
Auga apozada nunha finca de millo colleitada a semana pasada na zona da Mariña
Nos últimos anos as pradeiras monofitas de raigrás foron deixando paso a distintas mesturas de gramíneas ou cereais con leguminosas, sobre todo a raíz da entrada en vigor da nova PAC, que fomenta a utilización de cultivos mellorantes.
Para incrementar as axudas que reciben, moitas explotacións leiteiras optaron por acollerse ao ecorrexime de rotación de cultivos nas terras do millo, o que as obriga a sementar cando menos un 10% da superficie destinada a cultivo con leguminosas como especie predominante.
Pero este non vai ser un ano bo para as leguminosas, tanto polo retraso na época de sementeira como pola humidade e o encharcamento do solo, que prexudica a súa implantación. Por exemplo, especies como os chícharos, algunhas vezas (a villosa) e trevos (suavolens, vesiculoso e esquarroso) soportan mal a humidade.
As explotacións deberían rotar cando menos o 50% das fincas de millo e botar leguminosas no 10% para cumprir coa PAC
Por iso, son distintas as voces que piden maior permisividade nos controis de cumprimento da PAC (que foi sometida xa a certa flexibilización a raíz das tractoradas de principios de ano) polas especiais dificultades deste outono para a sementeira das pradeiras.
Primeiro problema: entrar nas fincas
Sacar o millo foi xa unha odisea en moitos casos, sobre todo naquelas parcelas máis húmidas. O paso das colleitadoras e os remolques deixaron rodeiras en moitos casos, compactando o solo, facendo necesario agora un pase de fresa ou de grada antes da sementeira da herba.
Faise necesario un laboreo superficial para descompactar a terra e desfacer as rodeiras de ensilar o millo
Nestas circunstancias, é imprescindible empregar maquinaria pouco pesada para as labores de preparación do terreo, así como para a propia sementeira, evitando levala a cabo coa terra moi mollada, para non apelmazar máis o terreo nin facer terróns que dificulten a xerminación das sementes.
O trevo obriga a preparar mellor o terreo para a sementeira e a pasar sempre un rulo detrás
A humidade do terreo dificulta tamén os traballos para desfacerse das cañotas do millo, polo que é recomendable un pase final con arrolado do terreo para axudar a enterralas. Máis aínda se se sementan leguminosas. Neste caso faise imprescindible pasar un rolete para favorecer a súa implantación e evitar levar terra para o silo no momento da súa colleita (no caso de sementar raigrás só é menos problemático, pois crea un manto superficial no terreo que impide que as pedras e os restos de terra saian á superficie ao segar).
Fosas de xurro cheas
Outra das dificultades preséntase para sacar o purín. Nas fosas de xurro descubertas as abundantes choivas producidas no outono están a facer rebordar os pozos de almacenaxe, o que incrementa a necesidade das granxas de aplicalo nas terras.
Sen embargo, no caso de sementar leguminosas un sobreabonado con purín podería ser mesmo prexudicial, pois con doses de nitróxeno superiores a 25kg/ha aféctase á simbiose co rizobium e, polo tanto, á capacidade da planta para fixar nitróxeno atmosférico no chan.
Se a granxa ten capacidade dabonda de almacenamento de xurro, pódese sementar a pradeira sen abonar con xurro, deixándoo para abonar na primavera
Se no momento de botar o millo se abonou con purín, unha parte do nitróxeno (o que se corresponde coa mineralización da materia orgánica) estaría dispoñible agora para sementar a pradeira e sería suficiente para o arranque das leguminosas.
Nos meses de inverno, co frío, a leguminosa non se desenvolve e non precisa nitróxeno. Tende a medrar cando a temperatura do chan se sitúa entre 8 e 10 grados, xa no arranque da primavera. Ese sería o momento idóneo para aplicar unha nova dose de abono, neste caso en coberteira, doutros 50 kg de nitróxeno por hectárea.
Agardar para facer a sementeira?
Á hora de sementar, en solos que se atopan encharcados, podería optarse por agardar a que o tempo se estabilice e o chan filtre unha parte da humidade que ten retida, sempre e cando non sexa unha zona de xiadas fortes, pois as leguminosas son bastante sensibles ao frío.
Nese caso é preferible non agardar, escollendo especies que aguantan mellor a humidade, como o trevo persa ou o migueliano, ou simplemente optando por non plantar este ano leguminosas nesas terras.
Non é recomendable sementar trevos máis aló de decembro; se as sementeiras van ser moi tardías é preferible botar raigrás só
Pero á hora de labrar o millo o ano que vén, non é o mesmo sementar agora raigrás só ou mesturalo con leguminosas. Agronomicamente ao introducir leguminosas o terreo queda máis mullido e é máis doado de traballar de cara ao laboreo do ano que vén, sen contar o aporte de nitróxeno ao chan para o seguinte cultivo, estimado entre 40 e 100 kg de nitróxeno por hectárea en función do grao de implantación da leguminosa e o seu desenvolvemento vexetativo.
A maioría das leguminosas, cando nacen, son extremadamente sensibles ao frío, pero unha vez implantadas, cando xa teñen 3 follas, resisten mellor as xiadas, de aí as vantaxes de labralas antes de que se produza unha baixada das temperaturas.
As mesturas de cereais de inverno con veza ou con chícharos non son recomendables para terras que estean encharcadas
O momento da sementeira condiciona tamén o rendemento final obtido no momento de ensilar o cultivo. Os trevos labrados tarde, por exemplo en decembro ou xaneiro, van florecer igual en abril-maio, como se fosen botados en outubro, polo que van chegar ao momento da súa sega con pouco desenvolvemento vexetativo e pouco tallo, sendo ensilados obtendo moi pouco rendemento en termos de quilos de materia seca por hectárea e tamén menor porcentaxe de proteína.
O punto de crecemento nas leguminosas en xeral márcao a temperatura do chan (por enriba de 8-10 grados), que é cando se activan as bacterias (rizobium) e a planta aproveita o nitróxeno atmosférico e medra máis.
Especies de trevos recomendadas
A implantación dos trevos é lenta, polo que funcionan sempre mellor mesturados cunha gramínea, máis precoz no nacemento e que aporta despois tamén no silo os azúcares necesarios para a súa mellor conservación.
O trevo encarnado, o persa e o migueliano resisten condicións de frío e encharcamento
Algunhas das especies de trevos máis usadas en Galicia, como o encarnado, o persa e o migueliano, resisten ben o frío e a humidade, polo que, en función das características do terreo, serían os recomendados nas condicións edafoclimáticas nas que se están a producir as sementeiras de outono este ano.
O raigrás híbrido é o recomendado para mesturar cos trevos, pero no caso de buscar unha implantación precoz é preferible o raigrás italiano alternativo, tipo Westerwold
Se se busca unha rápida implantación da pradeira, por exemplo en terreos en costa con risco de lavado e perda de solo por escorrentía, o raigrás italiano alternativo tipo Westerwold é unha boa solución, aínda que a súa calidade nutricional sexa inferior á do raigrás italiano convencional e á do raigrás híbrido.
O raigrás híbrido tarda máis en implantarse, polo que non é recomendable en sementeiras moi tardías
Ao mes o raigrás ten xa o desenvolvemento suficiente como para evitar o lavado do terreo a consecuencia das chuvias do inverno. O raigrás híbrido, que aporta maior calidade ao ensilado (contido proteico e dixestibilidade) tarda máis en implantarse e medra máis lentamente ca o raigrás italiano, polo que non é recomendable en sementeiras tardías.
Vezas e chícharos
A veza estase a converter tamén nos últimos anos nunha leguminosa cada vez máis frecuente en Galicia e mesmo houbo escaseza de semente o primeiro ano que entraron en vigor os ecorreximes da PAC. Mesturada ben con gramíneas ou con cereais de inverno, é unha boa alternativa para as explotacións que queren facer un só corte de ensilado da pradeira a finais de abril ou principios de maio, xusto antes de labrar o millo.
A veza sativa soporta o encharcamento, mentres a villosa non
A veza villosa é menos dixestible que a sativa, pero a sativa é máis proclive ao encamado e necesita dun cereal como titor. O problema este ano é que os cereais máis habituais (triticale, centeo, cebada ou avea), resisten mal o encharcamenteo do terreo no momento da sementeira.
Outra leguminosa frecuente nas rotacións con millo é o chícharo. Aporta un elevado contido proteico ao silo, pero é un cultivo que tolera mal tamén a humidade excesiva e o frío, polo que non é recomendable botalo en pleno inverno.
“Neste momento a temperatura do chan segue sendo boa para labrar”
Joel Presa é o director de Estratexia e Desenvolvemento de Produto de Fertiprado, unha empresa especializada en sementes pratenses, con diversidade de mesturas dispoñibles. Aínda que a campaña de sementeira de pradeiras vaia este ano con atraso, recomenda non renunciar a introducir leguminosas, polos seus beneficios agronómicos e o seu aporte de proteína á ración, xa que a temperatura do solo aínda é idónea para o establecemento do cultivo.
– Cales son as sementes pratenses que menos resisten o encharcamento?
– As variedades menos resistentes ao encharcamento son os cereais como a avea, a cebada, o triticale, o centeo, o trigo, etc.
– Recomendas introducir leguminosas ou non?
– Si, eu introduciría leguminosas, por varios motivos:
- a temperatura do solo segue elevada
- os trevos como o persa, o resupinato e o migueliano son das especies máis resistentes ao encharcamento
- con tanta choiva e as dificultades para aplicar purín no inverno, as leguminosas son a forma máis económica e sostible de achegar nitróxeno ao solo
As leguminosas son a forma máis económica e sostible de achegar nitróxeno ao solo
– Optarías por sementar agora ou agardar a xaneiro no caso de mesturas con cereal, por exemplo?
– Mentres teñamos unha ventá sen choiva e as máquinas poidan preparar a terra, recomendo sementar agora, xa que a temperatura do solo é máis elevada e o cultivo se desenvolve máis rápido, permitindo protexer os solos da erosión e obter máis produción para o ensilado de primavera, de modo que non se atrasen despois as sementeiras do millo. Nas fincas moi húmidas, seguro que teremos que agardar para poder entrar e nese momento haberá que optar por variedades de ciclos máis curtos.
Nas fincas moi húmidas, teremos que agardar para poder entrar e optar por variedades de ciclos máis curtos
– Como se debe realizar o laboreo?
– Vai depender do tipo de finca, pero en xeral daría os seguintes consellos:
- pasar unha grada rápida ou grada de discos para descompactar a terra dos rodais
- sementar cun equipo de sementeira (rotovator máis sementadora con rolo detrás). Sementar moi superficialmente, a unha profundidade máxima de 0,5 cm
- se a terra estivese mollada ou chovendo, non pasar o rolo liso, xa que a semente podería quedar pegada ao rolo
– Nas circunstancias actuais, é aconsellable abonar con purín ou non?
– Se podemos entrar nas fincas coas cubas sen destrozar demasiado, eu recomendaría facelo, achegando nitróxeno para este inicio na xerminación e ao mesmo tempo aproveitando para baleirar algo os pozos.