Estudo sobre o comportamento da madeira de castiñeiro verde en construción

A Xunta e  a USC asinan un convenio orientado ao fomento do emprego en forxados mixtos formigón-madeira, dentro da normativa de edificación

Estudo sobre o comportamento da madeira de castiñeiro verde en construción

Pezas aserradas de castiñeiro. / Arquivo.

A Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, adscrita á Consellería do Medio Rural, colaborará coa Universidade de Santiago de Compostela para fomentar o emprego do castiñeiro e a súa contribución na descarbonización do sector da construción.

Con esta finalidade, subscribirase un convenio entre ambas partes por un importe total que supera os 351.000 euros, dos que XERA achegará algo máis de 290.000 euros e a USC os 61.000 euros restantes.

O fomento do emprego do castiñeiro no sector da construción comporta beneficios económicos, sociais e ambientais, xa que favorece a plantación desta especie

O convenio estrutúrase en tres liñas de colaboración. Por un lado, a destinada á xeración de coñecemento sobre a madeira de castiñeiro con contido de humidade elevado para a súa avaliación na construción con madeira. En segundo termo, a orientada ao fomento do emprego do castiñeiro en forxados mixtos formigón-madeira, que ten como obxectivo contribuír á descarbonización do sector da construción, reducindo a cantidade de formigón empregada para satisfacer as exixencias da normativa, a través da súa conexión con trabes de madeira de castiñeiro. En terceiro lugar, a liña de promoción do uso da madeira na construción ten como obxectivo o impulso do produto local e a transferencia de coñecemento da investigación realizada.

Incremento do uso da madeira en construción

Esta iniciativa entronca co Pacto Verde Europeo, como folla de ruta para unha nova estratexia de crecemento que transforme a UE nunha nova economía climaticamente neutra en 2050, e que exixe a promoción de cadeas de valor que non só non emitan CO2 senón que mesmo xeren saldos positivos ao longo de todo o ciclo de vida dos produtos.

Neste sentido, a propia Comisión Europea calcula que, no seu conxunto, os edificios son responsables do 40% do consumo enerxético da UE e do 36% dos gases de efecto invernadoiro e sinala que o sector da construción pode incluso pasar de emitir carbono a reducilo, de utilizárense materiais de construción orgánicos como a madeira.

Trátase de poñer á dispoñibilidade do mercado materia prima de alta calidade potenciando os beneficios para os propietarios

Trátase, pois, de poñer á dispoñibilidade do mercado materia prima de alta calidade, prestando especial atención ao incremento do uso de madeira estrutural na construción, potenciando tanto beneficios aos propietarios como unha mellora da economía verde.

Reter CO2 nos materiais de madeira das construcións

A Axencia Galega da Industria Forestal promove a utilización da madeira en construción consciente de que esta, ademais de ser un material natural, reciclable e reutilizable, retén CO2 e fíxao durante todo o ciclo de vida, en aplicación dun criterio denominado TRIPLA S (siglas inglesas para storage, sequestration e substitution). Ademais, os procesos de fabricación de produtos para a construción son minimamente contaminantes e consumidores de enerxía.

Os procesos de fabricación de produtos de madeira para a construción son minimamente contaminantes e consumidores de enerxía

Nesta mesma liña, XERA lanzou este ano a convocatoria, dotada con 2,6 millóns de euros, para unha nova liña de axudas destinada ao impulso da madeira como elemento estrutural na construción. Estas subvencións perseguen contribuír á loita contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.

Valorización das masas de frondosas existentes

O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 recolle como unha medida concreta a execución do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, así como o Programa de fomento da produción de madeira de frondosas de alto valor, enfocado a incentivar actuacións de repoboación forestal con masas de frondosas, así como a aplicación de tratamentos silvícolas que favorezan o crecemento da masa e a obtención de madeira de calidade.

No marco deste programa en elaboración, e que se prevé realizar no horizonte do primeiro trimestre de 2025, vén de presentarse o proxecto tecnolóxico para a valorización sustentable da madeira das masas de frondosas caducifolias de Galicia, no que a Axencia Galega da Industria Forestal investirá 730.000 euros.

A Axencia Galega da Industria Forestal investirá 730.000 euros para incentivar traballos selvícolas en montes de carballo e castiñeiro

Neste contexto, cómpre lembrar tamén que a Xunta investirá preto de 5 millóns de euros en 2023 para aumentar a superficie ocupada polo castiñeiro e impulsar a recuperación dos soutos galegos. En concreto, 3,8 millóns irán destinados a axudas para novas plantacións e para a restauración de soutos tradicionais, mentres outro millón irá dirixido a accións modelo de mellora de soutos a través de convenios con asociacións de xestión conxunta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información