Exemplo de diversificación: un complexo de ocio que factura 6 millóns de euros a partir dunha granxa de 60 vacas

Georg e Andrea Blochberger comezaron fai 25 anos vendendo leite aos colexios da zona, pero no verán quedaban sen clientela, así que decidiron facer xeados. Hoxe son a marca máis coñecida de Austria e dispoñen dun parque de atraccións de 12 hectáreas a carón da granxa que recibe cada ano a 150.000 visitantes

George e Andrea, diante do novo establo que están a construír para as vacas, todo feito de madeira e pensado para recibir visitas, como a da expedición galega

George e Andrea, diante do novo establo, todo feito de madeira e pensado para recibir visitas, como a da expedición galega de técnicos e gandeiros organizada por Agacal

Eis-greissler é un bo exemplo de diversificación rural. É a marca de xeados artesáns máis coñecida de Austria. O leite necesario para elaboralos procede dunha granxa familiar de 45 vacas, a que Georg e Andrea Blochberger teñen en Krumbach. A partir dela, crearon todo un complexo de ocio que factura 6 millóns de euros ao ano, cun parque de atraccións que nada ten que envexar ao das grandes cidades. 

Cando este matrimonio se fixo cargo da granxa familiar no ano 2000 optaron por facer venda directa do seu leite. Comezaron elaborando iogures e leite pasteurizado que vendían aos colexios da zona.

Pero atopáronse co problema de que cando os cativos non tiñan clase, quedaban sen clientes e non lles quedaba máis remedio que vender o leite á cooperativa á que pertencían. “Pensamos entón que facer co leite no verán e como tiñamos dous nenos pequenos aos que lles gustaba moito o xeado mercamos unha máquina pequena para facelo”, explican.

Empezaron a facer xeados para dar saída ao excedente de leite que tiñan nos meses do verán, cando pechaban os colexios aos que lles vendían os iogures

A idea funcionou tan ben que co paso dos anos converteuse no seu produto emblemático, deixando de vender o leite e os iogures cos que comezaron para centrárense só en facer xeado todo o ano. Hoxe os seus xeados artesanais son os máis famosos de Austria e posúen 10 puntos de venda propios en cidades como Viena, Graz, Klagenfurt, Linz, Salzburgo ou Lienz.

“Ao principio pensamos que nos ía ser máis doado vendelo nos restaurantes, pero non atopamos a saída que agardabamos, polo que decidimos montar a primeira tenda propia nunha localidade próxima e dous anos despois collemos un local moi pequeno nunha zona peatonal ao lado da catedral de Viena onde xa había outras xeaderías italianas pensando que se lograbamos atraer un 5% da súa clientela xa nos conformabamos, pero resultou que case non dabamos producido o xeado que vendiamos en Viena”, contan.

Dos xeados a un parque de atraccións

A granxa de vacas co parque de atraccións ao fondo

A granxa de vacas co parque de atraccións ao fondo

Dous anos despois abriron outra tenda en Graz, a segunda cidade do país, e foron ampliando a outras localidades como Salzburgo ou Linz. No 2014 fixeron unha nova fábrica de produción de xeado e como a clientela tiña interese en visitar a granxa e ver como se facía o xeado, optaron por organizar visitas e abrir unha cafetería e un pequeno parque infantil na granxa.

Empezaron facendo un pequeno parque infantil para as visitas e, como unha cousa leva á outra, acabaron por construír un parque de atraccións de ocupa 12 hectáreas

O éxito da iniciativa volveu sorprendelos e o primeiro ano xa recibiron a máis de 1.000 persoas, o que os levou a decidírense a amplialo e facer o que hoxe é un auténtico parque de atraccións que tivo o ano pasado 150.000 visitas e segue a medrar. “Non paramos de facer novas zonas de aparcadoiro”, recoñecen.

O próximo parking estará dotado de 500 kw de placas fotovoltaicas para xerar enerxía para o propio parque de atraccións. “Coincide moi ben, porque cando fai sol é cando máis xente temos e tamén cando máis electricidade consumimos no parque de atraccións”, argumenta Georg.

250 postos de traballo

Na xeadería contan con tenda de produtos locais para venda directa

Na xeadería contan con tenda de produtos locais para venda directa

A diversificación da actividade da explotación cara a transformación do leite en xeados primeiro e o complexo de ocio despois serviu para converter a Eis-greissler na principal empresa local, dando emprego a máis de 250 persoas, 70 delas a tempo completo e o resto nos meses do verán.

“Nesta rexión somos a empresa que xera máis emprego. Damos vida a toda a zona co turismo que atraemos. Estamos vén situados, a carón da autovía de Viena a Graz, a unha hora en coche de cada unha. Agora o que queremos facer é traer máis xente no inverno con actividades como o xardín de luces que puxemos este Nadal e que foi visitado por 15.000 persoas, para deste xeito poder manter ao maior número de empregados posible durante todo o ano”, conta Georg.

Dúas persoas atenden a granxa de vacas, 12 están na produción de xeado e máis de 200 son reforzos para as tendas e o parque de atraccións no verán

Desde que comezaron fai 25 anos levan investidos en total 20 millóns de euros, entre a granxa, a fábrica dos xeados, as tendas, o restaurante e o parque de atraccións. O pasado ano facturaron 3 millóns de euros só de entradas ao parque de atraccións (as entradas custan 20 euros por persoa en tempada baixa e 25 en tempada alta) e outro tanto pola venda de xeado nas 10 tendas (a bola de xeado cóbrana entre 2,50 e 2,70 euros, en función do tipo de xeado).

“Eu vexo todo como un negocio circular e interconectado, porque a persoa que entra nunha das nosas tendas, proba o noso xeado e gústalle, despois quere vir ao parque de atraccións e a ver as nosas vacas e tras esa visita faise consumidor fiel dos nosos xeados”, argumenta.  

Andrea vén dunha familia dedicada ao turismo e Georg estudou tres anos de Agricultura e foron quen de combinar eses dous mundos nunha iniciativa singular. “É o noso proxecto vital e nunca nos custou traballar para logralo”, din botando a vista atrás destes 25 anos, pero cheos de plans de cara ao futuro.

“Moitos dos nosos visitantes son nenos da cidade que nunca viron unha vaca”

Novo establo para as vacas en produción, cun mirador suspendido para visitas

Novo establo para as vacas en produción, cun mirador suspendido para visitas

Os xeados de Eis-greissler ou o seu parque de atraccións non serían o mesmo sen as súas vacas, que son as que aportan coherencia e dan sentido a todo o seu proxecto. Por iso, neste momento Andrea e Georg están inmersos na construción dun novo establo con capacidade para 60 vacas pensado para as visitas das familias que queren coñecer como se produce o leite que levan os seus xeados.

A nova nave é toda de madeira procedente de Estiria, a principal zona forestal de Austria, e está completamente automatizada para reducir as horas de traballo das dúas persoas que neste momento atenden o gando e as terras da explotación (calculan que no novo establo será dabondo con 1.500 horas de traballo ao ano).

O novo establo está totalmente automatizado e supuxo un investimento de 4 millóns de euros

Estará dotado con robot de muxido, sistema de alimentación e de limpeza automático e encamadora robotizada para encher de palla os cubículos das vacas. Unha pasarela acristalada que atravesa todo o establo por enriba permitirá observar o gando sen molestalo e haberá tamén unha sala multiusos para eventos xusto enriba da zona do robot de muxido.

“Moitos dos nosos visitantes son nenos que nunca viron unha vaca. Queremos ensinarlles como funciona a agricultura moderna e que unha vaca que produce leite para alimentar á poboación pode estar feliz”, argumenta Georg.

Distintos sabores e colaboración con produtores locais

EIS GREISSLER heladosA cabana gandeira está formada neste momento por 45 vacas leiteiras, a metade fleckvieh e a metade frisoas, pero queren aumentar ás de raza fleckvieh e reducir as frisoas. A produción media é de 28 litros por vaca e día, cun 4,1% de graxa e un 3,4% de proteína, para unha produción anual por vaca de 8.800 litros e un intervalo entre partos de 400 días.

Todo o leite que usan para facer o xeado procede das vacas da granxa e no inverno, cando a produción de xeado diminúe, seguen vendendo leite á cooperativa da que forman parte. A granxa está certificada en ecolóxico, pero os xeados non, xa que usan algúns ingredientes que non son ecolóxicos.

Empregan 3 litros de leite para facer 5 kg de xeado

Fan moito xeado de tempada que non teñen durante todo o ano e para os que utilizan materias primas de produtores locais. Os produtos destes compañeiros de viaxe tamén se poden mercar na tenda da granxa, xunto cos xeados que eles producen.

Os máis vendidos son o sorbete de framboesa, que non leva leite, e o xeado de vainilla con galleta, para o que usan 3 litros de leite para facer 5 kg de xeado. “No verán véndense máis sorbetes de froitas e no inverno máis xeados de leite”, detalla Andrea.

Un tubo por baixo da terra conduce o leite desde á granxa á fábrica dos xeados e nese percorrido o leite xa se vai pasteurizando polo camiño. Producen ao ano 400.000 kg de xeado, que consumen 1,2 millóns de clientes. Ademais das tendas propias, contan con máis de 200 clientes na hostalaría. Un pano de cadros azul e branco é o símbolo da empresa.

“As terras en Austria son o banco das familias; é impensable vendelas”

Vacas en produción no establo antigo

Vacas en produción no establo antigo

Krumbach é unha localidade situada na rexión de Bucklige Welt, no sur da Baixa Austria, unha zona aos pés dos Alpes vieneses tamén coñecida como a rexión dos 1.000 outeiros. A granxa da familia Blochberger dispón dunhas 120 hectáreas, 79 agrícolas e 40 de monte.

Cultivan soia, trigo, millo, trevo e outros cultivos forraxeiros

As fincas están situadas a uns 650 metros sobre o nivel do mar e labran nelas soia, trigo, millo, trevo e outros cultivos forraxeiros. De toda a superficie agraria, a metade das terras son propias e a outra metade alugadas, con contratos a 10 anos e un prezo que varía entre os 200 e os 400 euros a hectárea, dependendo da calidade do solo e o tamaño da parcela.

“Nesta zona non se venden fincas. É impensable aquí vender o terreo. En Austria as terras son o banco da familia e hérdanse de xeración en xeración. Só se vende se fai falla o diñeiro porque só se vende unha vez”, argumenta Georg. O prezo de venda rolda os 40.000 euros a hectárea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información