Estudantes da EFA-Fonteboa completan a súa formación con estadías en ganderías de Italia

Tres mozos do Ciclo de Grao Medio de Produción Agropecuaria van permanecer ata mediados de xuño en explotacións da rexión de Lombardía. Aprenderán os métodos de traballo, as formas xurídicas, os recursos técnicos, humanos e agrogandeiros e, sobre todo, os resultados económicos e de xestión. Con esta iniciativa, EFA Fonteboa quere, ademais de afondar na formación dos mozos, asentar fórmulas de colaboración cunha das rexións máis importantes en canto a produción de leite de vacún en toda Europa.

Andrés Torre, Paolo Quaini e Dore Coulibaly na sala de muxidura de Castelverde Holstein

Andrés Torre, Paolo Quaini e Dore Coulibaly na sala de muxidura de Castelverde Holstein

Andrés Torre Otero, Brais Gómez Garrido e Miguel Sánchez Aller xa están facendo as súas prácticas en granxas de vacún da provincia de Cremona, na rexión italiana de Lombardía grazas ao programa europeo Erasmus +. Luís García Fernández, director institucional da federación EFA Galicia, acompañou os rapaces nos primeiros días para facilitar a súa adaptación, dialogar cos representantes das granxas que os acollen e fixar os obxectivos de cada unha das partes neste proceso de estadías. As primeiras impresións foron moi positivas pola alta profesionalización das explotacións de destino e a boa disposición dos seus propietarios a colaborar na formación e facilitar a participación dos estudantes en todas as tarefas do traballo diario.

Castelverde Holstein é a granxa (aquí chamadas “azienda”) que acolle a Andrés Torre. É unha explotación intensiva de leite con 400 vacas frisoas en produción, que comercializa anualmente preto de 5,5 millóns de litros. Ademais, ten tres naves só para a recría e tamén contan cunha sección de equinos de competición e mostra. E, como a meirande parte das explotacións desta zona, dispón dunha planta para a produción de biogás procedente dos residuos das vacas. Paolo Quiani, neto do fundador da azienda será a persoa que tutele a estadía de Andrés. “Para nós é moi interesante ter aquí persoas que veñan aprender e axudar. Cremos que os nosos métodos e valores poden ser moi útiles para o futuro laboral do rapaz e que a súa visión externa tamén nos pode axudar a mellorar”, sinalou. Luís García, de EFA Fonteboa opina que, polas súas características, esta explotación cumpre cos obxectivos académicos que se trazan no programa de estadías. “O alto nivel de profesionalización e a tradición familiar que acompaña a granxa son os valores que buscamos para que os rapaces aproveiten a experiencia.”

Os irmáns Alessandro e Vittorio Gaboardi son os propietarios da azienda La Cigolina, na que realiza a súa estadía Brais Gómez. É unha granxa que retomou a actividade en 2012, logo de que os dous rapaces decidiran recuperala. Está especializada na produción de leite A2A2, para o que seguen un estricto programa de selección xenética e cruzamentos. Tamén traballan unha liña cárnica con exemplares de wagyu, uns xatos resultado do emprego de embrións da raza xaponesa Kobe. De feito, eles mesmos envasan e comercializan a carne despezada en restaurantes por toda Italia. E, como no caso anterior, teñen unha importante fonte de ingresos na produción da súa planta de biogás, que se abastece dos residuos tanto das vacas cárnicas como das leiteiras. “A Cigolina é un exemplo de diversificación e, sobre todo, de incorporación de xente nova á produción gandeira. A súa diversidade de actividades convértea nun lugar idóneo para a aprendizaxe en diferentes ámbitos do traballo pecuario”, indicou o representante de EFA Fonteboa. Tamén neste caso os donos da granxa valoran positivamente contar estes meses cunha persoa nova, que ven de fóra e con vontade de aprender.

Alessandro Gaboardi, Luís García, Brais Gómez e Vittorio Gaboardi na zona de xatos de La Cigolina

Alessandro Gaboardi, Luís García, Brais Gómez e Vittorio Gaboardi na zona de xatos de La Cigolina

Azienda Agricola Zaghen é a explotación que acolle a Miguel Sánchez. Das tres, é a que máis semellanzas ten coas grandes explotacións galegas, aínda que tamén importantes diferencias. Consta de tres espazos diferenciados e separados varios quilómetros: unha nave para a produción de leite, outra para a recría de animais que quedan na granxa ou van para venda en vivo e unha planta de biogás. Das tres explotacións seleccionadas, é a que máis terreo dispón para cultivo de forraxes e a que conta co maior parque de maquinaria. Así, Miguel poderá coñecer a fondo o traballo especializado da produción de leite en intensivo. “Muxir, manexar a diferente maquinaria, coñecer os cultivos, participar na elaboración das racións…son moitas as posibilidades formativas prácticas que esta explotación ofrece e por eso estamos encantados de colaborar con eles”, indicou Luís García. Ginevra Zaghen, filla do propietario, será a persoa que vele por que todo saia ben na estadía. Por idade, polo seu coñecemento do castelán e por ter unha formación similar á de Miguel, pode introducilo no día a día da explotación da forma máis proveitosa.

Miguel Sánchez e Luís García con membros e empregados da familia Zaghen

Miguel Sánchez e Luís García con membros e empregados da familia Zaghen

Ademais de participar nos traballos diarios das granxas, os estudantes de EFA Fonteboa deberán facer un seguemento fixado nun plan de estudos específico para a estadía. O plan fixa un triple obxectivo: analizar a contorna, os medios e os sistemas de produción para valorar a adecuación dos mesmos aos resultados económicos, reflexionar sobre a coherencia do sistema de produción e interrogarse sobre a viabilidade da empresa nun escenario de futuro. A mediados de maio, representantes de EFA Fonteboa volverán visitar os alumnos para avaliar os resultados das estadías nese momento, apoiar os rapaces e asentar as bases da colaboración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información