Eucatool, unha aplicación para calcular cando cortar as plantacións de eucalipto globulus

O software, desenvolvido na Universidade de Santiago, permite estimar o crecemento das masas e o seu momento de desenvolvemento óptimo a partir da introdución de diámetros, alturas e densidades

Publicidade
Eucatool, unha aplicación para calcular cando cortar as plantacións de eucalipto globulus

A aplicación calcula volumes de madeira e crecementos estimados da plantación.

Investigadores forestais da Universidade de Santiago lanzaron Eucatool, unha ferramenta de software accesible vía internet que permite calcular o crecemento e produción das plantacións de eucalipto globulus. A aplicación, que se pode consultar gratuitamente en computadores e dispositivos móbiles, realiza as súas estimacións en base aos diámetros, alturas, densidades e idade da plantación. O software calcula tanto o volume actual de madeira como as proxeccións futuras e efectúa unha recomendación sobre o momento óptimo de corta.

Alberto Rojo, profesor do departamento de Enxeñería Agroforestal da USC e un dos autores de Eucatool, explica que a aplicación “vai dirixida fundamentalmente a propietarios, empresas e xestores forestais de Galicia e da cornisa cantábrica, que a poderán utilizar para, por exemplo, vender mellor a madeira estimando o volume que teñen e o momento óptimo de corta”.

Rojo indica que EucaTool ofrece a posibilidade de calcular de forma moi sinxela o volume e a biomasa destas plantacións a partir de datos de árbores individuais e do rodal (conxunto de árbores da mesma idade, tamaño e espesura), así como unha estimación do seu crecemento e produción futura a partir da medición de catro variables do rodal: idade, número de árbores por hectárea, altura dominante e área basimétrica.

Páxina de inicio da aplicación.

Páxina de inicio da aplicación.

O enxeñeiro explica que a aplicación “implementa un modelo dinámico de crecemento e produción elaborado a partir de medicións dunha rede de 128 parcelas repartidas por toda a área de distribución da especie en Galicia, así como da análise de 87 árbores tipo cortadas en anacos e medidas”. Este modelo foi desenvolvido polo enxeñeiro de montes Juan Daniel García-Villabrille, coautor do traballo.

A aplicación, que está dispoñible desde calquera dispositivo conectado a internet, computadores, tabletas e smartphones, foi programada en Visual Studio Web Express, utilizando a tecnoloxía MVC, así como as linguaxes C# e XML, Razor, HTML, Javascript e CSS.

O seu desenvolvemento foi realizado pola empresa VSonCloud, unha spin-off da USC, creada por Rojo e outros integrantes do seu equipo de investigación da Unidade de Xestión Forestal Sustentable no 2014.

Transferencia e divulgación
Segundo Rojo, a gratuidade da aplicación ten por obxectivo lograr a transferencia e a divulgación do modelo entre o sector produtivo. “A complexidade deste tipo de modelos dinámicos, que inclúen moitas ecuacións interrelacionadas, impide a súa utilización se non se conta cunha aplicación como EucaTool”, destaca.

Os autores proxectan xornadas de divulgación da ferramenta dirixidas a propietarios forestais e técnicos

Entre os plans do equipo está organizar este ano xornadas de divulgación e de uso práctico da ferramenta para o cálculo do volume, biomasa, crecemento e produción das plantacións de Eucalyptus globulus en Galicia, dirixidas a técnicos forestais da administración galega e a propietarios particulares das zonas de distribución da especie.

Por outra banda, engade, “gustaríanos poder seguir medindo a rede de parcelas que orixinou a investigación do modelo dinámico que inclúe a aplicación para mellorar as estimacións do modelo, que é un traballo a longo prazo que requiriría conseguir financiamento”.

Outra idea de Rojo é realizar aplicacións similares a EucaTool para especies forestais de Galicia como piñeiro, carballo e bidueiro. O seu equipo xa desenvolveu no pasado modelos dinámicos e un simulador para estas especies, que “habería que actualizar para que se adapte á tecnoloxía actual”, afirma.

Outras aplicacións
No 2015, Ence lanzou tamén unha aplicación propia que permite calcular os volumes de madeira dunha parcela e que ofrece a maiores información forestal e recomendacións prácticas para os silvicultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información