Gandeirxs Tecnolóxicos, un grupo de alumnos do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, en Coristanco (A Coruña), están a participar no proxecto AppSensorAnimal, consistente no deseño dunha APP baseada en sensores capaz de informar sobre o estado de benestar dos animais nas gandarías de vacún de leite.
Axudará, así, aos produtores locais para optimizar o proceso de produción de forma que produzan alimentos máis sans para os consumidores.
AppSensorAnimal utiliza sensores existentes no mercado capaces de controlar as variantes ambientais (temperatura, humidade e CO2) e levalos a unha aplicación que indique o estado real e instantáneo de estrés do animal e poder corrixir estes factores en caso de ser necesario de forma que animal estea nas mellores condicións.
Estes datos recolleraos unha plataforma/app conectada que, mediante un algoritmo, proporcionará unha información fácil de entender sobre o benestar dos animais adaptada a cada público. Por unha banda, os gandeiros poderán ver, a través dunha tablet, a información actualizada sobre o estado dos animais con énfases nos sinais de alerta que poden axudalos a anticiparse aos problemas e facer un cambio ou mellora.
A APP está a porse a proba nunha explotación leiteira, onde recabar os datos, pero a ferramenta tamén se pode transferir a outros gandeiros. O obxectivo é que sexa capaz de informar sobre o estado de benestar nunha explotación leiteira no ámbito xeográfico da provincia da Coruña.