A proposta lexislativa europea que se prepara sobre cadeas de subministración libres de deforestación supón unha nova preocupación para os fabricantes de pensos españois polas estritas medidas de control que incorpora. Desde a Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos Para Animais (CESFAC) advirten do impacto que terá esta proposta, con consecuencias directas para todo o sector, desde os fabricantes de pensos ós gandeiros.
Os fabricantes consideran que as novas medidas de control da normativa poden ocasionar, entre outros efectos, un incremento dos custos das materias primas, nun momento en que os prezos dos cereais están xa disparados.
A proposta lexislativa prohibe a comercialización de produtos en risco de deforestación, esixe novos requisitos de trazabilidade obrigatorios e datos de xeolocalización das parcelas agrícolas de orixe
A nova norma busca regular a dispoñibilidade de materias primas de produtos asociados con deforestación e degradación dos bosques no mercado europeo. A proposta prohibe a comercialización de produtos asociados con risco de deforestación, esixe novos requisitos de trazabilidade obrigatorios e datos de xeolocalización da explotación de orixe de produción da materia prima. Uns requisitos que desde a Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos (FEFAC) ven desproporcionados ao risco e non operativos para moitos operadores da industria.
Contexto
A soia é unha das principais fontes de proteína vexetal que se empregan nos pensos. A importada por España procede na súa maioría de Estados Unidos e Latinoamérica, onde en ocasións se trata dun cultivo asociado á deforestación, como sucede en zonas do Amazonas. Para reducir eses riscos, os fabricantes europeos de pensos teñen en marcha programas de autocontrol, cos que aseguran que un 77% da soia importada na actualidade a Europa está libre de riscos de deforestación. O seu obxectivo é chegar ó 100% no 2030.
Os fabricantes de penso consideran que o proxecto de nova normativa europeo parte cun periodo de implementación insuficiente e existe o temor de que chegue a interromperse a subministración necesaria pola UE de produtos da soia con alto contido proteico. “Esta proposta desincentivará a agricultores europeos de soia, ao non requirir outros cultivos de proteínas e oleaxinosas da mesma carga de trazabilidade. Iso debilitará o plan de proteína europeo e a Declaración de Soia Europea asinada por 14 ministros de agricultura europeos o 17 de xullo do 2017”, resaltan desde FEFAC.
En España, segundo os datos manexados pola CESFAC, a produción de soia situábase en 2018 en 1.481 hectáreas, co que se xeraron unhas 4.250 toneladas, que apenas supoñen unha milésima parte do total consumido no país. Mentres, España sitúase como unha potencia produtora de pensos na UE. Nese mesmo ano, fabricáronse en territorio nacional case 37 millóns de toneladas de penso para alimentación animal.
Cómpre destacar que a industria española de alimentación animal foi unha das primeiras en realizar un estudo de campo para determinar cal é a situación de partida no que a cumprimento de esixencias de sostebilidade e de orixe non deforestado se refire.
Incremento dos prezos
Os fabricantes de pensos sinalan que “os requisitos de trazabilidade desproporcionados engadirán maior presión sobre os custos nos sectores gandeiro e de pensos nun contexto de máximos históricos nos mercados das materias primas. A experiencia actual do mercado co estrito programa de cadea de vixilancia de ‘firme identidade preservada’ para a soia, implementado no sector alimentación, indica un incremento de tres veces o custo sobre o prezo normal de mercado”.
Ademais, sinalan que as subministracións actuais de soia non modificada xeneticamente do sector de pensos (sen datos de xeolocalización) para a industria de alimentación animal ofértanse xa até un 100% sobre o prezo normal de mercado.
Os fabricantes vaticinan que este incremento dos custos das materias primas e dos pensos traducirase nunha menor competitividade dos sectores gandeiro e de pensos, e no incremento de importacións de produtos de orixe animal como a carne de porco e de aves de curral, non suxeitos ás mesmas normas de trazabilidade da UE libre de deforestación.
Subministración responsable
A Industria de Alimentación Animal Europea, xunto coas cadeas de subministración, reivindican que, á marxe das esixencias desta nova normativa, xa teñen implementado iniciativas de autocontrol para a promoción de prácticas de produción responsable para a soia, atendendo ao risco de deforestación e conversión de áreas de alto valor para a conservación. En Europa, o 77 do total de soia importada é de baixo risco de deforestación.
“Confiamos que o Consello considere un enfoque máis equilibrado, recoñecendo os programas de autocontrol da cadea”, reivindican desde FEFAC.
En España, a CESFAC atende aos obxectivos que se marcan no documento Soia Sustentable para unha subministración responsable de pensos compostos, que busca conseguir que en 2030 o 100% da soia empregada na fabricación de pensos en España fose producida en orixe de maneira sustentable e comprometida coa loita contra a deforestación.
No caso español, o 100% da soia importada de Estados Unidos e unha elevada porcentaxe de soia importada con orixe Brasil (71%) e Arxentina (91%) foi producida en zonas asociadas a un baixo risco de deforestación, o que recalca o compromiso coa desvinculación da produción en áreas con risco. Os últimos datos que manexa o informe sobre a soia sustentable elaborado por CESFAC, de 2018, indican que en España se importan uns 5,7 millóns de toneladas, un 43% procedente de Brasil, un 22% de Arxentina e un 26% chegado de Estados Unidos.