O último informe sobre as perspectivas dos sectores agrícola e gandeiro presentado esta semana pola Comisión Europea recolle xa os efectos derivados da guerra de Ucraína. Agárdase que a escalada de prezos que experimentaron os insumos para a produción agro-gandeira se manteña a curto prazo, xa que as consecuencias da guerra súmanse a outros problemas que xa se viñan arrastrando.
Na súa análise pormenorizada dos mercados, a Comisión pronostica que os prezos dos cereais se manterán particularmente altos tanto este ano como en 2023.
Previsións nas granxas de leite
En canto ás previsións nas granxas de vacún de leite, estas ganderías están a sufrir tamén o aumento dos custos de produción, o que está a reducir as súas marxes. A pesar de que se viu un incremento dos prezos do leite cru, as entregas de leite na UE caeron nos últimos meses, en comparación cos mesmos meses do ano pasado, por primeira vez desde 2009.
Non se espera un aumento da produción mundial de leite polo menos ata final de ano, pois en Estados Unidos estase producindo tamén unha reducción de entregas e outros grandes produtores mundiais, como Australia ou Nova Zelanda, reduciron a produción por dificultades meteorolóxicas.
En consecuencia, espérase que os prezos do leite se manteñan altos no campo. A iso axuda ademais o bo momento de prezos dos produtos lácteos industriais. Tendo en conta as actuais cotizacións de leite en po desnatado e manteiga, o prezo do leite equivalente é de 50 céntimos / Kg., segundo calcula a Comisión Europea. O informe incide ademais nos bos prezos dos queixos industriais, no caso do cheddar, os máis altos desde o 2014.
Resta por ver como evoluciona o mercado internacional de lácteos. Durante os primeiros meses do ano, China mantivo unha demanda en ascenso, pero se esas compras se reduciran, por factores como novas vagas de Covid no país asiático, podería ter o seu impacto no mercado.
A nivel de consumidor, a Comisión subliña que o aumento de prezo dos lácteos estase trasladando polo menos parcialmente ós supermercados. O leite fresco subiu un 7%, os queixos un 5,3 % e os iogures máis dun 6%, o que dá pé asimesmo a que se manteñan os bos niveis de prezos no campo.
Cereais, millo e xirasol
O problema para a gandería será o mantemento dos altos prezos dos cereais. En trigo, a sementeira en Europa xa estaba feita cando estalou a guerra, polo que para esta campaña só se prevé un incremento de 1% da produción, o que non bastará para paliar as importacións deste cereal procedentes de Ucraína. En canto ao millo, espérase que se incremente a produción, tanto debido aos altos prezos da importación como polo aumento da superficie útil, ao permitir a UE o aproveitamento das terras de barbeito.
Se se manteñen as condicións climáticas favorables, as colleitas de cereais e oleaxinosas en 2022 poden ser moi boas, segundo as expectativas da Comisión, que mesmo pensa que se poden aumentar exportacións e reducir importacións. Isto contribuiría a cubrir parte do déficit previsto a nivel mundial, posto que Ucraína movía o 10% de todo o trigo, millo e aceite de xirasol que se comercializaba internacionalmente.
Outro cultivo con boas perspectivas para esta campaña é o do xirasol, xa que require menos achega de nitróxeno que outros cultivos e os agricultores poden preferir o xirasol sobre o millo este ano, para reducir o gasto en fertilizantes. O informe europeo prevé que se producirá un 9% máis de xirasol esta campaña.
Produción de carne en Europa
En canto ás carnes, a pesar de que en sectores como o porcino están a apreciarse subidas xeneralizadas no prezo da carne, os altos custos de produción derivados do aumento do gasto de alimentación e da enerxía fai que as marxes dos produtores continúen sendo baixas. Este incremento dos custos e os efectos da peste porcina africana fan prever unha redución do 3% da produción de carne de porco na Unión Europea para este 2022.
Mentres, prevese que a produción avícola aumente lixeiramente en 2022 grazas aos altos prezos da carne e a pesar dos altos prezos dos insumos e outros factores negativos, como a gripe aviar. Na actualidade, segundo os datos da Comisión Europea, o polo subiu en granxa un 26% en relación a hai un ano.
En canto á produción de carne de vacún, agárdase unha diminución da produción do 0,9% . Desde Europa sinalan que esta redución deberase a un axuste estrutural no sector da carne de vacún polo aumento dos custos de produción, sobre todo dos pensos.