Estratexias de fertilización de pradeiras en ecolóxico

O enxeñeiro agrónomo Joan Alibés da algunhas claves para o aporte de nutrientes con este tipo de manexo, así como os produtos autorizados. As necesidades varían en función da pradeira e do uso que se lle da, pero sempre cómpre partir dun análise do chan

Estratexias de fertilización de pradeiras en ecolóxico

A fertilización en ecolóxico ten algunhas materias primas autorizadas como a sal potásica e a rocha fosfórica, sen necesidade de certificacións

Galicia caracterízase por solos ácido e con gran humidade, pero non son as únicas características que influencian a fertilización en ecolóxico das pradeiras. Darlle ao solo o que necesita é unha das bases fundamentais para mellorar a súa produtividade, así como para incrementar a rendibilidade e competitividade das explotación de gando vacún con este tipo de certificación.

Isto, xunto a unhas boas prácticas na fertilización, aumenta a eficiencia na utilización dos nutrientes, e deste xeito, mellora a fertilidade dos solos, pero, ¿con que se pode abonar e cales son as bases a ter en conta para facelo de xeito óptimo? Para responder a estas preguntas o enxeñeiro agrónomo e asesor técnico Joan Alibés da algunhas recomendacións.

Tipos de fertilizantes autorizados

A pradeiras en ecolóxico poden utilizar fertilizantes orgánicos con aportes de nitróxeno, fósforo ou potasio (NPK) como xurros, estercos -moi variables dependendo das súas orixes, pero con especial atención aos de pitos e galiñas-, e aqueloutros comerciais, aínda que cuns custes moi elevados. Tamén existe outra variante que son materias primas minerais que non sufriran ningún proceso de síntese ou tratamento químico; as máis interesantes son a rocha fosfórica para o aporte de fósforo, e a sal potásica para o potasio.

“A sal potásica está extraída en Cataluña, bastante cerca e dispoñible en cantidade, aínda que o principal problema para o ecolóxico é conseguila sen ningún tratamento químico. Tanto unha como a outra, ao ser materias primas non necesitan unha certificación en ecolóxico, isto é, que veñan cun selo de ecolóxico. En canto á rocha fosfórica, unha das reservas máis importantes do mundo está no Sáhara Occidental, polo que tamén interveñen cuestións de política internacional”, comenta Joal Alibés.

A rocha fosfórica é unha materia prima que, ao ser mineral, contén outros elementos aínda que a “dispoñibilidade de fósforo para as plantas é relativa porque ven en dentro dun composto complexo”, afirma Alibés. Así mesmo, contén outras vantaxes moi interesantes, como o aporte de calcio e a redución da saturación de aluminio -efecto encalante-. “En Nova Zelanda, no 2003, o 10% dos fertilizantes fosfóricos son rocha fosfórica de aplicación directa nos pastos”, amplía. Outro punto positivo deste material é que, ao ser unha materia prima, “esperase un custe menor”, concreta.

“A rocha fosfórica aporta calcio e contribúe á redución da saturación de aluminio, polo que actúa coma un encalante” (Joan Alibés)

Algunhas limitacións da rocha fosfórica non só están vencelladas á súa dispoñibilidade comercial, senón tamén ás súas orixes, posto que, dependendo do tipo de terreo de extracción ten unha solubilidade determinada. Ademais, cabe ter en conta que a súa absorción tamén depende das características do solo: “necesitamos unha humidade determinada, recomendan utilizala en climas por riba dos 850 litros por m2 -que é a maior parte de Galicia, en solos ácidos e ricos en materia orgánica para unha maior solubilización do produto, e en solos cunha presencia de xofre”, enumera o enxeñeiro agrónomo.

Neste sentido, para comprobar a utilidade da rocha fosfórica como fertilizante ecolóxico nas condicións de solo e clima de Galicia, desde o CIAM realizaron un ensaio de campo nunha pradeira composta de raigrases e trevos. Con esta investigación, tamén se pretendía “axustar as doses de fósforo para obter un bo rendemento e calidade da forraxe, así como para mellorar a produtividade das pradeiras”, detalla a investigadora do CIAM María Isabel García.

“O ensaio consistía en usar tres fertilizantes fosfóricos a dúas doses; os fertilizantes utilizados eran superfosfato do 18%, unha rocha fosfórica comercial cunha riqueza total de fósforo do 27% e unha rocha fosfórica importada cunha riqueza do 32%. As doses de 90 kg/ha de P2O5 e 150 kg/ha de P2O5 axustáronse en función da riqueza do fertilizante fosfórico soluble en ácidos minerais (18, 27 e 32%, respectivamente) para poder facer unha comparativa entre eles”, especifica María Isabel García. Tamén se incluíu un tratamento control sen fertilización fosfórica.

As aplicacións dos fertilizantes realizáronse durante 3 anos, antes da implantación da pradeira e cada outono. Previamente ás aplicacións analizouse o contido en fósforo do solo. Nos cortes realizados fixéronse controis de produción, calidade e da extracción de fósforo pola planta.

Aplicación de roca fosfórica nos campos de ensaio do CIAM. Fonte: CIAM

Aplicación de roca fosfórica nos campos de ensaio do CIAM. Fonte: CIAM

Polo momento, en canto aos resultados obtidos tras tres anos de aplicación de rocha fosfórica en pradeira, “o contido en fósforo na capa de 0 a 10 centímetros do solo descendeu nos tratamentos con rocha fosfórica e no tratamento control sen fósforo dun xeito semellante, mentres que nos tratamentos con superfosfato incrementouse”, avanza García.

“Os contidos de fósforo na planta presentaron uns valores lixeiramente máis altos nos tratamentos con superfosfato, sendo menor nos tratamentos con rocha fosfórica e no control que tiveron valores similares. As producións foron maiores para os tratamentos con superfosfato. Por tanto, como a rocha fosfórica non amosou o seu efecto nos 3 primeiros anos, renovouse a pradeira para ver se se precisa un período máis longo para que sexa efectiva”, conclúe a investigadora do CIAM.

Bases para a fertilización en ecolóxico por tipos de pradeira

“Necesitamos análises para ter información de referencia do solo, concretamente eu o que me atopo en moitas ocasións son solos moi ácidos, con moita saturación de aluminio, e en certas partes de Galicia hai moita dificultade para encalar. Despois, tamén hai que ter en conta que nos vindeiros anos vai ser necesario, por lei, realizar analíticas periódicas”, recalca o asesor técnico. Ao respecto, Alibés insiste en “analizar os solos e calcular, cos programas do Ciam, as necesidades nutricionais de cada pradeira en concreto”.

“Necesitamos análises para ter información de referencia do solo, concretamente eu o que me atopo en moitas ocasións son solos moi ácidos, con moita saturación de aluminio” (Joan Alibés)

“O pH e saturación do aluminio non só afecta á dispoñibilidade dos nutrientes no solo, senón que tamén afecta á súa microbioloxía”. Nun caso práctico dunha terreo abandonada presentado polo enxeñeiro agrónomo, “o primeiro análise de terra feito rexistraba unha saturación por acidez de máis dun 80% -polo que, independentemente do que lle botemos quedará aí bloqueado- un pH baixo, e unha inmensa cantidade de materia orgánica sen mineralizar”.

En canto ás pradeiras en ecolóxico, sóense diferenciar tres tipos, aquelas que son de sega e dente, parcelas a dente, que son máis dificilmente mecanizables, e pequenas superficies convertidas tras unha recuperación de terreo. “No caso dos prados de sega e dente, as necesidades totais para unha produción de 10 toneladas por hectárea son 160kg/ha de nitróxeno, 100kg/ha de fósforo, e 120kg/ha de potasio, aínda que son cantidades difíciles ás que chegar”, afirma Joan Alibés.

Como se poden satisfacer esas necesidades? “Se se establece un valor medio de 3,7 de nitróxeno, 0,7 de fósforo e 3,6 de potasio para un xurro, serían necesarios entre 40 e 50.000 litros por hectárea, ademais dun bo manexo do xurro para evitar perdas de nitróxeno, así como facer varias aplicacións”, explica o técnico.

Nos prados a dente as necesidades para a produción de herba cambian reducíndose á metade os nutrientes NPK, e polo tanto, cubrindo a cantidade necesaria de xurro cuns 25 ou 30.000 litros. De non ter suficientes, “cómpre valorar o aporte doutros estercos, principalmente de pitos e galiñas, aínda que tamén é necesario analizalos porque hai unha forte variación entre uns e outros”, sinala Joan Alibés.

Ante a maior esixencia de recuperación de terras agrarias, a transformación de parcelas de monte raso a pradeira representa nunha converxencia de gran potencial debido á súa dispoñibilidade no territorio e á produción de futuros aproveitamentos. Este terceiro tipo de terras de pasto parten dun proceso de mecanización completa e un posterior cultivo no que Alibés reivindica “a importancia das especies autóctonas adaptadas, que nestes momentos están no Banco de Xermoplasma do CIAM á falta de patentes e rexistros”, ao que engade que “ata que teñamos acceso á súa multiplicación cómpre seguir apostando polas mesturas biodiversas”.

Cómpre sinalar que as pradeiras biodiversas representan outro instrumento para reducir os requisitos de fertilización, así como para prolongar o tempo de produción forraxeira. “Como son campos moi ricos en leguminosas xa contamos cun aporte de nitróxeno dunhas 40 ou 50 unidades. Aínda así, as necesidades de fósforo son imprescindibles porque, se non se cobren, no caso das parcelas de recuperación é difícil competir coa flora anterior”, amplía o enxeñeiro agrónomo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información