Estudantes do CFEA de Sergude coñeceron as enormes diferencias entre sistemas de gandería

Dende o máis avanzado modelo de produción intensiva de leite ata pastoreo extensivo tradicional e técnicas de agroforesterìa. Os estudantes puideron comprobar como é posible obter altos rendementos con modelos moi diferentes de manexo e de produción gandeira. E todos eles nun radio de 50 quilómetros. Unha experiencia que os axudará a decidir o seu futuro profesional

ALUMNOS SERGUDE

Estudantes do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude (Boqueixón) participaron nunha xornada formativa consistente en visitar explotacións gandeiras que manexan conceptos e modelos moi diferentes. O obxectivo era comprobar que o traballo dos gandeiros pode ser radicalmente distinto, mesmo dentro do mesmo concello. E tamén que os mozos e mozas coñeceran in situ o labor diario das explotacións.

Uxía Vizoso, profesora de Maquinaria e Instalacións Gandeiras en Sergude foi a responsable da organizacións das visitas. “Ao longo do ano tentamos organizar visitas a todo tipo de explotacións e de todo tipo de gando. Son útiles para os alumnos e tamén para nós, xa que vemos o que se está a innovar nas granxas.”, dixo.

As visitas a granxas son útiles para os alumnos, porque ven a realidade, e para os profesores, que coñecemos as novidades do sector (Uxía Vizoso, profesora do CFEA Sergude)

As visitas son interactivas, de xeito que os alumnos poden preguntar todo o relativo ao funcionamento das ganderías, moverse polas instalacións e leiras e mesmo entrar en contacto cos animais. “Eso é algo que resulta moi útil no momento en que os rapaces teñen que decidir en que tipo de explotación queren realizar as súas prácticas académicas.”

Os estudantes que participaron na visita son alumnos de primeiro curso do Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal. Vizoso sinalou que moitos deles realizan os estudos como paso previo a matricularse nos graos de Veterinaria ou Enxeñería Agrícola.

Limiás de Moares

A primeira parada tivo lugar na parroquia de Moares, en Rois, onde visitaron unha explotación de vacas limiás de orientación cárnica en extensivo. O principal atractivo reside no feito de facer rendible unha raza autóctona da provincia de Ourense nunha zona de clima pre-litoral.

Jesús Pardal é o titular dunha granxa que conta con 40 cabezas de gando. Os animais son todos de pura raza limiá e permanecen nos pastos ao longo de todo o ano agás nos momentos de parto ou enfermidade e, no caso dos xatos, nos tres meses de cebo antes da súa venda.

Os alumnos do CFEA interesáronse pola alimentación das vacas durante as estacións, que se compón exclusivamente de pasto e herba seca ou ensilada con aportacións puntuais de cereal. Tamén quixeron coñecer as prácticas reprodutivas, que se ven limitadas por poder traballar só con exemplares puros da raza limiá.

Os estudantes comprobaron de primeira man a rusticidade e os bos rendementos das vacas limiás

Os estudantes comprobaron de primeira man a rusticidade e os bos rendementos das vacas limiás

Ademais, Davide Outeiro, director veterinario das razas bovinas integradas na Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), explicou ao alumnado o traballo de recuperación que se leva feito no que vai de século coas vacas limiás, cachenas, frieiresas, caldelás e vianesas.

Outeiro incidiu na dificultade que supuxo partir de censos case inexistentes e, malia todo, conseguir que o número de exemplares e, especialmente, de sementais e nais reprodutoras, fosen medrando ano tras ano.

O que máis me sorprendeu foi como se pode obter rendibilidade dunha raza autóctona se sabes adaptala ás túas posibilidades (Hugo Castro, alumno do CFEA Sergude)

Un dos alumnos, Hugo Castro, valorou moi positivamente o modelo. “Sorprende gratamente ver que se pode vivir dignamente sen ter unha cabana de moitas cabezas nin un alto número de hectáreas. Aprendemos que a produción de forraxes propios e o aproveitamento das aptitudes da raza son unha fórmula rendible se o manexo é axeitado.”

A Hugo tamén lle chamou atención a sinxeleza e eficacia coa que funciona o cebadeiro e o feito de que os animais teñan a venda asegurada. “Gustoume o planteamento. Primeiro analizou os terreos que tiña e as súas posibilidades, despois introduciu a raza máis acaida para eses terreos e finalmente deseñou o método de explotación.”

Tubío Busto SC

O sistema de muxido Batch Milking (BM) leva apenas dous anos implantado en Galicia. De feito, só tres granxas o empregan a día de hoxe. En esencia, trátase de organizar os muxidos como se as vacas foran para a sala pero en tres quendas diarias e cos animais pasando por robots. Unha das tres granxas que o empregan e Tubío Busto SC, de Lousame, que ten 300 animais en produción.

Como toda novidade, era de especial interese para os alumnos do ciclo de gandería coñecer o seu funcionamento. Así, comprobaron como se agrupan os animais por lotes para seren muxidos, como é a circulación das vacas pola corte ou como se desenvolve a recría, para a que contan con aleitadoras.

Tamén espertou interese o abondoso parque de maquinaria que a granxa emprega para a produción de forraxes que permiten reducir os custos de alimentación. Esta zona, de clima moderado e boas precipitacións, é moi apta para o cultivo de millo e herba forraxeira.

O aspecto que presentan as vacas é inmellorable. Vense ben mantidas e en bo estado de saúde. O sistema de muxido terá algo que ver (Eva Teijeira, estudante do CFEA Sergude)

Eva Teijeira, estudante do CFEA de Sergude, quixo destacar o bon estado dos animais. “Comparadas coas doutras explotacións que vin eu, estas vacas presentan un aspecto moi saudable. Teñen un bon peso, están limpas e nótase que están ben coidadas. Entendo que o sistema de muxido tamén axuda a que sexa así.”

O sistema de Batch Milking de Tubío Busto SC sorprendeu os estudantes, que só o coñecían na teoría

O sistema de Batch Milking de Tubío Busto SC sorprendeu os estudantes, que só o coñecían na teoría

Eva coñecía das clases teóricas o funcionamento do BM pero recoñece que comprobalo en persoa resulta moito máis ilustrativo. “Supoño que non todas as explotacións, aínda que sexan deste tamaño, poden aplicalo. O que está claro é que aquí está a funcionar, segundo nos explicou o gandeiro.”

Comunidade de Montes de Baroña

A xornada rematou cunha visita ao proxecto de silvopastoreo e agroforestería que os comuneiros do monte de Baroña, en Porto do Son, veñen desenvolvendo nos últimos anos. Cabras, ovellas, cabalos e vacas manteñen limpo o monte e supoñen unha fonte de ingresos en forma de venda de produtos cárnicos.

Ovidio Queiruga, presidente da comunidade, fixo de anfitrión para os alumnos e explicoulles os métodos de cría dos animais e de xestión do territorio que están a desenvolver. Fixo especial fincapé en como as distintas especies de gando aproveitan a flora do monte en diferentes momentos.

O uso de peches fixos e pastores eléctricos -tanto para evitar que o gando fuxa como para que non entre a fauna salvaxe- así como o emprego de mastíns é un dos piares do manexo que os veciños levan de xeito rigoroso. Ademais, Queiruga explicou o proxecto de elaboración de carnes e conservas que teñen pensado poñer en marcha a curto prazo.

Sorprendeume gratamente o uso amplo e eficaz que se fai dos mastíns nesta explotación en pleno monte (Miguel Estrada, alumno do CFEA Sergude)

Miguel Estrada, outro dos estudantes, amosouse sorprendido polo feito de como se mantén limpo o monte e se obtén rendibilidade empregando razas autóctonas. “Sobre todo sorprendeume que as fincas estean pechadas ou con pastores. En principio pensei que os animais estarían ceibes polo monte, como se fai noutras zonas de Galicia. Pero vexo que este método é moi eficaz.”

O labor de rozado dos montes que fan as cabras de Baroña foi un dos puntos da visita

O labor de rozado dos montes que fan as cabras de Baroña foi un dos puntos da visita

Estrada, que é asturiano, sinalou que os mastíns ben manexados son o mellor medio de defensa fronte ao lobo. “Incluso son máis efectivos que os peches. Hai que telos ben adestrados e ser conscientes de que consumen moito alimento. Non son baratos pero, en explotacións coma esta, son altamente eficaces.”

Tanto os alumnos como os profesores agradeceron a boa disposición dos profesionais da gandería á hora de amosar as súas explotacións e compartir os seus coñecementos. Tanto Xesús Pardal como Fernando Tubío e Ovidio Queiruga recibiron de mans dos estudantes un lote de produtos galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información