Na controversia sobre a conveniencia ou non da continuidade da prórroga da moratoria do eucalipto en Galicia, máis aló das posicións enfrontadas entre unha prórroga indefinida e unha supresión inmediata da moratoria, cómpre considerar se existen alternativas que permitan unha solución equilibrada e viable.
Máis que reducir a discusión a unha dicotomía ríxida, sería sensato analizar se hai marxe para fórmulas intermedias que atendan ás diferentes sensibilidades, as necesidades dos propietarios forestais, e garantan un futuro para todos os que levan apostando con traballo e investimentos polo sector nas súas diferentes cadeas de valor.
En primeiro lugar, é fundamental que a Consellería de Medio Rural, explique os motivos que xustificaron a moratoria e valore se seguen vixentes ou se as circunstancias cambiaron.
Contexto da moratoria
Non se pode esquecer que foi declarada no 2021, antes de dispoñer dos datos do 1º Inventario Forestal Continuo de Galicia de 2023, cando se estimaba dende distintos ámbitos unha superficie de máis de 600.000 hectáreas de eucalipto, previsión rebaixada polo inventario a unha cifra lixeiramente por riba das 400.000 hectáreas.
Ademais, tampouco se previra no monte galego o ascenso de 130.000 hectáreas adicionais de masas de frondosas autóctonas. Por outra banda, tampouco se contemplaba daquela a posible instalación dunha fábrica transformadora con capacidade para procesar ata 2,4 millóns de toneladas de eucalipto en Galicia, nin era posible prever a actual virulencia da banda marrón do piñeiro radiata.
Para opinar sobre a moratoria, é necesario entender que é, e cal é o seu alcance. Lembrando que non afecta a prohibición de plantar en terras agrarias, nin de substituír masas de caducifolias por eucaliptos, nin de limitar a expansión do eucalipto na Rede Natura. Xa que todas estas restricións xa estaban firmemente establecidas previamente, con amplo consenso e marco legal estable, e seguirano estando con independencia de como se poida resolver a moratoria, pois non dependen dela.
En realidade, o que a moratoria limita na práctica é a posibilidade de novas plantacións de eucalipto en terreos forestais actualmente a mato, ou a conversión en eucaliptais dos piñeirais trala súa corta, ou trala súa previa destrución por incendio ou doenza fitosanitaria. Ese é o seu alcance. Por elo é fundamental realizar unha análise que permita entender a dinámica das interaccións entre as superficies de piñeiros e eucaliptos.
Crise dos piñeiros
Os datos entre inventarios forestais mostran que as coníferas desapareceron a un ritmo próximo a 10.500 hectáreas anuais entre 2010 e 2022, mentres que os eucaliptos aumentaron a unha taxa no entorno das 3.400 hectáreas anuais. Isto indica que a superficie da que desapareceron os piñeiros, veu sendo moi superior á que se puido ter plantada co eucalipto.
Os piñeiros desapareceron a un ritmo superior ó que se plantou eucalipto
Esta situación evidencia que a crise dos piñeiros non se debe exclusivamente á maior rendibilidade do eucalipto, senón a causas varias máis profundas.
A agudización da doenza da banda marrón do piñeiro radiata en plena moratoria agravou aínda máis a crise e o abandono dos piñeirais, xa que actualmente non existe unha solución eficaz para combatela.
Como consecuencia, moitos propietarios que non desexan replantar radiata porque xa perderon plantacións pola doenza, vense imposibilitados de recurrir ao eucalipto como alternativa produtiva. Á súa vez, se a moratoria se levantase sen máis, moita da superficie de piñeiros afectada pola banda marrón podería reconverterse de golpe a eucalipto, agravando a crise das coníferas na Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal.
Sería posible atopar unha fórmula para conciliar dalgún xeito estes dous extremos? Vale a pena traballar nelo.
A ordenación, regulación e apoio aos piñeiros e á súa cadea de valor son necesarias, pero con análise e racionalidade, e evitando medidas que desincentiven a xestión forestal, pois o verdadeiro perigo para o monte galego e para o sector forestal está no abandono.
O verdadeiro perigo para o monte galego é o abandono
Así, hai voces no sector que sosteñen que a moratoria por si soa non resolverá a crise do piñeiro. Que sen medidas específicas de apoio á cadea de valor da conífera, de pouco servirá impedir plantacións de eucalipto. Tamén, insisten en que a estratexia para enfrontar a brutal regresión das coníferas no monte galego, e que ameaza o futuro da cadea de valor que depende do piñeiro (cadea imprescindible para Galicia), non pode reducirse a frear unha opción, senón a crear condicións para recuperar a outra.
Sen incentivos axeitados, nin sequera unha prohibición ampla do eucalipto garantiría unha restauración efectiva das masas de piñeiro.
Tamén é certo que o Plan Forestal establece restricións claras, incorporadas á normativa forestal, que deben seguir vixentes polo seu amplo consenso: non plantar eucaliptos na Rede Natura, non ocupar terras agrarias, non substituír frondosas autóctonas.
Pero dentro dese marco, cabe preguntarse se todo o demais, tendo en conta os cambios habidos dende o 2015, debe manterse inalterable, especialmente á vista dos resultados do Inventario Forestal Continuo de Galicia, e novos retos socioeconómicos no rural e en Galicia.
A cuestión de Altri
Como se mencionou, outro dos factores que non estaban previstos no momento da declaración da moratoria, era a posible posta en marcha da fábrica de Altri para a produción de viscosa, lyocell e celulosa.Con independencia da recente publicación da súa Declaración de Impacto Ambiental favorable, a día de hoxe está no aire, e non se sabe si finalmente se fará.
En calquera caso, cómpre preguntarse se existe algún plan ou estimación sobre canto podería incrementarse a produción de eucalipto para abastecer unha nova industria de 1,2 millóns de toneladas (2,4 millóns na segunda fase), sen necesidade de ampliar a superficie plantada.
Poderíase alcanzar o incremento do 20% da produción actual de eucalipto necesario na primeira fase mediante melloras xenéticas e técnicas silvícolas, ou sería imprescindible aumentar a superficie de plantación?
Se despois de ponderar todos estos factores se optase por unha renovación da moratoria, esta en todo caso debería de establecer un prazo sensato e revisable, pero tamén vir acompañada dos recursos necesarios para cumprir os obxectivos marcados.
Unha opción é permitir novas plantacións de eucalipto a cambio dun compromiso de plantar coníferas ou frondosas noutros lugares.
Apoio ás coníferas
Sen unha aposta decidida da Xunta, con financiamento suficiente e estable, sen poñer os medios públicos de investigación ao servizo da mellora xenética do piñeiro, do combate eficaz contra a banda marrón do radiata ou da diversificación de coníferas, a moratoria carecería de sentido práctico.
Ademais, sen un programa ambicioso de incentivos á plantación e xestión das coníferas que mellore o seu atractivo como opción viable para o propietario forestal, non se logrará reverter a súa perda de superficie. Sen acompañarse de todo isto, unha simple prórroga sería contraproducente, pois condenaría á inacción ós propietarios forestais e agravaría os problemas estruturais que estamos sofrendo.
Fórmulas intermedias á moratoria
Pero tamén, máis aló do escenario da mera prórroga con obxectivos revisados, poderíanse explorar fórmulas intermedias. Por exemplo, ligar a saída da moratoria a un novo marco que permitira novas plantacións de eucalipto a cambio dun compromiso de plantar coníferas ou frondosas noutros lugares.
Outra opción é establecer unha taxa que financie un fondo para a xestión da Rede Natura. Ou un fondo para a mellora da xestión das frondosas, que tanto aumentaron entre inventarios, e que representan o 43% da superficie arborada de Galicia, pero apenas o 2,5% dos aproveitamentos forestais, e sempre ameazadas polo lume pola falta de xestión.
Outra opción é crear unha taxa para financiar a mellora da xestión das frondosas caducifolias en Galicia
Existen fórmulas e nos consta vontade de chegar a acordos pactados no sector forestal.
Todos estes factores deben ser ponderados na súa xusta medida para decidir sobre a continuidade ou non da prórroga da moratoria para novas plantacións de eucalipto, así como sobre os prazos máis axeitados para a súa retirada. Ou, no seu caso, para definir unha fórmula intermedia de saída. O debate está aberto, e sería esencial para o futuro do sector forestal galego que non se pechase en falso. Nin se limitara a un diálogo de xordos.
Os propietarios forestais, opostos á moratoria do eucalipto pero favorables a regulalo