Europa debate trasladar fondos de axudas directas da PAC a desenvolvemento rural

A incorporación de persoas mozas ó agro é outro dos grandes retos da Política Agraria Común, pois o número de granxas na UE caíu un 20% no periodo 2007-2013

Europa debate trasladar fondos de axudas directas da PAC a desenvolvemento rural

España avoga por defender as rendas de agricultores e gandeiros no novo ciclo da PAC.

No 2020 comeza un novo ciclo das axudas da Política Agraria Común (PAC) e o debate sobre como reorientar os fondos comunitarios xa comezou en Bruxelas. Os ministros de Agricultura da UE reuníronse esta semana para comezar a valorar posibilidades. Unha das cuestións que está sobre o taboleiro é a de traspasar parte dos cartos destinados ata agora a axudas directas para desenvolvemento rural.

A postura inicial de España situouse na defensa das rendas de agricultores e gandeiros, se ben tamén se avoga pola busca de medidas para fomentar un medio rural vivo. Un dos grandes problemas ós que se enfronta ó rural de toda a Unión Europea é o da perda de activos. Hai dez anos, había máis de 13,6 millóns de granxas, pero no 2013 xa só quedaban 10,8 millóns, un 20% menos. Outra cuestión a considerar é que o 30% dos agricultores ten máis de 65 anos.

Un 30% dos agricultores da UE supera os 65 anos

Como incentivar ás persoas mozas a incorporarse ó agro e apoialos do xeito máis idóneo é un dos principais obxectivos que se marcan para o novo periodo da PAC, a partir do 2020.

Alimentos e cambio climático
A sostibilidade das producións fronte a retos como o cambio climático e a conservación do medioambiente son aspectos que tamén se queren apoiar a través do segundo pilar da PAC, os fondos de desenvolvemento rural, que na actualidade xa financian cuestións como as axudas agroambientais para explotacións gandeiras.

Desde Galicia, a conselleira do medio Rural, Ángeles Vázquez, pronunciouse a favor de que a nova PAC sirva para defender a vocación produtora de alimentos do agro galego, así como para fixar poboación no rural e contribuír a superar a fenda entre a renda agraria e a renda urbana.

Sobre a mesa de negociacións en Bruxelas hai aínda moitas incógnitas por despexar, pois en canto se leve a efecto o Brexit, coa saída de Gran Bretaña da Unión, reduciranse os fondos dispoñibles para a PAC. O reto está en cubrir todos os frentes cuns fondos en retroceso que semella que non darán para abarcar as diversas liñas de traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información