Archives

Tecnoloxía de bioestimulación, ferramentas para un manexo integral da viña sen residuos

Nos viñedos, os bioestimulantes e a nutrición avanzada preséntanse como ferramentas que poden axudar a conseguir unha viticultura máis sostible e respectuosa co medio ambiente, un dos retos que se presentan aos viticultores e que Europa quere que se acade, dadas as esixencias interpostas nas súas políticas agrarias. Aínda que, como apunta Joaquín Romero Rodríguez, enxeñeiro agrónomo e investigador da Universidade de Córdoba especializado na protección dos cultivos, o uso destes produtos debe encadrarse dentro dunha estratexia que procure unha produción máis sostible ambientalmente e que sexa tamén rendible economicamente para que a viticultura poida ser unha actividade de futuro no campo.
“Hai moitas variables, como os métodos de aplicación e o coñecemento da enfermidade que van ser determinantes para lograr bos resultados cos bioestimulantes”
“Non hai produtos milagre, senón que hai moitas variables que van determinar o éxito e cuestións como os métodos de aplicación ou o coñecemento da epidemioloxía da enfermidade van ser determinantes para lograr bos resultados, sobre todo cos bioestimulantes”, valoraba Romero durante a súa participación no primeiro Foro da Uva e a Viña, celebrado en Cenlle (Ourense).

Como funcionan os bioestimulantes?

Tal e como recoñece Romero, cos bioestimulantes sempre xurdiron dúbidas sobre a súa maneira de actuación sobre a planta e é que se coñeceu pouco sobre eles. Por iso, agora reivindica a importancia que teñen proxectos de investigación con anos de traballo ás súas costas como os levados a cabo coa Universidade de Sevilla que lanzan luz sobre esta cuestión. Á hora de falar dos bioestimulantes, Romero apunta que son produtos que basean a súa eficacia non na fertilización, nin nunha acción directa pola súa capacidade biocida fronte a un patóxeno, senón que promoven unha reacción da planta e a activación do seu metabolismo fronte a ameazas. Romero, que é tamén xefe de márketing agronómico na empresa Econatur, presentou algúns dos produtos desenvolvidos por esta firma, que acumula case 25 anos de traxectoria, nos que experimentou un crecemento significativo, pero que se mantivo fiel aos seus principios fundacionais. “Os produtos de Econatur seguen buscando empregar o que a natureza pon ao noso alcance ao servizo do agricultor, para ofrecer insumos agrícolas sostibles ambiental e economicamente”, indica o enxeñeiro agrónomo.
Os bioestimulantes inciden nos procesos fisiolóxicos da planta, nalgúns casos activando os mecanismos de defensa ante situacións de estrés
A firma Econatur desenvolveu ademais unha tecnoloxía propia, a tecnoloxía EPT, da que ten a patente, e que é fundamental para o desenvolvemento dos seus bioestimulantes. “Esta tecnoloxía ten incidencia en múltiples procesos fisiolóxicos do metabolismo da planta, tanto primario como secundario”, detalla Romero. A tecnoloxía EPT baséase en extractos botánicos a partir de mecanismos de extracción propios desenvolvidos pola empresa. En concreto, Romero centrouse en bioestimulantes de tipo fitoxénico céntranse sobre todo no metabolismo secundario da planta, é dicir que afectan ós mecanismos de defensa que activa ante determinadas situacións de estrés biótico e abiótico.

Vantaxes que proporcionan

Abordando máis en detalle esta tecnoloxía EPT, Romero apunta algunhas das principais vantaxes que proporciona esta tecnoloxía aplicada nos bioestimulantes, para comprender mellor os seus efectos na planta: -Induce o sistema de defensa antioxidante da planta. Coa tecnoloxía EPT aplicada aos bioestimulantes conseguiron fomentar a capacidade antioxidante da planta e ofrecer unha maior protección contra a peroxidación. Desta maneira conseguen que a través da activación de determinadas enzimas, a planta elimine especies reactivas de osíxeno, que se acumulan nos tecidos por situacións de estrés, evitando os procesos de necrose naturais ou o esgotamento da planta. - Precursores de fitohormonas. O conxunto de polifenoles extraídos coa tecnoloxía EPT induce de forma natural a síntese de fitohormonas esenciais para a produtividade da planta, polo que impulsan o crecemento da planta dunha forma equilibrada. Desta maneira permítese un mellor equilibrio da planta e a acumulación de hormonas como auxina, acedo abscísico e acedo salicílico, fundamentais para o seu desenvolvemento. Como detalla Romero, as auxinas permiten un correcto desenvolvemento tanto da parte aérea da planta como das raíces e o ácido salicílico permite inducir as defensas da planta ante calquera ataque externo. “No caso da viticultura, as auxinas son fundamentais no proceso de amarrado de acios”, detalla. -Maior transporte nutricional. Os bioestimulantes desenvolvidos con esta tecnoloxia Ept tamén xeran unha diferenza de presión entre células da planta que facilitan o transporte dos nutrientes e principios activos no interior da planta, sen xerar maior gasto enerxético.

Resultados

Algúns dos produtos bioestimulantes que Econatur ten no mercado na actualidade céntranse en conseguir reducir o estrés produtivo, mellorar o amarre e incrementar a produción e ofrecer unha maior resiliencia a temperaturas extremas. Con estes bioestimulantes está a lograrse un incremento da produción de entre un 20,5 e un 30% e conseguir adiantar a vendima en 14 días, para evitar o estrés por calor dalgunhas zonas de produción vitícola ameazadas polas altas temperaturas, como Andalucía. Ademais, tamén conseguiron mellorar o estado fitosanitario dos viñedos entre un 12,5 e un 16,7%. Algúns destes bioestimulantes da gama de Econatur, lograron reducións significativas de oídio, con aplicacións preventivas que conseguiron unha redución do 80% da incidencia, con valores de eficacia superiores mesmo aos fitosanitarios tradicionais. Produtos bioestimulantes tamén conseguiron fortalecer a planta para minimizar a podremia.

Bioestimulantes fronte a riscos sanitarios

Os bioestimulantes preséntanse como alternativas para conseguir unha viticultura máis sostible e nese sentido distintos traballos de investigación están a ver as posibilidades que presentan, se non para substituír de maneira total polo momento a solucións químicas tradicionais, polo menos para complementarlas e conseguir reducir o impacto ambiental da viticultura. Nesta liña preséntanse traballos como os desenvolvidos no Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker) publicado en 2022 sobre o uso de bioestimulantes para facer fronte a patóxenos como o mildio e oídio. “Cun produto como Salix, a base de codia de salgueiro, conséguense reducións do 97% fronte a mildio”, explica Romero. Ademais, adianta que proximamente se publicará outro traballo sobre as proteínas que fomentan estes mecanismos de defensa fronte ao patóxeno.
O emprego de bioestimulantes conseguiu lograr unha redución da 97% fronte ao mildio e do 80% contra o oídio
Debido a estes bos resultados e o interese de adegas da Rioxa e o País Vasco, investigadores do Neiker continuaron con esta liña de traballo e desenvolveron estratexias para o control de enfermidades baseadas na utilización de bioestimulantes. Con este manexo reduciron nun 50% o uso de fitosanitarios convencionais, ao realizar aplicacións alternas de solucións convencionais e a aplicación de bioestimulantes. Do mesmo xeito que nos primeiros estudos, lograron resultados favorables mesmo en variedades de uva como Hondarribi, moi susceptibles aos danos por mildio e en zonas con alta incidencia deste patóxeno. Aínda que é verdade que conseguiron manter a incidencia controlada, finalmente os ataques foron moi fortes. “Poida que nalgúns casos teñamos que seguir apoiándonos, polo momento na química de síntese, pero hai que ir buscando alternativas”, valora Romero.

Recomendan vixiar os danos por botrite nos viñedos

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomenda manterse alerta ante os danos por botrite que poden darse nos viñedos. O risco por mildio e oídio é cada vez menor, ó atoparse xa boa parte das cepas no pintado. No caso da botrite, o feito de que xa practicamente en todos os predios e variedades os acios se atopan na fase de pintado, estado no que son máis sensibles ó ataque deste fungo oportunista, motiva que haxa que manterse máis alerta ante posibles danos. Ademais, dende a Estación, dependente da Deputación de Pontevedra, recordan que o incremento da humidade, as temperaturas suaves, o incremento do azucre na uva, os acios compactos, os acios secos por mildio ou os danos nos grans favorecen a aparición deste patóxeno. Por iso, se non se aplicou aínda un antibotrítico, aconsellan facelo despois das choivas que se agardan para os próximos días, en especial se finalmente chove de xeito abundante, para evitar ou reducir as posibilidades de que se instale o fungo. Naqueles viñedos que foron tratados con cobre para previr ataques por mildio, este pode ser suficiente polo momento para frear a incidencia. As chuvias e as temperaturas mínimas elevadas tamén poden favorecer a aparición de novas manchas e lavarán os tratamentos aplicados contra o mildio. Aínda que o risco de contaxio é cada vez menor, recomendan renovar os tratamentos de cobre polo menos naquelas viñas onde non se tiveran dado antes ou onde se tiveran producido danos ó longo da campaña. Mentres, se as chuvias previstas son intensas reducirase o risco de aumento de síntomas de oídio en follas, pampos e acios rebuscos. Así, no último boletín emitido pola Estación só aconsellan aplicar un tratamento antioídio ó tratamento de cobre para o mildio naqueles predios con variedades que teñan a enfermidade.

Capturas do vector da flavescencia dourada

Dende a Estación Fitopatolóxica recomendan manterse alerta polo vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus. Polo momento só o capturaron en trampas colocadas nas comarcas do Rosal e O Condado. Con todo, recordan a importancia dos tratamentos para frear o avance da enfermidade, posto que o insecto pode estar aínda presente ata ben entrado setembro. Ademais, deben cortarse e eliminarse as plantas de viña abandonadas, para evitar que se convertan en refuxio para o vector.

Mal do chumbo nas froiteiras

Como detallan no seu último aviso sanitario, xa están a detectarse froiteiras afectadas polo mal do chumbo. No caso de localizar danos, recomendan eliminar as ramas afectadas, se se trata dun ataque localizado, ou mesmo as árbores danadas, para evitar a expansión da enfermidade. Tamén aconsellan facelo xa no verán, para reducir o nivel de inóculo presente na parcela. Para reducir o risco de contaxio na planta, despois de cada corte hai que aplicar unha pasta funxicida e antes de podar a seguinte rama deben desinfectarse ben as tesoiras. Finalmente, todos os restos podados deben retirarse da finca. Estas mesmas recomendacións, poden aplicarse ás maceiras e pereiras que estean afectadas por cancro.

Recomendan manter a vixilancia das viñas ante o mildio, oídio e botrite

O último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda continuar a vixilancia da viña ante o mildio, oídio e botrite. O centro dependente da Deputación de Pontevedra advirte da importancia de aplicar tratamento debido ó aumento do oídio e tamén preparados antimildio naquelas viñas nas que, polo desenvolvemento da vexetación, non chegaron os tratamentos. Ademais, Areeiro advirte sobre o aumento da erinose de verán e sobre novos síntomas de enfermidades de madeira. No relativo o mildio non se ten detectado empeoramento nas viñas. Non obstante, naquelas zonas máis frondosas, onde non chegou o tratamento, si se teñen atopado novas manchas. Debido á previsión de posibilidade de precipitacións que se espera para os próximos días, recoméndase tratar as viñas cun funxicida a base de cobre. A falta de choiva dos últimos días favoreceu a presenza do oídio nas viñas. Areeiro detectou un incremento no número de acios afectados entre os cales, os máis danados son as variedades sensibles e en acios rebuscos. Debido a que o pintando non está completo, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar un antioídio á par do funxicida de cobre. Tamén se recomenda o control e tratamento da viña ante o avance da botrite. En especial en viñas onde hai cepas de diversas variedades temperás, nas que o avance na fenoloxía conduce a un maior contido de azucre dos grans e hai máis afectación. Neste caso, así como en variedades sensibles, é aconsellable aplicar un tratamento dirixido aos acios. Como consecuencia da calor dos últimos días a sintomatoloxía das enfermidades de madeira acentuouse, así como o desequilibrio hídrico que está afectando a algunhas das viñas. Tamén segue a aumentar a erinose de verán.

A Xunta actualiza a listaxe de parroquias nas que é obrigatorio tratar contra a flavescencia dourada

A Consellería do Medio Rural acaba de actualizar a listaxe de parroquias nas que é obrigatorio aplicar tratamentos insecticidas para a loita contra o Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada da vide. A modificación produciuse despois de que nos últimos días detectaran a presenza deste insecto nas trampas colocadas para o seu seguimento en parroquias dos concellos de Crecente, As Neves, Salvaterra do Miño e Tomiño, en Pontevedra, e Padrenda, en Ourense. Por iso, é obrigatorio aplicar tratamentos en determinadas parroquias destes concellos, así como en lugares de Arbo e na Cañiza. Dende a consellería tamén recomendan realizar tratamentos insecticidas preventivos nas parcelas de viñedo situadas nas diferentes zonas de demarcación deste organismo nocivo. Esta zona demarcada inclúe parroquias doutros concellos pontevedreses como son o de Arbo, A Cañiza, A Guarda, O Rosal, Salceda de Caselas e Tui. Os tratamentos son de vital importancia para evitar a dispersión do vector. Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada. Na páxina web da Consellería pode consultarse a listaxe das materias activas e formulados autorizados para estes tratamentos fitosanitarios, así como as parroquias onde é obrigado o tratamento ou aquelas onde simplemente é recomendado. Os tratamentos químicos deberán repetirse cada 15 días e realizaranse un total de tres tratamentos. Tamén terán que respectarse as indicacións de uso dos produtos que aparecen na súa ficha de rexistro, especialmente aquelas referidas aos intervalos de uso e número máximo de aplicacións. Tamén poden resolver as dúbidas na oficina agraria máis próxima. Antes de en Galicia, o vector da flavescencia xa fora detectado en Portugal, especialmente en zonas próximas á fronteira. Dada a situación, Portugal declarou unha zona demarcada lindeira con varios concellos fronteirizos de Galicia, polo que foi establecida unha zona tampón de 2,5 km coa fronteira.

Preocupación dende Areeiro polo avance do vector

O último aviso fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, tamén incide na importancia de aplicar estes tratamentos contra o vector da flavescencia dourada. Nas últimas dúas semanas, dende Areeiro xa detectaran e alertaran sobre a presenza do cicadelio vector da flavescencia. Ademais, nos últimos días tamén localizaron insectos nas trampas na comarca do Rosal e na do Condado. “A enfermidade que pode transmitir este vector é moi grave e na Unión Europea é obrigatorio controlalo”, apuntan dende Areeiro.

Extremar a vixilancia por outros patóxenos na vide

Por outra banda, dende Areeiro tamén inciden na importancia de manter vixiadas as viñas nos próximos días pola previsión de precipitacións e altas temperaturas, que incrementan o risco de patóxenos como o mildio, oídio ou black rot. Aínda que moitas das cepas que foron tratadas apenas presentan danos por mildio, nos últimos días detectaron algúns predios e certa preocupación entre os viticultores pola aparición de mildio larvado nos acios. Así, aínda que nas variedades máis temperás xa hai os primeiros acios aproximándose ó pintado, estado no que se reduce o risco de danos por mildio, dende Areeiro recomendan facer un seguimento intensivo das viñas, para tratar se se detectan novos síntomas, en especial naquelas viñas que teñan un alto nivel de inóculo. Acios afectados por mildio larvado. // Imaxe. Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Do mesmo xeito, aínda que os danos por oídio e black rot están a ser mínimos, aconsellan manter vixiadas as viñas. Ademais, se é preciso aplicar tratamentos contra o mildio, recomendan aplicar materias activas indicadas tamén para estes dous fungos. Nas súas revisións en campo, o persoal de Areeiro tamén detectou plantas con síntomas de enfermidades da madeira. “Algunhas delas xa están a sucumbir e por iso é mellor arrincalas e destruílas para evitar a contaminación das demais”, explican. Ademais, tamén detectaron plantas afectadas de golpes de sol debido a unha esfolla excesiva e comeza tamén a ser máis notoria a erinose de verán.

-Consulta máis información sobre a flavescencia dourada na web da Consellería de Medio Rural. 

 

Recomendan aplicar tratamentos contra o vector da flavescencia dourada, para limitar a súa expansión

Esta semana o persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, detectou os primeiros restos de mudas do vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus. Por este motivo, no seu último aviso fitosanitario recomendan aplicar insecticidas, se non se fixo xa, naqueles viñedos do sur da provincia de Pontevedra, que poden ser susceptibles á presenza do insecto. “É aconsellable tratar con produtos autorizados para o seu control, co fin de tentar limitar a dispersión da grave enfermidade que transmite”, explican. As previsións meteorolóxicas para os próximos días, con nubes e claros, temperaturas altas e posibilidade de precipitación, motivan que sexa preciso manter vixiadas as viñas polo risco de mildio e oídio. Dende Areeiro recomendan ademais manter as labores culturais básicas e tratar aquelas viñas nas que continúen ou se produzan avance dos síntomas do mildio. Recordan tamén que non se deben realizar aplicacións fitosanitarias con ventos superiores a 8km/h, que xeran un lixeiro movemento das follas, sen que chegue a ser constante. Nestas condicións os produtos aplicados poden voar fóra da área a tratar. No caso do oídio, dende Areeiro recordan que a uva se atopa aínda moi sensible ó fungo e as néboas propias desta época do ano poden favorecer a súa aparición. Por iso, recomendan que a vixilancia sexa máis intensa, sobre todo naquelas variedades máis sensibles e nos predios que xa se viran afectados nalgún momento por este patóxeno. Insisten ademais, que un mal control deste fungo pode producir a rotura da pel da uva e favorecer a aparición doutros patóxenos como a botrite. Os viñedos atópanse aínda nun momento de elevada sensibilidade a black rot, polo que tamén é importante vixiar a aparición deste fungo, sobre todo se chegan a producirse choivas nos próximos días. As altas temperaturas tamén están a deixar máis plantas con síntomas propios de enfermidades de madeira e os primeiros acios con golpes de sol.

Recomendan extremar a vixilancia e favorecer a ventilación dos viñedos ante o risco de oídio

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda extremar a vixilancia dos viñedos ante o risco alto de oídio. Tal e como recolle no seu último aviso fitosanitario deste venres, cómpre manter vixiadas aquelas variedades máis sensibles e os predios nos que xa se detectaran síntomas. “A viña entra agora nun período de máxima sensibilidade ó oídio”, apunta o equipo técnico. Os expertos tamén aconsellan realizar labores culturais que favorezan a ventilación da viña, para que os acios queden expostos á radiación ultravioleta e se reduza o risco de afección non só de oídio senón tamén por mildio. A previsión de tempo seco e solleiro para os próximos días reduce o risco de mildio, pero con todo, dende Areeiro recomendan manterse alerta, revisar o estado das cepas e renovar os tratamentos ante a aparición de síntomas. Cómpre, sobre todo, prestar atención a aquelas viñas que arrastren infeccións mal controladas. Nas súas revisións en viñedo, o equipo técnico de Areeiro tamén detectou novos síntomas de black rot, con todo a previsión de tempo solleiro e seco tamén reduce o risco de afección. Tamén é importante manter a vexetación do solo controlada, así como realizar despuntes, podas en verde e esfollas para evitar unha retención de humidade no viñedo, que puidera favorecer a aparición do patóxeno.

Flavescencia dourada

O incremento das temperaturas que se está a rexistrar tamén pode favorecer que se acelere o ciclo do cicadelido vector da flavescencia dourada, polo que, nas zonas do sur da provincia de Pontevedra recomendan aplicar un insecticida rexistrado para o seu control. Tamén se está a incrementar o número de plantas afectadas por enfermidades da madeira, debido en gran medida ó incremento das temperaturas, polo que se agarda que sigan aumentando os danos.

Recomendan incrementar a vixilancia fronte ó oídio no viñedo

As cepas atópanse nun dos momentos máis críticos para sufrir danos por oídio e o persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro xa detectaron esta semana acios de Albariño afectados. Por iso, no último aviso fitosanitario emitido dende a Estación recomendan incrementar a vixilancia dos viñedos. Ademais, aconsellan que calquera intervención antimildio que se vaia facer se acompañe cun tratamento antioídio. Nas súas revisións ós viñedos, tamén constataron que as viñas se atopan, polo xeral, nun excelente estado fitosanitario no que a afección por mildio se refire. Só detectaron síntomas naqueles predios que sufriron un forte ataque de mildio cando coincidiron as primeiras condicións favorables coa floración. Dadas as previsións para os próximos días, con escasas choivas, e que boa parte das viñas foron tratadas recentemente ou se atopan dentro do período de protección pola última aplicación fitosanitaria, a curto prazo o risco é baixo naquelas parcelas onde non houbo danos previos. Con todo, dada a incidencia de mildio, recomendan estar alerta naqueles viñedos nos que vaia cumprirse xa o prazo de protección e onde aínda queden síntomas por controlar.

Controlar a vexetación excesiva

Naqueles viñedos cun excesivo crecemento da vexetación recomendan facer unha poda verde, combinando nalgúns casos cun esfollado lixeiro, xa que os acios aínda están desenvolvéndose. Tamén é aconsellable rozar a cuberta vexetal. “No control de enfermidades estas operacións son imprescindibles para facilitar a ventilación dos órganos da vide e son tan importantes como a aplicación oportuna e correcta dos fitosanitarios”, explican dende Areeiro.

Black rot

Nas súas revisións en viñedos, os técnicos tamén detectaron esta semana síntomas de black rot en viñas de O Condado, en cepas sen tratar ou abandonadas. Por iso recomendan tamén incrementar a vixilancia en todas as comarcas, aínda que o tempo seco que se prevé non é o máis favorable para esta enfermidade. Aconsellan que onde haxa brotes de black rot empreguen un funxicida antimildio ou antioídio que tamén teña efecto sobre este fungo.

Aviso fitosanitario polo risco alto de mildio nos viñedos

As tormentas desta semana deixaron temperaturas elevadas e gran humidade, condicións extremadamente favorables para o mildio nos viñedos e as previsións de que as chuvias se manteñan nos próximos días fan que sexa preciso manterse moi alerta e revisar as viñas. “Esta semana estivemos a recibir numerosas chamadas de viticultores e técnicos por fortes ataques de mildio en viñedos da provincia de Pontevedra así como na Ribeira Sacra ou o Ribeiro”, indican dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra. As variedades máis afectadas están a ser o Albariño e outras castes brancas, pero tamén hai danos nas tintas e en híbridos que en teoría son máis resistentes ó patóxeno. Ante a previsión de precipitacións para a vindeira semana, dende Areeiro recomendan vixiar de xeito continuo e exhaustivo as viñas. “O normal será ter que renovar os tratamentos”, indican no último boletín fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica esta semana. “É recomendable que o funxicida elixido conteña unha materia activa sistémica (pode ser penetrante ou de fixación ás ceras cuticulares nas viñas pouco afectadas de mildio) unida polo menos a un funxicida de contacto. A aplicación deste funxicida debe realizar coas follas das plantas secas e con ventos por debaixo dos 11 quilómetros por hora. Ademais, lembran que aínda que se empreguen funxicidas sistémicos hai que mollar ben todos os órganos da planta. Recordan tamén que neste momento é necesario que o resto de vexetación se manteña baixo control.

Outros patóxenos

As condicións meteorolóxicas destes días (humidade relativa elevada, iluminación indirecta e temperaturas elevadas) son tamén favorables para a aparición de oídio, aínda que polo momento non se detectaron danos, tal e como indica o persoal de Areeiro. Con todo, recordan que cómpre protexer os acios fronte a este patóxeno. O mesmo acontece co black rot. Así, aínda que se deron condicións moi propicias para o fungo, dende Areeiro non constataron danos deste patóxeno, nin sequera nas cepas abandonadas. Con todo, recomendan manter a vixilancia, especialmente naqueles predios que historicamente sexan máis proclives a verse afectados polo fungo.

Recomendan manter vixiadas as viñas ante a previsión de chuvias e o risco de mildio

O anuncio de chuvias dende este venres en Galicia fai que sexa preciso extremar as revisións do viñedo, tal e como recomendan no último aviso fitosanitario emitido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación. Os viñedos atópanse agora nunha fase crucial do desenvolvemento da uva. “De cumprirse as previsións, o risco de infección por mildio será sensiblemente máis elevado co de días pasados e deben revisarse moi ben as viñas, aínda que estean dentro do período de protección teórico do tratamento anterior”, aconsellan dende Areeiro. Ademais, de detectarse síntomas ou haber sospeitas de que pode darse unha contaminación anterior mal tratada, os técnicos recomendan tratar as viñas para previr un ataque de mildio. Cómpre ter presente, que algúns dos tratamentos foron aplicados con condicións desfavorables de vento, o que reduce a protección da viña.

Oídio e black rot

Tamén recomendan tratar contra o oídio nas aplicacións de tratamentos que se fagan, dadas as condicións favorables para a súa propagación. O persoal técnico de Areeiro detectou nas súas revisións sobre o terreo danos por black rot en parcelas abandonadas próximas a unha viña comercial, co conseguinte risco que isto supón, converténdose nunha fonte de inóculo importante, polo que debe eliminarse. “As condicións climatolóxicas previstas son moi favorables ó fungo, nun momento no que a uva é sensible”, explican. Así, tamén aconsellan ter en conta este patóxeno nos tratamentos que se realicen nas cepas. Os fortes ventos rexistrados nestes días provocaron a rotura de brotes nos viñedos. Os especialistas recomendan retirar esta vexetación afectada para evitar que coas chuvias cheguen a instalarse neles fungos oportunistas como o causante da botrite. O crecemento vexetativo das vides tamén está a ser excesivo, polo que para mellorar a sanidade dos viñedos recomendan despuntalas despois da floración. Ademais hai xa unha gran vexetación nas parcelas que debe controlarse para evitar a retención de humidade que poida favorecer a aparición de patóxenos.

A viña entra na fase máis delicada para o cultivo

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir este luns o seu aviso fitosanitario, no que ofrece unha avaliación do estado sanitario das viñas e unhas recomendacións para o seu coidado. En xeral, as viñas están no período de floración/formación do froito, unha fase extremadamente sensible no ciclo da viña, polo que é preciso reforzar a vixilancia e dos coidados. Así, en canto ao mildio, tanto nas plantas tratadas da viña da Estación Fitopatolóxica de Areeiro ﴾a última aplicación fora na primeira semana do mes﴿, coma nas testemuña ou nunhas abandonadas que atoparon os técnicos, empezan a aparecer manchas novas. As previsións meteorolóxicas apuntan a que se poidan producir precipitacións illadas en forma de chuvasco, pero varían nas porcentaxes de que se produzan, nos días en que poden darse e na contía e momento do día en que poden ter lugar. “Por esta incerteza non se pode aportar unha recomendación xeral máis que a de que hai que incrementar a vixilancia e estar alerta ao que realmente suceda en cada localidade: o patóxeno verase moi favorecido se as temperaturas son elevadas e se producen chuvascos ﴾tormentosos ou non﴿, o que implicará que de xeito case seguro haxa que renovar as intervencións”, recomendan dende Areeiro.

Primeiros síntomas de oídio

Na revisión do pasado xoves 18 os técnicos da Estación de Areeiro atoparon os primeiros síntomas de oídio nunha folla de albariño dunha das viñas da súa rede de seguimento habitual ﴾o ano pasado o mesmo feito tivera lugar a mediados de xuño﴿, tendo en conta que nesta viña non se fixera aínda ningunha aplicación antioídio e detectouse a enfermidade só nunha única folla. “A detección implica que a partir de agora haberá que incluír a este patóxeno nos plans de tratamento ao igual que o mildio, tendo en conta ademais que os grans están recentemente formados e hai que protexelos”, aconsellan.

Black rot

De momento non observaron novas manchas de Black Rot, graza a que as condicións de ventos secos non o favorecen. Con todo, inciden en que “é necesario manter a vixilancia, xa que a uva recentemente formada é moi sensible a este patóxeno”.

Xornada en Monforte sobre “As enfermidades do viñedo: Estratexias de protección razoada”

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, organiza o vindeiro 19 de maio, venres, unha xornada técnica en Monforte de Lemos sobre “As enfermidades do viñedo: Estratexias de protección razoada”. A formación correrá a cargo de expertos de renome nacional no estudo das principais enfermidades fúnxicas que afectan ao viñedo en Galicia (mildeu, oídio e black rot, así como enfermedades de la madera), como Pedro Mansilla, Rosa Pérez Otero, Alfonso Lucas Espadas ou Nuria de Prado. A xornada celebrarase no Salón de reunións do Restaurante Manuel Bistró (Monforte  de Lemos) a partir das 18:00 horas. Aforo limitado. Necesaria previa inscrición a través do código QR ou no seguinte enlace: https://forms.gle/ffoSrKTdM3BmBDRP7

Velaquí o programa da xornada:

 

Pode ser o ozono unha alternativa para atallar o mildio nos viñedos?

A presión para reducir o uso de tratamentos fitosanitarios químicos na agricultura en xeral fai que se estean a probar diferentes produtos na procura de alternativas máis sostibles e que xeren un menor impacto ambiental. Unha das opcións a estudo é o emprego do ozono para atallar enfermidades coma o mildio ou o oídio no viñedo. Este é precisamente o obxectivo do proxecto Vitiozón, promovido pola adega Martín Códax, da DO Rías Baixas e desenvolvido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) que tamén contou coa Universidade de Santiago de Compostela. Os primeiros resultados deste traballo foron presentados recentemente nunha xornada técnica que contou con viticultores e investigadores, celebrada en Leiro e na que se deron a coñecer distintas propostas innovadoras na viticultura. A experiencia práctica dun dos viticultores socios da adega co uso do ozono para o tratamento de augas para acuicultura fixo que se decidira a deseñar un prototipo para o emprego do ozono no viñedo. Esta foi a primeira achega da adega co uso do ozono. “Aqueles primeiros resultados non foron concluíntes, pero seguimos investigando coa intención de probar nos viñedos para ver se o ozono resultaba unha técnica alternativa ou complementaria na protección do cultivo”, explican dende o departamento técnico de Martín Códax.

Por que empregar ozono no viñedo?

O proxecto Vitiozón centrouse en comprobar a eficacia que pode ter o ozono para combater o mildio, pola incidencia que ten a praga, sobre todo nas viñas das Rías Baixas. Na adega Martín Códax, durante a campaña 2020 rexistráronse 80 infección secundarias de mildio dende a brotación ata o envero.
As restricións ó emprego das materias activas clásicas de protección dos cultivos e a dificultade por parte das empresas fitosanitarias para rexistrar novas obriga a procurar alternativas nos tratamentos
Dende a adega tamén sinalan que optaron por estudar os beneficios do uso do ozono para procurar unha redución de usos de praguicidas. Ademais, os cambios que se produciron nos tratamentos, logo das restricións ó emprego das materias activas clásicas de protección dos cultivos e a dificultade por parte das empresas fitosanitarias para rexistrar novas materias activas obriga a procurar alternativas. O uso do ozono estudouse neste proxecto para combater o mildio, pero tamén podería ser unha alternativa para outras pragas que afectan ós viñedos. “Intuitivamente parecíanos que mesmo podía ser máis efectivo contra o oídio que contra o mildio, pero durante as campañas nas que se levaron a cabo os traballos de investigación case non houbo incidencia de oídio nos viñedos e non vimos grandes avances co tratamento”, concretan dende Martín Códax. Deixan a porta aberta aínda a poder estudar a aplicación de ozono contra outras enfermidades, en especial contra o oídio. O uso do ozono tamén se emprega no cultivo da viña trala vendima, xa que o ozono ten un efecto positivo en polifenois, permite incrementar a concentración de compostos aromáticos e contribúe á redución de fermentos. Ademais, xa se está empregando no propio viñedo, a través da rega, polo efecto vigorizante que proporciona á planta, así coma nos viveiros para mellorar a sanidade dos enxertos.

Aplicar o ozono nos viñedos

Un dos retos do emprego do ozono nos viñedos é que o ozono ten unha vida útil baixa dende que se produce e debe aplicarse en situ, polo que a súa aplicación tamén supuxo un reto para a adega. De feito desenvolveron un ozonizador para poder aplicar o ozono de xeito inmediato. En concreto, este aparato permite o aplicación de auga ozonizada sobre o viñedo. Neste estudo realizaron 6 tratamentos de ozono nos viñedos. Xenerador de auga ozonizada empregado na adega Martín Códax.  

Os efectos do ozono fronte ás pragas

No estudo estableceron 8 estratexias para comprobar a eficacia do ozono contra o mildio, de xeito que contaban dende viñedos sen tratamento, ata viñedos tratados unicamente con ozono ou aqueles nos que se empregaban tratamentos químicos para atallar todas as pragas ou para manter controladas outras coma o oídio e se trataba exclusivamente con ozono o mildio. Os resultados obtidos foron xestionados pola Evega e tamén participou o equipo liderado polo profesor Javier Cancela Barrio da Universidade de Santiago que se encargou da avaliación de parámetros fisiolóxicos da planta.
“Unha vez que aumenta a presión, o ozono deixa de ser efectivo, tanto nos ataques na folla coma no acio”: Emilia Díaz, técnica da Evega
Aínda que se trata de datos recollidos durante unha única campaña, amósase que o tratamento con ozono pode ser efectivo para controlar as pragas só durante as primeiras fases, xa que despois o grao de infección increméntase significativamente, mentres que con tratamentos químicos convencionais lógrase un maior control. Así, aínda que nas primeiras etapas non se atopan diferencias e o ozono podería ser unha alternativa contra o mildio, en canto se incrementa o risco e a presenza do patóxeno é preciso optar por outras solucións para manter a praga baixo control. “Una vez que aumenta a presión, o ozono deixa de ser efectivo, tanto nos ataques na folla coma no acio”, explica Emilia Díaz, técnica da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Avaliación da incidencia de enfermidades realizada por un técnico da Evega.

O ozono e a microbiota dos solos

O proxecto tamén avaliou o efecto que ten o ozono na microbiota dos solos, é dicir o impacto sobre os microorganismos que teñen os solos e que cumpren unha función imprescindible nos procesos bioquímicos da materia.  Unha das principais conclusións obtidas é que os tratamentos con ozono fomentan a biodiversidade de microorganismos en folla e acios fronte ás solucións convencionais. “Cos tratamentos estándar estanse eliminando microorganismos, que poden ser interesantes ou non para o viñedo”, explica Díaz Losada. De feito, a auga ozonizada parece actuar sobre un escaso número de xéneros. Aínda que non puideron comprobalo en campo, o uso de ozono tamén serviu para reducir a abundancia de patóxenos coma a botrite en acio.

O bo estado das viñas evita os últimos tratamentos preventivos contra mildio e oídio de cara á próxima campaña

A poucos días xa para que comece a vendima de xeito xeralizado en toda Galicia, os viñedos atópanse nun moi bo estado sanitario debido, sobre todo, ó tempo seco e solleiro dos últimos meses. Tal e como recolle o derradeiro boletín fitosanitario para a campaña emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, as elevadas temperaturas están a favorecer tamén a maduración dos acios. Nas uvas Albariña analizadas polo persoal técnico de Areeiro esta mesma semana, o grao alcólico sitúase por encima dos 11 graos, cun valor mínimo de 11,21 nunha viña do Rosal e un máximo de 13,11 graos nunha parcela solleira do Salnés. A baixa incidencia de patóxenos coma o mildio ou o oídio en boa parte da campaña e nesta recta final permite que tampouco sexa preciso aplicar un tratamento cúprico postvendima para reducir o nivel de inóculo para o próximo ano. Esta é unha práctica habitual para tentar reducir os danos de cara á próxima campaña nos anos de gran incidencia de ambas pragas. Tampouco se están a detectar danos por botrite en boa parte dos viñedos. A falta de humidade está a ser determinante para que non se propague a praga. Como sinalan dende Areeiro, nin tan sequera detectaron danos nos acios de variedades de pel fina, as uvas coa pel rachada ou aquelas con danos por paxaros ou pola vespa asiática, que serían máis propensas a sufrilos. A uva tampouco rexistrou danos pola avelaíña do acio nesta campaña. Pese a que a semana pasada se capturaran unha destacada cantidade de machos desta especie nas trampas que Areeiro ten distribuídas, esta semana o número volveu reducirse e segue sen ser preciso ningún tratamento.

Pendentes dos ácaros na vindeira campaña

Nesta última semana da campaña, o persoal de Areeiro observou un elevado número de viñas con gromos terminais de cor escurecida e entrenós curtos, síntomas característicos de ataques de trips e acariose. As análise revelaron que a maior parte deles estaban afectados por ácaros. Neste senso, dende Areeiro, recoñecen que este ano detectaron unha maior incidencia de acariose nas viñas, que achacan á particular climatoloxía rexistrada. Os profesionais de Areeiro apuntan a que será preciso estar pendentes dos ácaros na brotación da próxima campaña. Nesta recta final da campaña e dada a incidencia da calor, seguen a detectarse nos viñedos danos por golpe de sol nos acios, plantas ou brazos mortos por alteracións da madeira e síntomas de estrés hídrico. Ademais, esta semana detectaron un novo agromo de erinose e danos pola incidencia da vespa asiática.

Os viñedos encaran a recta final antes da vendima con boa sanidade

As chuvias rexistradas en toda Galicia ó longo dos últimos días case non tiveron incidencia no estado sanitario dos viñedos. Así o recolle o último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, entidade dependente da Deputación de Pontevedra. As viñas apenas presentan incidencia de patoloxías habituais coma o mildio. Detectaron moi poucos síntomas nos brotes terminais, mesmo na plantas de viñas que levaban máis dun mes sen aplicar tratamentos ou naquelas que manteñen sen intervención en toda a campaña. Os ventos do norte e a previsión de tempo seco para os próximo día fan que siga sendo improvable a aparición de danos por mildio. Os síntomas de oídio que detectara o persoal de Areeiro na revisión da semana anterior tampouco evolucionaron durante estes días, e só detectaron danos mínimos e casos puntuais. Aínda que as chuvias podían favorecer os danos por botrite, na maioría dos casos foron precipitacións moi lixeiras e a humidade non se mantivo durante moito tempo na vexetación, polo que non se aprecian danos de importancia. A previsión de tempo seco tamén reduce ó mínimo o risco para os próximos días. Se se producen danos para os que sexa preciso tratar e tendo en conta a proximidade da vendima nalgunhas zonas, dende Areeiro recordan que existen funxicidas antibotríticos con 14 días de prazo de seguridade e outras solucións naturais que ou ben non teñen tempo de espera ou só se debe agardar un día. Esta semana incrementouse a presenza e capturas de machos de couza do acio, en especial nunha das trampas xestionadas por Areeiro en viñas de O Condado, onde capturaron 72 exemplares. Tamén se incrementou o número de perforacións das eirugas nos acios, aínda así atópase por debaixo dos limiares nos que sería preciso realizar un tratamento. Malia as precipitacións rexistradas esta semana, as viñas seguen acusando estrés hídrico e patoloxías de madeira. Ademais, a forte insolación fai que se manifesten de xeito máis notorio os golpes de sol nas uvas. Esta semana, o persoal de Areeiro xa detectou os primeiros acios en fase de maduración afectados por paxaros.