“Existe potencial para utilizar madeira galega de castiñeiro na fabricación de barricas e xa hai adegas que a están empregando”

Co gallo do Día Mundial da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra cada 11 de febreiro, entrevistamos a Adriana Conde, que investiga na Escola Politécnica de Lugo, dentro dun proxecto internacional, sobre as posibilidades que ofrecen as frondosas galegas para o seu uso en tonelería

Adriana Conde Fernández (Lugo, 1992) é enxeñeira de montes, investigadora na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e forma parte da iniciativa #ElasXeranSector, posta en marcha pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) para visibilizar o papel da muller no mundo forestal e da madeira.

Falamos con ela sobre as posibilidades que ofrece a madeira galega de castiñeiro para a fabricación de toneis nos que envellecer viño e destilados, como o whisky irlandés, unha liña de traballo na que a Escola Politécnica está a colaborar coa firma Irish Distillers, e que abre novos camiños para as frondosas autóctonas.

– Que lle aporta a madeira de castiñeiro galega ao whisky irlandés?
– A madeira de carballo do sur de Europa ten moita demanda para envellecer licores polos taninos e propiedades físicas que proporciona. Nós coa madeira de castiñeiro obtivemos valores moi semellantes aos logrados coa madeira de carballo nas propiedades fisico-mecánicas que ofrece.

Existe potencial para utilizar a madeira de castiñeiro para estes usos, porque as propiedades físicas e mecánicas son similares ás da madeira de carballo para a fabricación de barricas, e xa hai bodegas que están probando a empregala. Penso que existe un importante nicho de mercado para a madeira galega de frondosas neste campo.

– Cal é o proceso desde que a madeira é cortada nun monte galego ata o seu destino final nos almacéns de Irish Distillers en Cork (Irlanda)?
– Primeiro, unha vez escollidas as árbores no monte, esa madeira hai que apeala e logo ten que perder auga. As mellores toradas van ao aserradoiro, neste caso Maderbar, en Baralla, e á hora de cortar as doelas fanse unha serie de cuartóns e de aí estráense as táboas. Logo as doelas pasan un par de meses apiladas secando antes de ir a Andalucía, en concreto á tonelería gaditana de Antonio Páez Lobato, con sede en Jerez de la Frontera, onde fan as barricas en si e onde tamén lles dan con lume e con auga diferentes tipos de tostado en función do líquido que van a conter.

E despois envínanse, é dicir,  énchense con viño de Jerez ou con Oporto, porque a madeira absorbe os aromas do viño e logo traspásallos ao whisky que contén a continuación. En total, pasan catro anos como mínimo en todo ese proceso desde que a madeira é cortada ata que a barrica se enche co whisky Jameson.

– Por que unha marca tan coñecida coma esta se fixou no monte galego?
– Non só se fixaron no monte galego senón que están moi interesados nel. Pernod Ricard, propietaria de Irish Distilers, é unha gran multinacional adicada á produción e comercialización de destilados, pero eles non queren madeira que non leve o selo FSC ou PEFC. A que se manda desde Galicia é toda madeira certificada.

É unha tarefa non exenta de complexidade por mor das singularidades derivadas do pequeno tamaño das nosas carballeiras e dos nosos soutos, pero os seus clientes valoran a certificación forestal como garante dunha correcta xestión medioambiental na madeira que se emprega nas barricas.

A certificación forestal permite aportar un valor complementario a un recurso natural do monte galego

Nun primeiro momento nós centramos a nosa investigación precisamente en saber como influía a certificación forestal nos procesos de fabricación, na trazabilidade e na calidade do material madeireiro con destino á industria toneleira.

Posteriormente a investigación avanzou e ao que nos adicamos foi a estudar fundamentalmente cales son as características físicas da madeira de castiñeiro de procedencia galega para este uso.

E nos próximos meses o que imos facer vai ser estudar concretamente as características organolépticas que aportan estas madeiras coa finalidade do envellecemento de viños galegos das distintas Denominacións de Orixe.

– Que características ten que ter a madeira de castiñeiro que se vaia usar para facer toneis?
– En primeiro lugar, tanto a madeira de castiñeiro como a de carballo para poder destinalas a este uso teñen que ser pés de 35 centímetros de diámetro como mínimo, e de aí para arriba; non sería rendible con árbores de menor grosor. E despois é ideal que a distancia entre aneis de crecemento non sexa moi grande, porque isto inflúe no intercambio tánico e na microosixenación dos caldos. E a fibra ten que ser tamén recta ao longo do fuste e polo tanto das doelas, porque se non habería problemas de fendas e desaxustes nos procesos de hinchazón e merma. E non pode ter tampouco nós nin torsións, algo que se ve na cortiza, nin por suposto pudricións.

É dicir, ten que ser madeira prácticamente perfecta, o que fai que moi poucos pés sexan válidos. E por iso tamén é unha forma moi sostible de manexar o monte, porque non se fan cortas a matarrasa, senón que é posible seleccionar os pés que interesan e deixar os outros, favorecendo as cubertas arbóreas continuas e que despois dos aproveitamentos queden practicamente intactas. 

Adriana suma xa preto dunha década como investigadora contratada do grupo BioMoDem da USC en proxectos financiados por Irish Distillers e Pernod Ricard.

Adriana suma xa preto dunha década como investigadora contratada do grupo BioMoDem da USC en proxectos financiados por Irish Distillers e Pernod Ricard.

– E se quixeramos enfocar en Galicia unha produción de madeira para estes usos, que prácticas silvícolas habería que implementar?
– Podemos copiarlle a Francia que está aí ao lado e sabemos como fan para ter esas masas e eses pés en bosques de Tronçais e Allier, na zona centro do país. Eles o que fan é deixar brotar unha masa moi espesa ata certa altura e logo o que fan é unha corta a matarrasa deixando só uns carreiróns e neses carreiróns despois seleccionan as árbores que ven que tiran máis rectas e con máis forza, pero neses primeiros anos de crecemento é imprescindible que sexa unha masa densa porque iso evita que saian ponlas polo lado no tronco principal e en futuro esa árbore vai ter os primeiros metros do tronco máis limpos e sen nós, porque cando están nunha masa densa tiran para arriba para acadar a luz, e nese momento é cando hai que facer as claras e deixar que engorden.

É dicir, non se plantan os pés destinados a tonelería, senón que se seleccionan a través dun manexo silvícola axeitado. Pero é un modelo silvícola a moi longo prazo. En Francia chéganse a cortar pés de 300 e 400 anos para isto, por iso tamén teñen maior rendemento na obtención de material, porque para doelas dun tronco vense aproveitando só o 20% dunha troza, o resto vai para leña ou para outros usos porque non serve para tonelería.

– Precisamente por todo isto que contas, supoño que os prezos desa madeira son importantes. Canto pode chegar a valer a madeira para tonelería?
– En castiñeiro como hai moi pouco movemento polo de agora os prezos non son fiables, pero en carballo a tonelada para leña está aquí en Galicia en 35 euros como moito, cando en Francia a tonelada de carballo para tonelería págase a 150 euros como mínimo. Teñen 5 clasificacións para os lotes de madeira destinada a eses usos e págase en función desa clasificación. Os lotes de clase A superan os 500 euros. Son cifras que aquí non se coñecen. En Galicia estase traballando na reintrodución do castiñeiro para a produción de froito, pero pouco nos seus usos madeireiros.

Prezos comparados de madeira de carballo de procedencia española e francesa. Os iconos significan madeira en pé, madeira apeada a pé de pista e m3 de táboa serrada para doela

Prezos comparados de madeira en pé, madeira apeada a pé de pista e m3 de táboa serrada para doela de carballo de procedencia española e francesa

– No mundo do viño é habitual o uso do carballo para o envellecemento, normalmente carballo francés e carballo americano. Pode entrar a competir Galicia nese sector? Que oportunidades se abren para a madeira galega neste eido?
– Aínda que os produtores principais é certo que seguen a ser Francia e EEUU, cada vez están collendo máis forza países do leste de Europa, como Rumanía, Hungría e Bulgaria, e Galicia podería ter tamén aí unha oportunidade.

Fundamentalmente é darlle unha saída nova á madeira de calidade que temos nos montes galegos. Un aspecto importante é que con isto estamos potenciando o emprego de madeiras de frondosas autóctonas. Isto non só ten unha repercusión económica, polo feito de que esa madeira se pague máis, senón que tamén repercute no entorno, porque se protexen as poboacións rurais, que van ter uns imputs maiores, e ademais protexemos o medio ambiente, porque ao manter o monte vivo e coidado, asegurando a súa rendibilidade, diminuímos o risco de incendios.

Francia e Estados Unidos lideran a exportación de madeira para a fabricación de toneis, mentres que o volume de madeira que achega España a este tipo de industria apenas representa o 11%

Ademais, estas masas manteñen a biodiversidade e os ecosistemas propios das zonas nas que se apean os pés, porque este tipo de explotación permite facer un aproveitamento selectivo, mediante unha entresaca dos mellores exemplares.

Ademais de capturar carbono de xeito moi importante durante o crecemento das árbores, as barricas reteñen ese carbono capturado durante todos os anos que están en uso

Este tipo de masas forestais repercuten tamén moi positivamente na captura de carbono, unha liña pola que está a apostar a Unión Europea, xa que a madeira destinada a toneis non só captura carbono mentras está medrando a árbore, que de por si é un periodo extenso de tempo, senón que este carbono permanece despois durante todos os anos nos que as barricas están en uso, que son moitos, porque son elementos que non se acostuma desbotar, senón que se reutilizan, polo que é un produto que ten un longuísimo ciclo de vida.

– Habería posibilidade de crear en Galicia unha industria de fabricación de barricas?
– Neste momento en Galicia o que aportamos á industria da tonelería é a madeira, até agora fundamentalmente de carballo pero nos últimos anos está a adquirir gran importancia e relevancia o castiñeiro. Pero é verdade que o valor engadido das propias barricas, é dicir, do produto finalizado, se leva fóra, e ese sería un dos obxectivos que se poderían desenvolver tamén a raíz destas investigacións e dos resultados que nós obtivemos de estudar as madeiras de carballo e de castiñeiro.

Galicia só aporta a materia prima á industria da tonelería, co corte e a primeira transformación en aserradoiro, pero o valor engadido da fabricación das barricas queda fóra

Sería moi bo para o medio socioeconómico galego que empezaramos a fabricar, a ter tonelería propia 100% galega, porque até agora o que facemos é simplemente cortar as árbores e serrar a táboa, é dicir, facer as doelas, pero o resto do proceso faise fóra, ben en Andalucía ou ben na Rioja.

“Substituír o carballo americano por castiñeiro galego supón pechar o círculo e aportar valor engadido aos viños das nosas Denominacións de Orixe”

Barricas de castiñeiro galego

Barricas fabricadas con madeira galega de castiñeiro e empregadas para envellecer o whisky

Adriana escolleu Enxeñería Forestal porque quería adicarse a algo que tivese que ver co medio ambiente e a natureza. No 2016, cando acabou os seus estudos de Grado, fixo o Mestrado de Montes, o que lle abriu as portas á investigación.

As súas pescudas, compiladas na súa tese de doutoramento, presentada o pasado mes de decembro, demostran que a madeira galega de castiñeiro (Castanea sativa Mill) presenta calidades apropiadas para o seu uso no proceso de avellentamento de viños ou de calquera outra bebida alcohólica e pretenden supoñer un primeiro paso para a posta en valor das frondosas autóctonas con estes fins.

As conclusións recollidas na tese de doutoramento presentada por Adriana Conde revelan a existencia dun importante nicho de mercado para a madeira galega de frondosas

A madeira empregada pola industria toneleira é unha materia prima de alta calidade e gran valor, aínda cando a fabricación de barricas a día de hoxe continúa sendo unha actividade artesanal case por completo. Tamén por iso, os seus traballos de modelización dos toneis poden significar un avance na mellora do proceso produtivo, a fin de facelo máis eficiente a partir da optimización do seu deseño e da determinación da idoneidade do material empregado.

– En Galicia usábanse de xeito tradicional pipos de castiñeiro para o viño do ano ou para o seu transporte. Que se sabe do uso do castiñeiro na viticultura galega tradicional?
– A madeira de castiñeiro é unha madeira que tradicionalmente se viña usando para facer toneis. Non só en Galicia, senón en toda a cornixa cantábrica. Por exemplo, en Asturias ou Cantabria é tradición usar a madeira de castiñeiro para estes usos. De feito, os grandes fudres de sidra, de ata 5.000 litros, non son normalmente de carballo, senón de castiñeiro, ao igual que os de cava en Cataluña, porque é máis doado obter tablón limpo no castiñeiro que no carballo do país, porque medra máis dereito e con menos ramificacións nos primeiros metros do fuste. De todos os xeitos sempre é preciso en ámbalas dúas especies unha silvicultura axeitada para obter madeira de calidade óptima, que posibilite o seu uso nesta industria.

Pero a nivel de investigación non estaba tan estudada como a do carballo, sobre todo a de carballo francés e americano, que son as que teñen máis relevancia no mundo vitivinícola. Nós o que queremos facer é comezar a darlle importancia á nosa materia prima.

– Que perspectivas abre o teu traballo no relativo á introdución de madeira galega para envellecer os viños das denominacións de orixe de Galicia?
–  Supón pechar o ciclo, porque esa uva galega que se utiliza para a elaboración do viño maduraríase tamén en madeira de procedencia galega, que agora normalmente non acontece, aportando maior coherencia ao proceso, poñendo en valor non só as uvas das que se obteñen os caldos senón tamén a madeira das barricas nas que se madura.

Na segunda parte do noso proxecto imos agora empezar a facer probas con viños de Valdeorras e Rías Baixas, das variedades mencía e albariño, para analizar e comparar, tanto a nivel químico en análises de laboratorio, como organoléptico en catas experimentais.

– Outro tema que abordache na túa tese é o da forma óptima dos toneis e das pezas de madeira que os conforman. Podería servir isto para unha maior automatización no proceso de fabricación, que agora é moi manual? 
– Nós estudamos a modelización dos toneis porque non existe unha fórmula fixa para fabricalos. Ti vas a unha tonelería de Andalucía e eles teñen o seu toneleiro que o fai ao seu xeito e vas a outra tonelería na Rioja onde o toneleiro traballa doutra maneira usando a súa propia fórmula. Entón, aínda que a barrica resultante sexa nos dous casos teoricamente de 300 litros, hai diferenzas importantes de volume e esas variacións poden chegar a ser do 10%, que é unha variación moi importante.

Nunha barrica dun tamaño de 300 litros, que son as máis habituais, pode haber unha diferenza de 30 litros de capacidade dunhas a outras

Iso crea problemas importantes para o control do stock e de previsións por parte das adegas e destilerías. E ademais con estas modelizacións e tendo as fórmulas de diámetro tanto de barriga como de testa podería mecanizarse un pouco máis o proceso produtivo, que até agora é moi artesanal, adaptando máquinas específicas para dobrar ou unir as doelas dun xeito determinado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información