Estratexias para recuperar as terras abandonadas

O curso de verán da USC “Calidade agroalimentaria e desenvolvemento rural: un enfoque agroecolóxico”, que se celebra esta semana na Fundación Juana de Vega, acolleu unha mesa redonda sobre “Estratexias para a dinamización das terras agrarias”, e poñelas a disposición de agricultores e gandeiros que as queiran traballar.

Estratexias para recuperar as terras abandonadas

De esquerda a dereita: Eduardo Corbelle, José Manuel Andrade e Beatriz Suárez

Cales son as mellores estratexias para dinamizar as terras agrarias abandonadas en Galicia e poñelas a disposición de quen as queira traballar?. Este foi o tema que se abordou onte nunha mesa redonda dentro do curso de verán da USC “Calidade agroalimentaria e desenvolvemento rural: un enfoque agroecolóxico”.

José Manuel Andrade, moderador do debate e director da Fundación Juana de Vega, que acolle estes días o curso, lembrou que “en Galicia a Superficie Agraria Útil (SAU), non chega ao 25% do territorio, unha das porcentaxes máis baixas de Europa, e que aínda foi reducíndose nos últimos anos como consecuencia do éxodo rural”.

En concreto, informou de que entre o ano 1999 e o 2009 “en Galicia abandonouse o 10% da SAU”. Deste xeito, “temos neste momento unhas 114.000 hectáreas de terras agrícolas abandonadas das que 46.000 hectáreas son de máxima aptitude para a produción agraria, co impacto socioeconómico e ambiental que isto supón”, asegurou José Manuel Andrade.

A situación para abordar este problema complícase pola existencia de 1,6 millóns de propietarios de terras en Galicia, o 60% da poboación galega, cunha media de 1,3 hectáreas repartidas en varias parcelas de 0,3 hectáreas de superficie media. Sobra dicir que a maior parte deses propietarios non as teñen cultivadas e moitos mesmo descoñecen a súa localización.

Diferentes estratexias para dinamizar as terras abandonadas

Neste sentido, Eduardo Corbelle Rico, do Laboratorio do Territorio Universidade de Santiago de Compostela (LaboraTE), o centro de referencia en Galicia nesta área, expuxo “os diferentes instrumentos que permitan actuar sobre o uso da terra, sen tocar a propiedade, algo que podería abordar unha reforma agraria, que polo de agora non se albisca”.

Eduardo Corbelle salientou que “a maior parte da superficie abandonada concéntrase nos solos de peor calidade agraria, aínda que hai unha porcentaxe significativa nos solos de mellores aptitudes, que deberían ser os prioritarios sobre os que actuar”.

capacidade_produtiva_e_usos_do_solo_MAPA

A este respecto, Eduardo Corbelle expuxo catro estratexias de actuación para poñer estas terras abandonadas en activo:

Análise multicriterio:
Trátase dunha ferramenta para localizar grandes bolsas de terra abandonada, de moi boa calidade agraria e que están cubertas por mato.

Os resultados deste sistema revelan as seguintes bolsas dispoñibles:

bolsas_terra_abandonada_gz

Banco de Terras de Galicia:

Unha ferramenta posta en marcha polo Goberno Bipartito e que actúa de intermediario entre os propietarios e os demandantes.

Proxecto MARCOS:
Un proxecto de tese de Iván Díaz López que busca reordenar o uso da terra a nivel local, facéndoo máis racional, pero sen modificar a paisaxe mediante concentracións parcelarias.

Eduardo Corbelle explicou que “o proxecto MARCOS consiste en crear un organismo xestor a nivel de varios núcleos locais, que recibe terras dos propietarios de terras, tanto de explotacións agrogandeiras, como dos que as teñen abandonadas. O organismo xestor actúa de xeito que os propietarios de explotacións reciben as fincas máis próximas á súa explotación a cambio dun pago aos propietarios dos terreos que non os traballan”.

proxecto_MARCOS

Permuta de parcelas entre múltiples propietarios:
Trátase de Sistemas de axuda á decisión baseados en algoritmos xenéticos. O proxecto, de
Corbelle, Porta & Otero, está en revisión e consiste en introducir algoritmos para que a cada propietario lle toque máis cerca de onde lle convén.

permuta_multiples_propietarios_CORBELLEEduardo Corbelle concluíu lamentando que “lle dedicamos moita atención os instrumentos xurídicos e técnicos para mobilizar a terra abandonada en Galicia, pero o que botamos en falta é un debate e un consenso social para abordar este problema”.

A experiencia da bolsa de terras da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Como experiencia dinamizadora de terras abandonadas a nivel local, Beatriz Suárez, técnica da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, expuxo o caso concreto da bolsa de terras desta asociación. “Trátase -explicou- dunha dunha base de datos para poñer en contacto aos propietarios de terreos agrarios abandonados dos concellos da Reserva cos demandantes de terras, e que cheguen a un acordo mediante cesión, alugueiro ou venda”.

As parcelas son visitadas, avaliadas e fotografadas pola técnica da Reserva que logo as ofrece aos posibles demandantes a través de Internet. O usuario interesado contacta coa Reserva e esta pona en contacto co propietario e asesórao sobre a forma de acordo.

Ata o de agora, a bolsa de terras da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo incorporou 28 parcelas e 23 demandantes puxéronse en contacto coa asociación solicitando información. A vindeira semana asinarase o primeiro contrato.

Principais dificultades

A partir desta experiencia, Beatriz Suárez expuxo as principais dificultades coas que se atoparon á hora de dinamizar as terras agrarias abandonadas:

-Dificultade para acordar contratos a longo prazo (de 5 a 10 anos), polas reticencias dos propietarios.

-Escaseza de fincas con acceso á auga ou á electricidade.

-Necesidade dun gran investimento posterior para a posta en cultivo das parcelas.

-Escaseza de fincas ofertadas.

-Dificultade para atopar aos propietarios, especialmente no caso dos viñedos.

-Problemas coas fincas herdadas: moitos propietarios, parcelas sen rexistrar polos excesivos custos e a excesiva burocracia.

Una idea sobre “Estratexias para recuperar as terras abandonadas

  1. modesto fernandez alvarez

    Eu son un pequeno productor de horta de temporada en cuberto e o aire libre, e a min costame conseguir terras
    pra poder ampliar a explotaccion.
    Todo o que se faga praque o campo galego volte a ser productivo pareceme ben, tendo en conta que en provincias como Ourense e Lugo non hay outros recursos industriais.
    E sigo pensando que en Galicia non sabemos aprobeitar os nosos recursos agricolas, gandeiros e forestais. Os cales poden ser moi importantes pra nosa economia.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información