Excelente colleita de pataca de Coristanco, con ata un 30% máis de produción

Publicidade
Excelente colleita de pataca de Coristanco, con ata un 30% máis de produción

Recollendo pataca en Coristanco.

Os agricultores da comarca de Bergantiños rematan estes días as labores de colleita da pataca, nun ano que cualifican de excelente en cantidade, cun ata un 30% máis de produción, e tamén cunha óptima cualidade.

Animado polos bos prezos e pola boa acollida do mercado, o cultivo da Pataca de Coristanco colleu pulo nestes últimos anos na comarca, con máis de 500 hectáreas sementadas este ano, nun 95% da variedade Kennebec, e arredor dun 5% de Fina de Carballo. A variedade, o terreo e o método de cultivo e de colleita, con recollida a man, son os principais puntos fortes da pataca desta comarca, cunha demanda concentrada na provincia da Coruña.

“Este ano está sendo moi bo en cantidade, cunha media de entre 25 e 30 toneladas por hectárea, arredor dun 20 ou 30% máis que nun ano normal, e calidade é excelente, debido a que non houbo practicamente problemas sanitarios”, asegura Juan Carlos García, un dos principais produtores profesionais de pataca, con 15 hectáreas de tubérculo, que vende baixo a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.

O almacenamento e a comercialización, principais aspectos a mellorar

En canto aos prezos, recoñece que “nestas datas o mercado está saturada de pataca, polo que haberá que agardar unhas semanas, pero en praza non solen baixar de 0,50 euros o quilo e en almacén a maioría están a 0,40 euros”.

Precisamente, a mellora nas condicións de almacenamento, que permiten ao agricultor sacala ao mercado cando hai máis demanda, xunto coa comercialización, son a xuízo de Juan Carlos García dúas importantes materias pendentes para pechar o ciclo da pataca e aproveitar o seu gran potencial na comarca.

“Aquí a pataca ten un gran percorrido a pouco que se invista nela, e iso non é tanto cuestión de cartos, como de mellorar os coñecementos e que os agricultores sexamos máis profesionais, que apliquemos novas estratexias comerciais e coñezamos como funcionan os mercados”, conclúe este produtor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información