Executados 14 proxectos de pasteiros en montes veciñais e previstos 30 máis no 2021

O plan de pastos prevé actuar nunhas 2.250 hectáreas cun investimento total de preto de 9,5 millóns de euros. Ourense e Lugo son as provincias con máis montes veciñais incluídos no proxecto

Executados 14 proxectos de pasteiros en montes veciñais e previstos 30 máis no 2021

Vacas na Serra do Xistral. // Foto de arquivo: Marco Rubinos.

Ao longo do vindeiro mes de febreiro está previsto que remate a primeira fase do Plan de pastos de Galicia, unha actuación impulsada pola Consellería de Medio Rural coa que busca a posta en valor de 560 hectáreas de terreo, cun investimento total de 2,3 millóns de euros. Así se recolle no informe avaliado este xoves polo Consello da Xunta.

O plan busca promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

Os primeiros pasteiros

Nesta primeira fase do plan traballouse na reordenación de pasteiros en 14 montes veciñais en man común doutros tantos concellos. Así, na provincia de Ourense acondicionáronse terreos dos municipios de Beariz, Ramirás, Sarreaus, Cualedro, Montederramo e Paderne de Allariz. En Lugo, os labores centráronse nos concellos de Navia de Suarna, Samos, Sarria e Láncara. En Pontevedra as actuacións realizáronse en A Lama, Covelo e Cerdedo-Cotobade. Por último, na provincia da Coruña actuaron en montes do municipio de Porto do Son.

A segunda fase deste plan, que previsiblemente comezará na primavera de 2021, está prevista para outros 30 montes veciñais pertencentes a 24 concellos galegos. Nesta fase o investimento programado achégase aos 4 millóns de euros e a superficie da actuación roldará as 744 hectáreas.

O Plan de pastos de Galicia recolle ata 4 fases de execución, coas que teñen previsto actuar nunha superficie aproximada de 2.250 hectáreas e un investimento total de arredor de 9,5 millóns de euros. As actuacións concretas céntranse nas rozas, sementados, pistas, peches, pasos canadenses, mangas de manexo de gando, comedeiros ou bebedeiros.

A Consellería pretende así que os gandeiros se vexan beneficiados co acondicionamento das parcelas e cunha mellora dos accesos aos seus terreos, ao tempo que amplían a base territorial das súas ganderías. 

Sinerxías cos plans forestal e de reactivación

A promoción do pastoreo recóllese tamén no Plan Forestal de Galicia, no que a Consellería fixou o reto de chegar ás 225.000 hectáreas de terras agrarias en montes veciñais no ano 2040, unha meta que o sector ve complicado de acadar.

As superficies que se dediquen a pasto deberán inscribirse no Rexistro de Terreos Forestais de Pastoreo. Ademais, a Lei de montes de Galicia sinala que os pasteiros en monte terán que figurar tamén nos correspondentes instrumentos de xestión e ordenación forestal.

Dende a Consellería destacan que a combinación de actividades forestais e gandeiras permite tamén a conservación dos hábitats, posto que nas zonas onde se proxectan a meirande parte dos pasteiros predominan as ganderías de produción de carne de maneira sustentable e con razas autóctonas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información