Estratexias sanitarias fronte ás tres enfermidades que máis preocupan na gandería europea

Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), febre aftosa (FA) e lingua azul (LA) están a afectar o gando europeo. Alén das baixas nos rabaños, tamén hai un importante impacto económico polas restricións ao movemento de animais e a baixada de produción que levan consigo. Como se lles está a facer fronte?

VACAS LEITE PRADO

A febre aftosa, declarada de xeito puntual en Centroeuropa, a EHE e a língua azul son as tres enfermidades que a día de hoxe máis preocupan na gandería europea. Baixo o título “Servizos veterinarios e cooperativas”, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) organizou unha xornada formativa na que se abordou a situación sanitaria en Galicia e en Europa fronte esas tres doenzas.

A escaseza de xovencas en toda Europa está moi vencellada ás restricións de movementos de gando por causa de diferentes doenzas animais. Por eso, Jesús J. Orejas, xefe de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural, quixo facer un repaso da situación actual e a evolución da Febre Aftosa, a EHE e a Lingua Azul.

En toda Europa faltan xovencas polo impacto das enfermidades e as restriccións ós movementos de gando

Estratexias
No caso da Febre Aftosa, a estratexia sanitaria da UE pasa pola súa erradicación, mesmo coas medidas máis contundentes como os sacrificios masivos.

Para a Lingua Azul, os estados membros da UE teñen liberdade para elexir que estratexia aplicar para combatela e a erradicación pasaría polas vacinas. E para a EHE non hai aínda unha estratexia europea definida porque ata hai pouco era considerada exótica e non afecta en todos os países.

O que si, as tres son de Declaración Obrigatoria, isto é, calquera profesional do sector ten obriga de comunicar os casos sospeitosos ou confirmados que detecte.

Orejas sinalou as similitudes entre EHE e Lingua azul. Ámbalas dúas son víricas, transmitidas por vectores (insectos nos dous casos) e detectáronse diferentes seroptipos. A Lingua Azul ten 27 diferentes e o que está presente en Galicia é o denominado S4. Da EHE hai por agora 7 serotipos e o gando galego vese afectado polo S8. Aínda que as dúas afectan a rumiantes, a Lingua Azul incide máis en ovinos e a EHE en bovinos.

Outra característica común é que son infecciosas pero non contaxiosas, non supoñen un risco para a seguridade alimentaria, entre decembro e abril baixa a súa incidencia pola ausencia de insectos e non son zoonóticas, é decir, non se contaxian as persoas.

Un problema é que os insectos que as causan desprázanse en enxame e a grandes distancias (ata 400 quilómetros).

Lingua azul: situación en España e Galicia
En España chegaron a estar presentes ata 4 serotipos da Lingua Azul. A base de vacinacións, conseguiuse erradicar dous deles (o 1 e o 4) pero os outros dous (o 3 e o 8) están persistindo máis polas dificultades de obter suficientes vacinas eficaces. Para este ano cambiouse a estratexia de erradicación pola de protección dos animais e o que se está a facer é seguir vacinando e limitar o movemento de gando dos territorios afectados.

No caso galego, a profilaxe individual pasa polo uso de insecticidas e repelentes, a desinfección de instalacións, a limitación de acceso á explotación e a retirada da maleza que pode acubillar o insecto.

No nivel xeral, recoméndase vacinar, desinsectar os animais, os vehículos e os mercados de gando e manter a vixilancia fronte a novos serotipos. En 2024 vacináronse 971.000 bovinos e 124.000 ovinos.

EHE
Respecto da EHE, Orejas lembrou os principais síntomas (coxeiras, dificultades respiratorias, falta de apetito, lesións en mucosas e ubres…) e informou de que o pasado ano houbo en Galicia 2.232 explotacións afectadas, con 5.303 animais que deron positivo, dos cales morreron 730. E das 54 comarcas veterinarias, tan só 9 se viron libres de afectación, 8 delas na provincia da Coruña e 1 en Pontevedra. A estratexia actual de protección, tanto individual como xeral é a mesma que no caso da Língua Azul.

Ademais, constatouse que canto máis vello é o animal, máis síntomas presenta.

Tan só 9 das 54 comarcas veterinarias galegas estiveron libres de focos de EHE no 2024. (Jesús J. Orejas, xefe de Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural)

Vaca afectada por EHE

Vaca afectada por EHE

Orejas comunicou que os estudos de seroprevalencia e de persistencia vacinal que está a realizar o seu departamento permiten pensar que a inmunidade aumentará ao longo deste ano. Ditos estudos van reflectindo a presenza de anticorpos no 80% das vacas das explotacións analizadas.

A febre aftosa, unha enfermidade que obriga a baleirados sanitarios

A Febre aftosa é actualmente a enfermidade que máis preocupa. Aínda que non se contaxia ós seres humanos, ten unha alta transmisibilidade entre o gando e pode propagarse polo aire, duns animais a outros, polas camas das vacas, vehículos, alimentos…e causa danos nas principais especies de gando -porcino, ovino e bovino- independentemente da súa idade e situación.

A mortalidade non se considera alta, aínda que non é un parámetro contrastado porque o protocolo obriga a sacrificar todos os animais infectados, sen dar tempo a comprobar se se recuperan. A enfermidade maniféstase na presenza de aftas en boca e pezuños (de aí o nome de aftosa).

A estratexia da UE respecto da Febre Aftosa pasa pola total erradicación, incluindo sacrificios masivos de animais nas granxas afectadas (Jesús J. Oreja)

Outro aspecto é que produce grandes perdas económicas. Non só pola morte dos animais (ben por sacrificio, ben pola propia doenza), senón tamén porque obriga a establecer rigorosas barreiras comerciais nas zonas afectadas aos animais e a carne e o leite, aínda que estean debidamente esterilizadas. Por todo isto, a política da UE e doutros países da contorna é a de erradicación drástica e urxente.

Por exemplo no Reino Unido sacrificaron no ano 2001 ata 6 millóns de animais.

Desde o 21 de abril non se produciron novos casos de febre aftosa en Europa

Da Febre aftosa hai 7 serotipos identificados e, aínda que existen vacinas, ten que aplicarse unha diferente para cada serotipo. Incluso é habitual vacinar animais que van ser sacrificados para reducir así a expansión do virus. Orejas informou que en xaneiro deste ano detectouse un foco en Alemaña e en marzo outros dous en Hungría e Eslovaquia. Sen embargo, dende o 21 de abril non se produciron novos focos.

As Agrupacións de Defensa Sanitaria, un paraugas contra as infeccións

A intervención de José Ansoar, director da Unidade Láctea da cooperativa Aira, centrouse nas Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG). Son asociacións de gandeiros que perseguen a prevención de enfermidades contaxiosas mediante plans zoosanitarios. En Galicia existen 63, das que 47 son do sector bovino. No caso de AIRA, tiveron que reformularse as ADSG para poder dar cobertura a gandeiros que non son socios da cooperativa. Dese xeito, lógrase unha maior cobertura fronte as infeccións.

Entre as funcións que desenvolven, explicou Ansoar, destaca a vixilancia mediante mostreos en sangue, leite en tanque e mostras de doenzas que puideran ser causadas por infeccións. Os gandeiros reciben formación continua e adhírense os programas de desparasitación e vacinación, creando un rexistro sanitario unificado que mellora a trazabilidade.

A pertenza ás ADSG proporciona un status que leva a unha mellor e máis áxil comercialización dos produtos da explotación. (José Ansoar, Cooperativa AIRA)

Outros beneficios que proporcionan as ADSG teñen que ver co plano económico. Os seus membros teñen un desconto de ata o 10% nos agroseguros, reciben unhas indemnizacións un 10% máis elevadas en sacrificios obrigatorios e o seu status sanitario facilítalles unha comercialización máis doada e segura, ao tempo que lles posibilita, no caso de AIRA, que o seu leite vaia para exportación.

Ansoar sinalou que as accións preventivas propias das ADSG levan a que se atallen tamén outras doenzas grazas a observación continua. Así, ademais das doenzas infecciosas, as mostras que recollen os veterinarios permiten coñecer a causa e mesmo o tratamento axeitado para problemas reprodutivos ou dixestivos. A ADSG de AIRA conta con cinco veterinarios en exclusiva e abrangue 390 explotacións.

Nesta anualidade realizaron 4.118 visitas sobre unha cabana de 30.000 unidades de gando maior e practicaron 47.000 analíticas.

As ADSG tamén fan analíticas en leite do tanque

As ADSG tamén fan analíticas en leite do tanque

O sistema de receita electrónica EVET que empregan en AIRA foi o tema da ponencia de Marcos L. Temes, técnico da cooperativa. Trátase dunha plataforma que leva funcionando dende 2019. As vantaxes que ofrece a socios e veterinarios están nunha mellor localización e estruturación da información, a práctica desaparición do papel, a simplificación do reporte de antibióticos, a adaptación a móbil e ordenador e a integración no libro de tratamentos de AIRA.

Temes fixo unha explicación detallada do funcionamento da plataforma cun caso práctico grazas a información cedida pola gandería Explotacións Carboeiro, de Taboada. Ademais das propias funcións de EVET, hai unha integración con outras plataformas que facilitan ampliar a información ou axilizar os trámites, como son OVGAN, ERP, PRESVET, SITRAN e VADEMECUM.

Apoios da Consellería de Emprego para os veterinarios

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño, deu conta das axudas nas que está a traballar o seu departamento e que poden ser de utilidade para as cooperativas en materia de servizos veterinarios e para os veterinarios que traballan como autónomos. Boa parte delas estarán dispoñibles a comezos do mes de xuño.

Unha das máis importantes é o Bono Consolida, que consiste en axudas para entidades de economía social con especial incidencia na transformación dixital e a eficiencia enerxética. Nese sentido, serán de especial interese para os veterinarios das cooperativas, xa que axilizarán as receitas electrónicas, o SIXE e as comunicacións con gandeiros e dispensadores de medicamentos. Un requisito imprescindible é ter acreditada unha antigüidade mínima de 42 meses.

O Bono Consolida vai facilitar a dixitalización das cooperativas. Tamén no eido veterinario. (Marta Mariño, Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social)

As entidades beneficiarias do Bono Consolida poderán percibir ata 30.000 euros cada unha e ata un 80% da actividade subvencionable. Vanse financiar investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025 en equipamentos informáticos, software ou marketing. E tamén formación para os socios e reformas nas instalacións.

En canto ós veterinarios que traballen como autónomos para cooperativas, destacan as axudas á promoción do emprego autónomo, que van en dúas liñas. A primeira para apoiar o inicio da actividade económica e o mantemento de emprego e a segunda para afrontar as chamadas continxencias comúns e profesionais, que equivalería a un máximo de 12 mensualidades da seguridade social. O orzamento para estas axudas é de 28.956.500 euros.

Pautas de bioseguridade en granxas

A xornada rematou coa intervención de Teresa Saura, veterinaria do departamento de calidade de AGACA. A bioseguridade en explotacións bovinas foi o tema exposto. Son unha serie de prácticas para impedir que unha enfermidade entre na explotación ou, se xa está dentro, evitar que saia e se siga espallando. A bioseguridade ten tres aspectos fundamentais: illamento e segregación, limpeza e desinfección.

En base a eses tres aspectos, tómanse medidas tendo en conta o tipo de actividade da explotación, a súa localización e a capacidade de investimento. E todo considerando que as vías de entrada de enfermidades e infeccións nas granxas son moitas e de moi diferentes características.

Esquema básico de puntos de infeccións

Esquema básico de puntos de infeccións

Saura dividiu as medidas de bioseguridade en activas e pasivas. As pasivas están relacionadas co deseño e ubicación das instalacións e definen dúas zonas: sucia (1 quilómetro de contorna e entradas) e limpa (naves, lugares de muxidura e áreas intermedias). Un exemplo de intervención sería ter separada a enfermería da sala de parto, algo que non sucede con frecuencia pero que evitaría posibles contaxios entre animais enfermos e animais sans pero debilitados polo parto.

Entre as medidas activas, destacan a colocación de valados perimetrais e a restrición e control de entrada de persoas e vehículos. Pódense habilitar zonas de aparcamento, colocar arcos ou pediluvios de desinfección…E tamén hai que facer un seguemento rigoroso de todo o gando que se incorpora á granxa.

Saura recomendou concentrar as visitas nos luns, porque despois de pouco traballo na fin de semana é máis probable que os vectores de infección sexan máis baixos nos visitantes. Tamén é fundamental exercer un control absoluto sobre toda a auga que se emprega na explotación. Dende a de consumo ata a de limpeza. E hai que vixiar os lugares dos que procede e todos os circuítos que percorre.

Saura puxo fin ao acto lembrando que aves, insectos e roedores son importantes elementos de entrada de pragas e enfermidades. Para combater as aves, é preciso impedirlles o acceso á comida e auga do gando, destruir os niños que se localicen e empregar repelentes mecánicos e químicos.

No caso dos insectos, pódense colocar mallas mosquiteiras, cómpre retirar o esterco coa maior frecuencia posible e hai que evitar as perdas de auga. Para os roedores, ademais da limpeza e ventilación, é preciso non amorear lixo e utilizar velenos, trampas e cepos.

O acto estivo enmarcado dentro da Rede Eusumo, que promoven a Xunta de Galicia e o Ministerio de Traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información