A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe a Feira do Porco da Ceba de Cospeito, na provincia de Lugo, onde se atopaba instalado o matadoiro móbil impulsado por este departamento. Alí, puxo en valor esta ferramenta, pioneira en España, que xa deu servizo o preto de 200 explotacións galegas de gando ovino, cabrún e porcino en menos dun ano de funcionamento.
A titular de Medio Rural destacou que este servizo público axuda a mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións de pequeno tamaño, localizadas en zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas lonxe dos matadoiros convencionais.
Ademais, María José Gómez salientou as vantaxes que ofrece o matadoiro móbil aos gandeiros de gando ovino, cabrún e porcino, xa que mellora a súa rendibilidade ao reducir os custos de transporte, así como a calidade da carne e do benestar animal, e dinamiza as zonas rurais do rural, ao dotalas dun servizo que as fará máis atractivas para traballar e para vivir.
Os gandeiros interesados en contar co servizo do matadoiro móbil dispoñen dun número de teléfono gratuíto, o 982 251 201, para poder solicitalo. As súas rutas organizaranse segundo as demandas das persoas gandeiras, procurando optimizar ao máximo os recursos. Neste sentido, concertarase con cada titular o día e a hora do sacrificio e o matadoiro móbil desprazarase ata a propia explotación, se é posible, ou ata o lugar próximo máis accesible, en función das características das vías de comunicación, para prestar servizo a través desta ferramenta.