O lugar de Arceo, no concello coruñés de Boimorto, acolleu este sábado unha nova edición da Xornada de Formación con Cans de Pastoreo, organizada por ACAPAGAL e PROECOGAL co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que reuniu gandeiros e profesionais nunha intensa xornada práctica centrada no bo manexo dos cans pastores.
A pesar da climatoloxía adversa, a participación foi alta e o ambiente de aprendizaxe destacou ao longo do día, con demostracións reais, observación personalizada dos cans dos alumnos, corrección de condutas e asesoramento individualizado.
O veterinario e gandeiro Enrique Gutiérrez, secretario de ACAPAGAL e vocal de PROECOGAL, subliñou o avance da formación en Galiza:
“Despois de anos aprendendo fóra, hoxe é unha satisfacción poder ofrecer en Galicia unha xornada deste nivel. O obxectivo é mostrar ata onde pode chegar un can pastor ben adestrado, aproveitando o seu instinto e respectando a súa sensibilidade”.
A organización agradeceu tamén o apoio de Agility Soft Numbers, responsable dos silbatos entregados aos participantes.
A xornada pechouse cun xantar de confraternidade e cun bloque final de observación e asesoramento que reforzou a utilidade práctica do encontro para o día a día no pastoreo galego.

Galego








Control OJD