A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Eu non sei o que é pagar unha factura da luz, sempre estivemos desconectados da rede eléctrica”

Coñecemos o sistema de xeración fotovoltaica e minieólica de Cebobarán, un dos maiores cebadoiros de becerros de Galicia, que logrou unha total autonomía e independencia enerxética grazas ás instalacións realizadas pola empresa Ecogal

Cebobarán conta con paneis fotovoltaicos e dous minixeradores eólicos

Cebobarán conta con paneis fotovoltaicos e dous minixeradores eólicos

No lugar de Barán, na parroquia de Outeiro, no concello de Paradela, atópase un dos cebadoiros de becerros máis grandes de Galicia, con capacidade para 2.000 animais. Tamén é un dos que conta coas instalacións máis automatizadas e cun sistema de xeración de enerxía que lle permite estar desconectado da rede eléctica.

Á fronte desta granxa, que traballa baixo o amparo do selo que lle proporciona a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, atópase María del Mar González, que colleu o testigo da empresa creada polo seu pai, José Manuel González López.

Cebobarán conta con 2 minixeradores eólicos de 5 kw e unha potencia instalada en enerxía renovable fotovoltaica de 39,52 kwp, con 61,44 Kw/h de almacenamento por medio de baterías, que cubren todas as necesidades enerxéticas da granxa durante todo o ano, tanto nos meses do verán coma nos do inverno.

Non sabemos o que é pagar unha factura da luz; toda a enerxía que se gasta cubrímola coa produción fotovoltaica e cos eólicos

“Eu non sei o que é pagar unha factura da luz, sempre estivemos desconectados da rede eléctrica desde que o meu pai creou a explotación no ano 2007”, destaca Mar. Desde entón, a medida que a explotación foi medrando e automatizándose, tamén foi preciso incrementar a xeración de enerxía para cubrir as novas necesidades.

Incremento de potencia

ECOGAL Cebobaran (Paradela) placas solares 2Dispoñen dun total de 6 naves cunha superficie duns 20.000 metros cadrados de establos para os becerros e no último ano fixeron unha reforma importante das instalacións, o que os obrigou tamén a aumentar a potencia. “O sistema eléctrico que tiñamos era monofásico e tivemos que pasarnos a trifásico, ao poñer sistema de ventilación, alimentación automática e limpeza automática”, explica Mar.

Xunto coa renovación das instalacións, no último ano renovaron tamén todo o sistema eléctrico das distintas naves, incrementando a produción de enerxía con máis paneis fotovoltaicos, un minixerador máis e maior capacidade de almacenaxe nas baterías.

Os minixeradores complementan aos paneis solares nos días de menor produción fotovoltaica

“Toda a enerxía que se gastamos cubrímola coa produción fotovoltaica e cos eólicos. No inverno, cando fai mal tempo e hai pouco sol, traballan máis os eólicos porque normalmente eses días fai máis vento. Son dous sistemas que se complementan ben”, destaca.  

“A enerxía xerada almacenámola nas baterías e empregámola para as limpezas automáticas, para a iluminación, para os ventiladores, para bombear auga para os bebedoiros e para o sistema automatizado de alimentación. O que máis consume son os ventiladores, que gastan moito no verán, sobre todo nas horas centrais do día, pero é tamén o momento no que máis enerxía producimos”, aclara.

Aforro considerable

Os ventiladores incrementan o confort dos animais pero requiren dun alto consumo enerxético

Os ventiladores incrementan o confort dos animais pero requiren dun alto consumo enerxético

Se non fose polo sistema autónomo de enerxía que teñen, Mar ten claro que a factura eléctrica nesta época do ano sería importante. “Os motores da auga están funcionando continuamente, porque os becerros beben máis cando fai calor, e os ventiladores tamén traballan moitas horas. E no inverno teriamos o consumo do sistema de iluminación para que os becerros poidan comer máis horas”, indica.

Os ventiladores e os motores para bombear a auga desde os pozos ao depósito teñen un consumo importante

Os becerros deben ter auga a libre disposición durante as 24 horas do día. Para garantir iso, Cebobarán ten dous pozos para captación de auga e están tamén conectados á traída municipal. Desde os pozos bombean a auga a uns depósitos e desde alí distribúese a todos os bebedoiros, tres por lote. “Que teñan sempre auga é fundamental, mesmo no inverno. Iso é importantísimo pero require dun importante consumo eléctrico”, recoñece.

“Se tivese que pagar a enerxía que consome, unha explotación deste volume gastaría uns 10.000 euros ao ano en luz”

ECOGAL Cebobaran (Paradela) minixerador eolico e placas solaresEcogal, empresa galega especializada en instalación de enerxías renovables en todo tipo de explotacións agrogandeiras, foi a encargada de deseñar e executar as melloras enerxéticas acometidas por esta explotación.

O investimento total foi duns 100.000 euros (66.000€ na instalación fotovoltaica e no sistema de acumulación e 30.000€ nos muíños de vento). O proxecto contou cunha axuda do 40% para a instalación e do 50% para o almacenamento.

A axuda recibida do Inega foi do 50% para as baterías e do 40% para a instalación fotovoltaica

O consumo medio diario da granxa é de 130 kwh durante o verán é 90 kwh no inverno, o que resulta nun consumo total de 3.900 kwh ao mes nos meses do verán e 2.700 nos meses do inverno, o que suma un total de 39.600 kwh no cómputo de todo o ano.

Para demostrar “o rendible que son este tipo de investimentos”, desde Ecogal fan a comparación do que estaría pagando esta explotación se non tivese a capacidade de xerar a súa propia enerxía. “ Só de termo de potencia estaría pagando neste momento 100 euros ao mes, máis outros 686 euros pola enerxía consumida (a un prezo de 0,13 euros por kw), ao que habería que engadir os peaxes. En total resultaría nunha factura de 785 euros de gasto de luz ao mes, 9.500 euros ao ano”, calculan.

Aproveitamento da enerxía xerada

Sistema de baterías de almacenaxe da enerxía producida

Sistema de baterías de almacenaxe da enerxía producida

Os ventiladores, a limpeza automática, e o sistema de dispensación automática de auga e penso son os principais gastos enerxéticos da granxa. Tralo estudo realizado, optaron por introducir medidas de eficiencia enerxética que melloran o rendemento da instalación.

Acumulamos 28.000 litros de auga, bombeamos coa fotovoltaica para que pola noite non tire das baterías

“No verán, aforramos moito no bombeo directo da auga aos tanques, que se enchen con enerxía fotovoltaica durante o día para que non tiren das baterías pola noite. Acumulamos 28.000 litros de auga para os depósitos que subministran aos bebedoiros”, detallan.

“Nesta época, á 1 do mediodía xa están cargadas as baterías e é cando empezamos a bombear auga para os tanques, co que seguimos aproveitando a enerxía que se xera toda a tarde na rede de paneis fotovoltaicos e minixeradores eólicos da granxa”, explican. Contar cun sistema multiorixe da enerxía tamén ofrece unha maior garantía de subministro independentemente das condicións climatolóxicas do día.  

Queres instalar enerxías renovables na túa granxa?

Pide información sen compromiso a ECOGAL:

– Teléfono: 982 603 270

– Email: administracion@ecogal.es

– Webwww.ecogal.es 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *