Existe suficiente piñeiro para abastecer unha demanda de madeira en ascenso?

A previsión en Galicia e en Portugal é que haxa un déficit de coníferas no futuro para abastecer a serradoiros e industrias. Na actualidade, a demanda para serrado e pezas de madeira maciza mantense forte, se ben o sector dos taboleiros rexistrou nos últimos meses un descenso de consumo

Existe suficiente piñeiro para abastecer unha demanda de madeira en ascenso?

O informe do Centro Pinus pon entiba da mesa a incógnita sobre o abastaecemento do piñeiro á industria forestal

En Portugal, un informe do Centro Pinus conclúe que a industria da madeira de Portugal está serrando moi por riba da capacidade de suministro que teñen os piñeirais portugueses. En concreto, o informe sinala que o déficit estrutural de madeira sitúase no 57% do consumo.

En cifras, Portugal cortou o pasado ano 4,1 millóns de metros cúbicos de madeira de piñeiro, pero o crecemento anual de piñeiro nos montes lusos ronda 1,77 millóns de metros cúbicos, que sería o volume de madeira que se podería cortar de xeito sostible. Ese importante déficit, que en parte se suple con importacións, xera incertidume para o sector industrial de cara ó futuro.

O informe constata o crecemento da demanda de coníferas e, asímesmo, evidencia as dificultades que ten o sector para abastecerse. A produción industrial de derivados da madeira de piñeiro sufriu un amplo aumento. Este crecemento obsérvase a través dos datos de 2021 que dá o informe ‘A Fileira do Pinho em 2021’ con respecto ao ano anterior: a produción de madeira serrada de coníferas aumentou un 7%, a do papel kraftliner un 2%, a dos paneis de partículas un 6%, a dos paneis MDF un 23%, e a dos paneis compostos un 13%.

Fonte: Centro Pinus

Distribución da demanda de piñeiro en cantoá produción industrial por sectores

En paralelo ó aumento da demanda, melloraron as exportacións da cadea da madeira portuguesa nun 38%. O mobiliario é o principal sector exportador no país veciño, cun aumento do 17% durante o ano pasado, o que supuxo 795 millóns de euros en exportacións.

Riscos
O informe ‘A Fileira do Pinho em 2021’ fai fincapé no risco que supoñen os incendios, así como a praga do nematodo na madeira de piñeiro. Este tipo de factores externos, xunto coa maior demanda dos produtos transformados de coníferas, comprometen o futuro da industria portuguesa da madeira.

Facendo balance cos datos expostos, o Centro Pinus establece que “a dinámica de plantación é insuficiente para compensar a perda de área de piñeiro bravo”. Iso malia que no 2021 medrou un 103% a cifra de planta de piñeiro implantada en monte.

Situación en Galicia

A demanda de coníferas mantivo nos últimos meses uns ritmos de crecemento altos a nivel mundial, algo que se reflectiu tamén no mercado galego. Desde a Fundación Arume recoñecen que desde xuño se está a producir un certo arrefriamento da demanda, pero en calquera caso apuntan que no curto e no medio prazo as perspectivas son boas para a madeira serrada, con sectores que polo de agora se manteñen firmes, como o dos palés e envases, e con outros en claro crecemento, como o da construcción en madeira. “Hai novos usos para a madeira e necesidades, como a busca de materiais sustentables, que apuntan na liña de que a boa demanda para a madeira maciza continuará no futuro”, conclúen.

Por parte da Asociación Forestal de Galicia, o seu director técnico, Xosé Covelo, enmarca a actual baixada de demanda “nas flutuacións típicas do mercado. “Estase promovendo unha industria que lle dá un valor engadido ao piñeiro e que manterá nuns niveis de demanda a medio e longo prazo”, explica Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia.

Onde máis tivo repercusión por agora a actual crise, marcada pola inflación e a incertidume derivada do conflicto de Ucraína, é no mercado de taboleiros, pois baixaron as vendas nos últimos meses en sectores como o do bricolaxe. Esa é a situación que levou á galega Finsa a plantear un Erte para o persoal empregado nas súas liñas de taboleiro. Pero considérase en principio unha crise coxuntural.

En Galicia, cunhas cortas de 3,8 millóns de metros cúbicos de piñeiro no último ano, existe tamén temor no sector industrial a un desabastecemento futuro de madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información