Exemplares das razas autóctonas destacados na Semana Verde de Galicia

Recompilación dos animais seleccionados nos distintos concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia que se celebraron na feira internacional. Este ano, por primeira vez, tamén se escolleron as mellores ovellas e cabras galegas

Exemplares das razas autóctonas  destacados na Semana Verde de Galicia

Exemplar de macho de ovella galega que obtivo o primeiro premio no concurso morfolóxico.

Na 42ª Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que se celebrou do 6 ao 9 de xuño, realizáronse 9 concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción.

Os certames foron organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) e a Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga). Os certámenes estiveron enmarcados no convenio entre a Consellería do Medio Rural e a Fundación Semana Verde de Galicia para a promoción destas razas.

En canto aos concursos das bovinas, participaron 42 exemplares de 20 ganderías en cinco concursos morfolóxicos. Recollénse, a continuación, os tres primeiros premiados destes certámenes:

No VIII da Raza Cachena o primeiro posto foi para Solfa, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña), o segundo para Tarrina, de Cachenas de Pantón, de Pantón (Lugo) e o terceiro para Cabra, de Marcos Vázquez, de Ourol (Lugo).

Animal gañador do primeiro premio da raza Limiá.

Animal gañador do primeiro premio da raza Limiá.

No VII da Vianesa o primeiro posto foi para Visa, de María Concepción Gómez, de Maceda (Ourense), o segundo para Pala II, de Gandería Cimadevila, Montederramo (Ourense), e o terceiro para Vitorina, de Gandería Martelo, de Outes (A Coruña).

En canto ao VI de Caldelá, gañou Colosa, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense); sendo o segundo posto para Tina, de Roberto Louzán, de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e o terceiro para Centea, de José González, de Maceda (Ourense).

En canto ao V Concurso Morfolóxico da Limiá, a campioa foi Laga, de Lisardo López, de Baltar (Ourense), a subcampioa foi Rubia, de Jesús Pardal, de Rois (A Coruña) e a terceira no podium Lixeira, tamén de Lisardo López.

No III da Frieiresa o primeiro posto foi para Finlandia, de Gandería Armental, de Begonte (Lugo), a segunda Xaquira, de Roberto Louzán, de Cerdedo-Cotobade, e a terceira Fenicia, de Isidro Peleteiro, tamén de Cerdedo-Cotobade.

Galiña de Mos

En canto á Galiña de Mos, tivo lugar o 6º Campionato Galego, no que participaron 29 criadores. Na súa sección por lotes, o gañador foi un de Louredes Mulet, de Lalín (Pontevedra), seguido dun de Óscar Miranda, de Castro de Rei (Lugo) e de outro de José Luis Freire, de Pol (Lugo).

Primeiro lote gañador de galiña de Mos.

Primeiro lote gañador de galiña de Mos.

De forma individual, en galos venceu un exemplar de María Luisa Canicoba, de Teo (A Coruña), sendo o segundo posto para un galo de Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra) e o terceiro para un ave de María Rebeca Yáñez de Ortigueira (A Coruña).

En galiñas, o podium foi, de primeira a terceira, para exemplares de José Zapata, de Castro de Rei (Lugo), de Lourdes Mulet, de Lalín (Pontevedra) e de Álvaro Rodríguez, de Mos (Pontevedra).

Estreno da Ovella e a Cabra Galega 

Nestes concursos houbo dúas novidades, xa que as razas Ovella Galega e Cabra Galega celebraron por primeira vez esta competición. En canto ao da Ovella Galega, no que participaron 28 animais, na sección de machos gañou un exemplar propiedade de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo), quen tamén acadou o segundo posto na categoría de femias cun dos seus exemplares.

Nos concursos de cabra galega participaron 25 animais e os de ovella galega contaron con 28 exemplares

O segundo posto foi para un macho de Ovidio Rojo, de Monterroso (Lugo), que en femias conseguiu o primeiro cunha das súas ovellas, mentres que o terceiro tanto en machos como en femias foi para exemplares de Manuel Teijeiro, de Xinzo de Limia (Ourense).

Respecto ao de Cabra Galega, ao que concorreron 25 animais, os premios repartíronse entre exemplares propiedade de José Antonio Liñares, de Val do Dubra (A Coruña), que acadou os primeiros postos tanto en machos como en femias; de Granxa Teixeiro e Pistón, de Becerreá (Lugo), co segundo e terceiro posto en femias, de Jaime Fernández, de Cerdido (A Coruña), co segundo en machos; e Ovidio Rojo, de Monterroso, co terceiro en machos.

1-premio-manexadores-de-porco-celta-Semana-Verde-

Antonio Díaz, de Friol, conseguiu o primeiro posto do concurso de manexadores co porco Pantalones.

Porco Celta, concurso morfolóxico e de manexo

O III Concurso Morfolóxico do Porco Celta contou coa participación de 56 exemplares pertencentes a 27 ganderías. Na categoría de machos venceu un animal de Porco Celta Fraga do Couto, de Vilalba (Lugo), seguido dun exemplar propiedade de Antonio Díaz, de Friol (Lugo) e outro de Dolores Eiras, de Castro de Rei (Lugo).

En femias a gañadora foi unha porca de Isabel Rodríguez, de Lalín (Pontevedra), o segundo posto foi para unha de José Barreira, de Cospeito (Lugo) e o terceiro para unha de Francisco Oca, de Viveiro (Lugo).

En canto á recría, o vencedor foi un exemplar de José Vega, de Castro de Rei, seguido dun animal de David Martínez, de Piñor (Ourense), e outro de Carmen Novío, de Outes (A Coruña).

O Porco Celta celebrou tamén o seu II Concurso de Manexo que consistiu en dirixir un exemplar por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo. O primeiro posto foi para Antonio Díaz, de Friol, co seu porco Pantalones, mentres que o segundo acadouno José Vega, de Castro de Rei, con Asia, e o terceiro Fernando Calviño, de Vila de Cruces (Pontevedra), con Shakira.

Cabalo Galego

Na feira celebrouse o décimo concurso morfolóxico, organizado pola Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), no que participaron exemplares desta raza autóctona en perigo de extinción procedentes de distintas localidades de Galicia.

Os exemplares Brétama de Loiba e Jalisco I foron, respectivamente, os gañadores das seccións de femias e machos. En machos, ademais do vencedor, propiedade de Marcelino Freire, de Oza-Cesuras (A Coruña), foron recoñecidos co segundo posto Moreno III, de José Feneliño, de Ferrol, e co terceiro Neno I, de Juan Fontenla, de A Estrada (Pontevedra).

En canto a femias, a gañadora, Brétema de Loiba, pertence a Miguel Ángel Pernas, de Ortigueira (A Coruña). O segundo e terceiro posto foron, respectivamente, para Dana e Támaga, ambas de Marcelino Freire.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información