
Cada verán repítese a mesma escena en moitas ganderías. As vacas permanecen máis tempo de pé, alentan con dificultade, buscan calquera sombra dispoñible e reducen o seu consumo de alimento. A simple vista pode parecer unha reacción lóxica ante as altas temperaturas, pero detrás dese comportamento escóndese un complexo proceso fisiolóxico que afecta practicamente a todas as funcións do organismo.
O estrés térmico converteuse nun dos principais desafíos para as granxas de vacún de leite. Non se trata unicamente dunha caída puntual da produción durante os meses máis cálidos. Os seus efectos alcanzan o metabolismo, a saúde dixestiva, a resposta inmunitaria, a fertilidade e mesmo o rendemento económico da granxa durante os meses posteriores.
Os expertos coinciden en que o verdadeiro problema comeza moito antes de que o gandeiro observe unha redución no tanque de leite. Cando a vaca comeza a sufrir calor, o seu organismo cambia completamente de prioridades. A produción deixa de ser o obxectivo principal e toda a enerxía dispoñible pasa a destinarse a manter a temperatura corporal dentro duns límites compatibles coa vida.
Estrés moito antes de que aparezan os primeiros síntomas
As vacas leiteiras son especialmente sensibles á calor debido á enorme cantidade de enerxía que xeran durante a dixestión e a produción de leite. Unha vaca de alta produción actúa como unha auténtica fábrica metabólica que transforma grandes cantidades de alimento en leite, pero ese proceso tamén produce calor interna.
Cando a temperatura ambiental aumenta e a humidade impide disipar esa calor, o organismo activa unha serie de mecanismos de emerxencia. O primeiro consiste en incrementar a frecuencia respiratoria. O alento acelerado permite perder calor mediante evaporación, aínda que tamén supón un importante gasto enerxético.
O estrés térmico converteuse nun dos principais desafíos para as granxas de vacún de leite
A continuación aparecen outros cambios facilmente observables na granxa. Os animais permanecen máis tempo de pé para favorecer a circulación do aire arredor do corpo, buscan zonas sombreadas, reducen a súa actividade e modifican os seus horarios de alimentación, concentrando o consumo durante as horas máis frescas do día.
Porén, estas respostas teñen consecuencias. Ao comer menos diminúe a inxesta de nutrientes precisamente cando as necesidades enerxéticas aumentan debido ao esforzo que realiza o organismo para arrefriarse.
O indicador que permite adiantarse ao problema
Na actualidade, os técnicos utilizan un parámetro coñecido como Índice Temperatura-Humidade (THI) para estimar o risco de estrés térmico. Este índice combina a temperatura ambiente e a humidade relativa, dous factores que determinan a capacidade da vaca para eliminar calor.
Durante anos considerouse que o problema aparecía unicamente con valores elevados de THI. Porén, investigacións máis recentes demostraron que as vacas de alta produción comezan a mostrar alteracións fisiolóxicas con valores considerablemente inferiores aos que tradicionalmente se consideraban perigosos, perdendo eficiencia produtiva.
O estrés por calor non só baixa litros; reduce a eficiencia coa que a vaca transforma nutrientes en sólidos
Un estudo realizado en Galicia con datos de control leiteiro entre 2016 e 2021 sitúa os limiares críticos en THI 63 para proteína, THI 64 para graxa, THI 72 para produción de leite e THI 78 para reconto celular. É dicir, os sólidos comezan a diminuír antes de que o gandeiro vexa unha caída clara de litros no tanque.
Por iso, cada vez máis ganderías monitorizan este índice de forma continua para activar con antelación os sistemas de refrixeración e evitar que o estrés térmico chegue a afectar o rendemento produtivo.
Comer menos explica só unha parte do problema

Durante moito tempo creuse que a perda de produción de leite se debía exclusivamente á menor inxesta de alimento. Hoxe sábese que esa explicación resulta insuficiente.
Aínda que a redución do consumo ten unha influencia evidente, diversos estudos demostraron que unicamente explica unha parte do descenso produtivo. O resto responde a unha profunda reorganización do metabolismo.
A primeira resposta visible á calor é a redución da inxesta de materia seca
Cando aumenta a temperatura corporal, a vaca modifica o destino da enerxía dispoñible. Boa parte dos nutrientes deixa de utilizalos para producir leite e pasan a sosteren funcións vitais como a refrixeración corporal, a respiración acelerada ou o mantemento do equilibrio interno. Noutras palabras, o organismo entra nun auténtico “modo supervivencia”.
Un metabolismo completamente reorganizado
Un dos descubrimentos máis interesantes dos últimos anos foi comprobar que o metabolismo da vaca sometida á calor funciona de maneira moi distinta ao dun animal en balance enerxético negativo, como ocorre ao inicio da lactación.
En condicións normais, cando a comida inxerida polo animal non cobre a totalidade das súas necesidades nutricionais, o organismo mobiliza graxa corporal para obter enerxía. Porén, baixo estrés térmico este mecanismo redúcese de forma chamativa.
A insulina elevada limita a lipólise, é dicir, reduce a capacidade de mobilizar graxa corporal como fonte alternativa de enerxía
Baixo estrés térmico, a vaca presenta unha resposta metabólica anómala, con menor capacidade para mobilizar graxa e maior dependencia da glicosa e dos aminoácidos, recursos moito máis limitados e que tamén son necesarios para a síntese de leite e para o funcionamento do sistema inmunitario.
Esta situación obriga ao organismo a repartir uns recursos cada vez máis escasos entre múltiples funcións esenciais. Como consecuencia, a produción diminúe, a eficiencia alimentaria empeora e aumenta a vulnerabilidade fronte a outros problemas sanitarios.
Pero a calor non só altera o metabolismo enerxético. Tamén afecta directamente ao aparato dixestivo, ao sistema inmunitario e á capacidade reprodutiva das vacas, aspectos que converten o estrés térmico en moito máis ca un simple problema de produción estival.
O aparato dixestivo, unha das primeiras vítimas da calor
O estrés térmico non só reduce o apetito das vacas. Tamén modifica profundamente o funcionamento do aparato dixestivo, ata o punto de comprometer a eficiencia coa que o animal aproveita os nutrientes da ración.
Cando a temperatura corporal aumenta, o organismo desvía unha parte importante do fluxo sanguíneo cara á pel para favorecer a perda de calor. Como consecuencia, diminúe a irrigación de órganos internos como o tracto dixestivo. Ao mesmo tempo, a vaca reduce o tempo dedicado a ruminar, produce menos saliva e concentra a inxesta durante as horas máis frescas do día.
O estrés térmico non afecta só ao rume, xa que a redistribución do fluxo sanguíneo cara á pel, necesaria para disipar calor, pode reducir a perfusión do tracto dixestivo
Todo iso crea o escenario perfecto para que aparezan problemas dixestivos. A menor produción de saliva reduce a capacidade natural do rume para amortecer as variacións de pH, mentres que o cambio nos patróns de consumo favorece episodios de acidose ruminal subaguda.
A este problema súmase outro menos visible pero igualmente importante: a alteración da barreira intestinal. Se o intestino perde parte da súa capacidade protectora, aumenta o risco de que determinadas substancias inflamatorias pasen ao torrente sanguíneo e desencadeen unha resposta inflamatoria xeneralizada.
Para a vaca, esta situación supón un enorme custo metabólico. A enerxía e os aminoácidos que deberían destinarse a producir leite pasan a empregarse en reparar tecidos, activar o sistema inmunitario e manter os mecanismos de defensa do organismo.
Un sistema inmunitario baixo presión
As altas temperaturas tamén afectan directamente ás defensas naturais da vaca. Diversos traballos científicos relacionaron o estrés térmico cunha maior incidencia de enfermidades como mamite, metrite ou distintos trastornos metabólicos. Ademais, adoita observarse un incremento do reconto de células somáticas, indicador de que o sistema inmunitario está sometido a unha maior presión.
Para facer fronte ao dano provocado pola calor, as células activan distintos mecanismos de protección. Entre eles destaca a produción das denominadas proteínas de choque térmico, coñecidas como HSP70. A súa función consiste en reparar proteínas danadas e axudar a manter o funcionamento normal das células cando a temperatura corporal aumenta.
A nivel celular, a calor pode alterar a conformación das proteínas, afectar ao ciclo celular e reducir a proliferación de linfocitos
Non todas as vacas responden igual. Os estudos mostran que os animais con maior capacidade inmunitaria producen maiores cantidades destas proteínas protectoras e presentan unha mellor resposta fronte á calor. Isto explica por que, mesmo dentro do mesmo rabaño, algunhas vacas soportan moito mellor os episodios de altas temperaturas ca outras.
Pero esta capacidade de adaptación tamén ten un prezo. Manter activados os mecanismos de defensa consume glicosa, aminoácidos, minerais e vitaminas que deixan de estar dispoñibles para a produción de leite.
A reprodución tamén paga as consecuencias

Poucas áreas resultan tan sensibles á calor como a reprodución. As vacas sometidas a estrés térmico mostran celos menos intensos e máis difíciles de detectar. Ademais, o desenvolvemento dos folículos ováricos altérase e diminúe a calidade dos ovocitos, reducindo as probabilidades de conseguir unha xestación.
O problema non remata o día da inseminación. As altas temperaturas poden afectar ao ovocito semanas antes da ovulación e tamén comprometer o desenvolvemento inicial do embrión durante os primeiros días de xestación.
As vacas poden necesitar varios ciclos para recuperar plenamente a fertilidade
Os traballos realizados en diferentes países mostran caídas moi importantes nas taxas de fertilidade durante os meses cálidos. Nalgúns casos, as taxas de xestación poden reducirse case á metade respecto ás obtidas no inverno.
Ademais, o dano non desaparece inmediatamente cando baixan as temperaturas. Os investigadores estiman que poden ser necesarios dous ou tres ciclos estrais para recuperar completamente a fertilidade tras un episodio intenso de estrés térmico.
Isto significa que as consecuencias da calor non rematan co verán. Unha peor fertilidade modifica o calendario de partos, incrementa os días abertos e repercute sobre a produtividade da explotación durante moitos meses.
La prevención empeza moito antes de que baixe a produción
Os especialistas coinciden en que a estratexia fronte ao estrés térmico debe abordarse desde varios ámbitos ao mesmo tempo. Ningunha medida illada resulta suficiente para protexer as vacas cando as temperaturas se disparan.
A primeira liña de actuación é sempre ambiental. Proporcionar sombra efectiva, sistemas de ventilación axeitados, aspersores ou duchas correctamente deseñados e abundante auga limpa constitúe a base de calquera programa de prevención.
As zonas de espera antes do muxido, os comedeiros e as áreas de descanso son algúns dos puntos onde resulta máis rendible instalar sistemas de refrixeración, xa que permiten reducir de forma significativa a carga térmica que soportan os animais.
A nutrición, unha ferramenta para axudar ao organismo
Unha vez garantido o confort ambiental, a alimentación adquire un papel fundamental. Durante os episodios de calor, a formulación da ración non debe limitarse a compensar a menor inxesta aumentando a concentración enerxética. O obxectivo consiste en facilitar o funcionamento do organismo nunhas condicións fisiolóxicas completamente diferentes ás habituais.
A prioridade é manter o consumo de materia seca sen comprometer a saúde ruminal. Para iso, resulta esencial traballar con forraxes de alta calidade, ben conservadas e altamente dixestibles, evitando reducir en exceso a fibra efectiva, xa que esta segue sendo imprescindible para estimular a rumia e manter estable o pH do rume.
A prioridade é manter o consumo de materia seca sen comprometer a saúde ruminal reducindo a fibra de forma indiscriminada
Tamén convén utilizar fontes enerxéticas que permitan achegar enerxía útil sen incrementar innecesariamente a produción interna de calor derivada da fermentación ruminal.
A estabilidade do rume constitúe outro dos piares da estratexia nutricional. Manter unha mestura homoxénea, achegar con frecuencia a ración ao comedeiro, garantir un acceso cómodo ao alimento e recorrer a tampóns cando sexa necesario axuda a reducir o risco de acidose.
Hidratación, minerais e antioxidantes
A auga é o nutriente máis importante durante os episodios de calor, pero beber máis non sempre significa estar correctamente hidratado. O alento acelerado e o aumento da sudoración provocan importantes perdas de electrólitos, especialmente sodio e potasio. Por iso, a reposición mineral adquire unha importancia decisiva para manter o equilibrio hídrico e o correcto funcionamento muscular e nervioso.
A nutrición tamén debe contribuír a reforzar os sistemas antioxidantes naturais do organismo. O estrés térmico incrementa a produción de radicais libres e favorece a aparición de procesos inflamatorios, polo que asegurar un adecuado achegue de vitaminas, minerais traza e outros cofactores metabólicos axuda a limitar os danos celulares.
Un investimento con retorno inmediato
O cambio climático está facendo que os episodios de calor intensa sexan cada vez máis frecuentes e prolongados. Ante este escenario, o estrés térmico deixa de ser un problema puntual do verán para converterse nun factor estrutural que condiciona a rendibilidade das granxas de vacún de leite.
Os especialistas insisten en que actuar unicamente cando baixa a produción significa chegar tarde. A monitorización do índice temperatura-humidade, a observación diaria do comportamento dos animais e a implantación anticipada de medidas de refrixeración permiten evitar boa parte das perdas.
A experiencia demostra que as ganderías que combinan instalacións axeitadas cunha correcta estratexia nutricional conseguen manter mellor a produción, reducir a incidencia de enfermidades e preservar a fertilidade durante os meses cálidos.
As estratexias de mitigación deben atender dous ámbitos: arrefriamento ambiental e soporte nutricional
Porque, en realidade, o estrés térmico non consiste unicamente en producir menos leite. É un proceso que obriga o organismo da vaca a redistribuír todos os seus recursos para garantir a supervivencia. Cando iso ocorre, a produción, a reprodución e a saúde pasan inevitablemente a un segundo plano.
Entender esta resposta fisiolóxica permite cambiar a forma de afrontar o problema. O obxectivo xa non é unicamente evitar a caída do tanque de leite, senón axudar a que a vaca atravesase os episodios de calor mantendo o equilibrio do seu metabolismo. Esa diferenza marca, cada vez máis, a competitividade das explotacións leiteiras nun contexto de temperaturas crecentes e veráns cada vez máis esixentes.
Galego









Control OJD