Exceso de traballo e falta de formación afastan ás mulleres de postos directivos no agro

Preto de 50 socias da cooperativa Xallas (Santa Comba) participou na xornada “Atrévete Contigo Mesma”, organizada por AGACA e Obra Social “la Caixa”, que contextualizou as problemáticas ás que se enfrontan as mulleres do rural á hora de compaxinar vida profesional e persoal.

Exceso de traballo e falta de formación afastan ás mulleres de postos directivos no agro

Xornada Atrévete en Santa Comba

Preto de cincuenta asociadas á cooperativa Xallas, centrada en insumos e servizos agrarios, asistiron esta mesma mañá, á xornada “Atrévete Contigo Mesma”, impartida por dúas técnicas da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias especializadas en igualdade e motivación empresarial.

O eido do cooperativismo agroalimentario conta en Galicia con arredor de 13.000 persoas asociadas en máis de 80 cooperativas, segundo os Informes Económicos de AGACA. Só o 12% destas entidades ten mulleres no Consello Reitor, malia seren o 49% da masa social.

Neste contexto incidiu a primeira parte da charla, na que se listaron a falta de tempo e de preparación como principais causas da escaseza de socias implicadas nos consellos reitores: o 47% das cooperativistas non dispón de nada de tempo libre para disfrute persoal e arredor do 17% alega falta de formación ou non sentirse capacitada para un posto de responsabilidade.

A segunda metade da Xornada invitou á participación das asistentes, coas que se debateu sobre os servizos que deberían incorporar as entidades para fomentar a participación das mulleres en asembleas, votacións e reunións societarias, pero tamén aspectos como a visibilización das capacidades das mulleres do medio rural e xeitos de lograr unha axeitada conciliación entre a vida profesional e laboral (só o 9% das parellas de cooperativistas recoñece un reparto equitativo das tarefas domésticas).

José Manuel González, presidente de Xallas, destacou durante a inauguración da xornada “a importancia que as mulleres socias teñen para o crecemento da entidade”.

Empoderamento

O obxectivo do programa “Atrévete Contigo Mesma” é servir de motivación ás mulleres asociadas a cooperativas para que se involucren activamente na toma de decisións e no desenvolvemento dos aspectos máis empresariais das cooperativas.

AGACA e Obra Social “la Caixa”, entidades organizadoras, continúan así o seu compromiso coa igualdade de xénero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información