo que os mercou valora a “moi boa acollida” dunha carne que se diferencia “por ser máis suave, tenra e xugosa” que a do cordeiro foráneo

Éxito dos primeiros cordeiros comercializados baixo a marca “Pastores de Galicia”

Cordeiro de "Pastores de Galicia" cociñado polo restaurante Esencia

A marca “Pastores de Galicia”, autorizada hai uns meses pola Xunta de Galicia, xa empezou a comercializar os seus primeiros cordeiros. En concreto, cinco años da gandería que Luis Ceide ten en Friol (Lugo) e que foron adquiridos polo restaurante Esencia con motivo da XII Edición do Concurso de Tapas da Cidade de Lugo.

Segundo Rubén García, chef do restaurante, “a acollida entre a clientela foi moi boa”, un éxito de aceptación que o leva a seguir confiando nesta marca de garantía. “Sorprendeume que a carne de cordeiro de Pastores de Galicia é máis tenra e o sabor moi suave. Recorda moito ao cordeiro lechal e non ten nada que envexar ao cordeiro de Castela”, subliña Rubén.

Pola súa parte, Luis Ceide, pastor de Friol, salienta que “o obxectivo desta marca é diferenciar o noso cordeiro e cabrito criado en Galicia”. E é que a diferencia do cordeiro producido na Meseta ou noutros países, “o criado baixo a marca Pastores de Galicia é alimentado de forma natural, exclusivamente con leite materna da ovella, que debe pasar o día no pasto, complementada con herba seca e con cereais, mentres que o cordeiro de fóra é criado principalmente en grandes explotacións con leite en po e pensos e as nais non saen a pacer”.

“A carne do cordeiro galego é máis tenra e de sabor máis suave”

Ademais, salienta que con esta marca “trátase de darlle valor á figura do pastor, pois aquí as ovellas sacámolas a pacer todos os días do ano”. A gandería de Luis está no concello lucense de Friol e conta con 200 ovellas. O seu sistema de produción está certificado en ecolóxico e vende os seus cordeiros a través da Cooperativa Vélaro, que agrupa a socios da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia” (Ovica).

Precisamente, Ovica é a impulsora da marca “Pastores de Galicia” e a propietaria e encargada de xestionar este distintivo de calidade e de orixe. O obxectivo deste selo é diferenciar e darlle valor ao cordeiro e cabrito de Galicia, un tipo de produción gandeira hoxe minoritario pero que cumpre en papel esencial dende o punto de vista medioambiental, previndo os lumes forestais, e de fixación da poboación no rural.

“O obxectivo é diferenciar e darlle valor ao cordeiro e ao cabrito criado en Galicia”

Neste sentido, dende Ovica aseguran que “o problema fundamental que temos é a falta de recoñecemento do valor do cordeiro e cabrito producido en Galicia e vendido polos canais de distribución maioristas (grandes superficies e supermercados principalmente), de xeito que non se paga un prezo xusto por un produto de gran calidade e propiedades nutritivas”.

A este respecto, dende a asociación salientan que “Pastores de Galicia” busca “distinguir e certificar no mercado a carne de cordeiro e cabrito producida en aquí e asociada ao aproveitamento dos recursos naturais mediante pastoreo, servindo ao consumidor como garantía de orixe, sistema de produción, seguridade e calidade, o que se coñece de toda a vida como año ou cabrito do país”.

“Pastores de Galicia identifica ao que se coñece de toda a vida como año ou cabrito do país”

A marca poderá ser usada por operadores que realicen previamente a solicitude a Ovica para obter a correspondente autorización. No caso dos produtores a alta ten un custe de 120 euros anuais, cunha redución do 50% se xa é socio de Ovica.

Por último, dende a asociación botan en falta unha maior implicación da Consellería do Medio Rural na promoción de “Pastores de Galicia”. En concreto, aseguran que “solicitamos o apoio da Consellería do Medio Rural nunha reunión en agosto coa Directora Xeral, Belén do Campo, para establecer unha folla de ruta de implantación da marca dotada cun orzamento específico mediante un convenio, pero finalmente foi rexeitado; e o respaldo da Xunta limitarase a apoios puntuais para a promoción e a difusión a través da Dirección Xeral de Comercio, que sen embargo aínda se atopa sen concretar”.

Galicia produce soamente o 25% do cordeiro e do cabrito que consume

Logo de Pastores de Galicia

Logo de Pastores de Galicia

Segundo os datos do Ministerio de Agricultura, a produción galega de ovino e caprino rolda os 428.800 kg, sacrificados en matadoiros. Sen embargo, dende Ovica subliñan que tendo en conta o censo, e sabendo que non existen grandes fluxos de importación nin de exportación de cordeiro e cabrito vivo, a estimación de produción eleva esta cifra ata máis de 1.400.000 kg.

Por outra parte, o consumo en Galicia, se ben é algo inferior ao do resto do Estado, mantense en arredor de 1,64 kg/hab e ano, cun total de 5.562.080 kg. “É dicir, a produción galega apenas cubre unha cuarta parte da súa demanda interna, polo que o apoio á súa produción debe ser unha prioridade”, conclúen dende Ovica.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información