As emisións de gases de efecto invernadoiro que xera o sector produtor de leite en Galicia representan só un terzo das que provocan os incendios forestais, pero o foco social está cada vez máis centrado na actividade gandeira. Isto obriga ás granxas a empezar a ter en conta índices de contaminación e a adoptar medidas correctoras para baixalos.
“Ata o de agora mediamos a eficiencia desde o punto de vista da produción animal ou vexetal, pero hoxe en día cando falamos de eficiencia temos que ter en conta tamén os índices ambientais”, afirma Gregorio Salcedo, investigador do CIFP La Granja de Cantabria, centrado desde o 2006 en aspectos como a pegada de carbono.
Ata o momento mediamos a eficiencia desde o punto de vista da produción, pero agora debemos ter en conta tamén os índices ambientais
Dentro dun proxecto levado a cabo polo INIA estudáronse 54 explotacións da cornixa cantábrica, desde Galicia ata Navarra, distribuídas en 5 categorías: ecolóxico, pastoreo convencional, ensilado de herba, ensilado de millo e ensilaxe de herba e millo. En función de como expresemos a pegada de carbono (por litro de leite, por UGM ou por hectárea) saen mellor ou peor paradas os distintos tipos de explotacións.
Segundo os resultados do estudo e expresada por litro de leite, a pegada de carbono para unha explotación ecolóxica é de 1,30 quilos de CO2; 1,15 en caso de ganderías con sistema de pastoreo convencional; 1,01 para alimentación con silo de millo e de herba; 1,12 só con silo de herba; 0,97 para as explotacións baseadas exclusivamente en silo de millo. “O millo é un alimento que reduce o metano bastante, pero ao mesmo tempo necesita insumos para producilo”, indica Gregorio.
Balance de entradas e saídas
A pegada de carbono é un indicador de conxunto que cuantifica as emisións dos tres principais gases de efecto invernadoiro: dióxido de carbono (CO2), metano (CH4) e óxido nitroso (N2O). Nunha granxa, o consumo de enerxía fósil é unha das principais fontes de CO2, o CH4 procede principalmente da fermentación entérica dos ruminantes e o N2O dos fertilizantes e o manexo do xurro. Exprésanse en quilos de CO2 equivalentes, de forma que un quilo de metano equivale a 28 de CO2 e un de óxido nitroso a 298 kg de CO2.
A compra de alimentos representa o 20% da pegada de carbono para as explotacións da cornixa cantábrica
A gandería, do mesmo xeito que outras actividades, consome recursos naturais e xera gases de efecto invernadoiro. Pero ao mesmo tempo, tamén achega á sociedade servizos ecosistémicos, como paisaxe e biodiversidade, ademais de secuestro de carbono. “Este aspecto é moi importante para os ecoesquemas da PAC”, destaca Gregorio, que participou nas últimas Xornadas organizadas por Africor en Lugo.
A medida que compramos máis forraxe e máis concentrado aumenta a emisión; a soia leva tras de si case 3 quilos de CO2 por litro de leite
Os resultados indican que a emisión de metano entérico representa o 43,1% do total de gases de efecto invernadoiro das 54 granxas estudadas; o manexo do xurro o 20,4%; a compra de insumos para alimentación animal o 19,6%; o uso da enerxía o 11,1%; os fertilizantes o 4,1%; e os consumibles (plásticos, medicamentos, etc) o 1,75%.
“Este tipo de medicións serve para comparar explotacións e para analizar globalmente as tendencias nos procesos de produción”, afirma Gregorio. “Ao final, onde o gandeiro pode actuar é no manexo do xurro e nos alimentos, que representan o 40% da pegada de carbono das explotacións”, indica.
Como reducir o metano entérico e o óxido nitroso?
Un aumento da dixestibilidade das forraxes contribúe cunha maior porcentaxe de ácido propiónico, que actúa como sumidoiro de carbono reducindo a formación de metano. Tamén axuda substituír parte da ensilaxe de herba por ensilaxe de millo e optar polo pastoreo, porque a proteína que ten o pasto é moito maior á da ensilaxe. O procesado do gran aumenta a súa dixestibilidade e reduce a emisión de metano. En canto á fibra, é necesaria para favorecer a rumia, “pero sen pasarse”, para evitar tamén a formación de metano, indica Gregorio.
É recomendable axustar a proteína bruta da ración ás necesidades produtivas, evitando a súa excreción en forma de urea
En canto á formación do óxido nitroso, practicamente todo vén da fertilización, tanto orgánica como inorgánica, así como dos restos das colleitas. “Canta menos proteína coma a vaca, menos emisión de óxido nitroso vai ter e canto máis pastoreo, mellor pola filtración propia dos ouriños, que reduce a actividade da ureasa”, explica.
Do mesmo xeito, tamén se debe restrinxir o pastoreo en condicións de anoxia, así como a aplicación de xurro. Axustar a dose de abonado ás necesidades do cultivo e utilizar fertilizantes que inhiban a actividade da ureasa é tamén recomendable.
Cultivar a herba pola tarde aumenta os azucres, reduce a excreción de nitróxeno e as perdas de amoníaco e óxido nitroso
As suxerencias para mitigar a emisión de óxido nitroso pasan tamén pola incorporación de leguminosas, porque teñen maior dixestibilidade e requiren de menor fertilización. “A dieta modifica a composición química do xurro e a emisión de gases de efecto invernadoiro durante o almacenamento e posterior aplicación, polo que aportar proteínas axustadas ás necesidades da vaca reduce o amoníaco e a posterior emisión de óxido nitroso no esterco”, indica.
Manexo do rabaño
“Seleccionar animais con alta eficiencia alimenticia reduce o metano e creo que é algo que se debería incluír nos programas de selección xenética”, defende Gregorio. O aumento da produtividade animal por unidade de produto (litros de leite ou quilos de carne por materia seca inxerida), así como a redución da taxa de reposición, melloran a pegada de carbono da granxa.
Reducir os animais improductivos e aumentar a súa vida útil; mellorar a detección de celos e establecer límites mínimos de produtividade na explotación serían outras das estratexias para adoptar.
Por cada litro de máis que consumimos de gasóleo estamos a emitir entre 76 e 96 quilos de CO2
A nivel de alimentación, reducir a compra de forraxes externas mediante melloras nutricionais das forraxes propias, non esperando á madurez para o seu aproveitamento, debido a que desta forma requirirán maior achega de concentrado, e aumentar a superficie por UGM serían estratexias a adoptar. “Deben adoptarse aquelas medidas que mellor se adapten a cada explotación, porque todo é imposible”, indica Gregorio.
Comparación con outros países
Os datos por comunidades autónomas do estudo do INIA do ano 2015 reflicten unha pegada de carbono media en Asturias de 1,05 quilos de C02 por litro de leite; 1,06 no caso de Galicia; 1,10 en Navarra e 1,31 en Cantabria.
“Comparados co resto de países do mundo non estamos tan mal nin somos tan malos produtores, aínda que os datos son mellorables e hai prácticas que convén modificar”, asegura Gregorio.
Os datos a nivel internacional nas principais zonas produtoras de leite do mundo varían en función do sistema de produción. Países como Nova Zelandia, Irlanda ou Uruguai, que basean a produción de leite no pastoreo, manteñen niveis que van desde 0,81 a 1,19; mentres países máis intensivos, como EEUU, sitúanse en 0,92 debido á maior produción por vaca.
Relación directa entre eficiencia medioambiental e rendibilidade económica
O obxectivo final das recomendacións que Gregorio Salcedo realiza é implantar estratexias potenciais de mitigación dos gases de efecto invernadoiro a nivel de granxa que contribúan ao mesmo tempo a mellorar a economía das explotacións de produción de leite.
“Ao final as emisións imos convertelas en euros, porque o nivel de emisións está tamén relacionado cos resultados económicos da granxa. Por cada quilo de CO2 que emiten as vacas os custos aumentan 0,114 €/quilo”, asegura, en base a un estudo de 173 ganderías de Cantabria realizado no ano 2018 que correlaciona claramente pegada de carbono e custo de produción.
Facemos moi bo leite pero hai moito que mellorar no proceso
“Hai unha relación bastante directa entre o metano e a eficiencia de utilización do nitróxeno recuperado en leite. Canto máis metano se produce por litro de leite, menor eficiencia”, indica Gregorio, que con todo asegura que “o metano sería parte da solución, non un problema, porque é un gas de vida curta (10-12 anos de permanencia na atmosfera) que por medio de reaccións oxidativas convértese en CO2, capturado despois polas plantas a través da fotosíntese e inxerido de novo pola vaca en forma de carbono”.
Principais recomendacións