Estratexias de alimentación nas granxas para mellorar a graxa e proteína do leite

A nutrición do gando bovino pode axudar a optimizar o seu rendemento. O benestar do animal, así como os niveis de forraxe, ou a xestión das súas racións teñen un efecto sobre a súa produción. O enxeñeiro agrónomo Albart Coster revela as estratexias de alimentación de explotacións holandesas que destacan pola calidade do seu leite

A calidade do leite é importante desde o punto de vista de tres factores fundamentais: economía, saúde animal e medio ambiente. Na exposición realizada nas Xornadas Seragro 2021, o enxeñeiro agrónomo holandés especialista en nutrición animal, Albart Coster, detallou que o prezo do leite calcúlase a partir da porcentaxe de graxa, proteínas e lactosa do mesmo, entre outras variables. Por este motivo, as ganderías poden mellorar a calidade do leite mediante a nutrición das vacas, se atenden a estas variables.

Existen enfermidades como a cetose ou acedose que afectan directamente ás porcentaxes de graxa ou proteína do leite. Proveñen de descompensacións alimentarias, polo que, as recomendacións de Albart Coster céntranse nos niveis de forraxe das racións, na súa xestión, no benestar animal, ou na incorporación de certos tratamentos alimentarios de base cereal como o ‘sodagrain’, que axudan á neutralización no rumen do animal.

Variacións biolóxicas e niveis de forraxe nas racións

O nivel de graxa e proteína do leite seguen unha variación anual seguindo un ritmo biolóxico. Segundo especifica o enxeñeiro holandés, “un dato curioso é que, en primavera, cando as vacas saen fóra, os niveis de proteína no leite aumentan”. Albart Coster, facendo referencia a un estudo americano realizado por Salfer, Dechow e Harvatine (2019), explica que contrariamente, no verán, os índices de graxa e proteína chegan a niveis mínimos. Fóra desta variabilidade é necesario controlar os niveis de forraxe na ración e a súa xestión.

Variación mensual das porcentaxes de graxa e de proteína no leite: 

Gráfica que reflexa os picos de baixada e subidas do índices de graxa e proteína do leite en verán e primavera

Gráfica que reflexa os picos de baixada e subidas do índices de graxa e proteína do leite en verán e primavera

Por norma xeral, menos forraxe soe significar menos graxa. Neste sentido, Coster fixo referencia a estudos nos que “se substituíron o heno de alfalfa por fariña de alfalfa e co mesmo contido de forraxe en ración, a inxesta das vacas aumenta, a produción baixa, a graxa baixa e a proteína aumenta dando lugar a acedose”. Esta última é unha enfermidade pola cal o animal xera ácido linoleico a partir da súa alimentación, dando lugar a unha redución dun 50% aproximadamente de graxa no leite.

Outra proba foi a substitución dun porcentaxe de silo e penso por trigo e cebada moídos. Este cambio deu lugar a un aumento da proteína, a unha baixada das graxas, da produción e da inxesta. Estas consecuencias son unha sintomatoloxía de que o animal non está ben. Polo tanto, cómpre buscar un balance entre saúde do animal e acedose a través dun equilibrio alimentario.

“Darlle tanta atención á acedose da lugar a perdas de proteína, polo tanto cómpre procurar un balance” (Albart Coster)

A importancia da xestión da ración e do benestar animal

Unha alimentación estable ao longo do día é fundamental para o gando bovino. O enxeñeiro holandés destaca que “as vacas que reciben comidas -especialmente o penso- entre muxidos en vez de con eles xeran un maior índice de graxa e unha maior eficiencia, e comen máis veces ao día”. Se unha explotación gandeira procedera desta maneira, o animal non só tería máis comidas, senón que tamén xeraría un maior tempo de descanso.

Diferenza entre dar as comidas durante muxido e entre sesións: 

Esta táboa utilizada por Coster na exposición reflexa a diferencia entre dar as comidas durante o ordeño e entre sesións

Esta táboa utilizada por Coster na exposición reflexa a diferencia entre dar as comidas durante muxido e entre sesións

Outra cuestión interesante é o ‘compact feeding’. Albart Coster afirma que este termo chegou a Holanda herdado de Dinamarca facendo referencia “a un tipo de alimentación cunha lixeira proporción de auga na mestura, bagazo ou certo produtos derivados da pataca, e cun equilibrio entre partículas longas e curtas para evitar a selección do alimento”. Esta fórmula evita que o animal coma a parte dos alimentos que máis lle gusta deixando a outra parte. O resultado é un equilibrio nas comidas que ten un efecto positivo no leite.

O benestar animal ten consecuencias directas sobre o leite. As horas de sono representan un dos eixos fundamentais do estado do animal polo que “cómpre dar todas as comodidades para que as vacas optimicen o seu descanso”, aconsella Coster. As barras no peito que teñen en moitas ganderías repercuten sobre o número de horas de sono e un menor tempo efectivo de repouso, cuestión que afecta negativamente sobre a proteína no leite.

Estratexias para mellorar os sólidos

O enxeñeiro holandés remite a certas estratexias que se aplican no seu país e que conducen a unha mellora notable da porcentaxe de sólidos do leite. Na súa intervención expuxo unha serie de medidas aplicadas nunha explotación de 350 cabezas, cunha produción de 40kg por vaca e día, e cuns índices de 4,4% de graxa e 3,69% de proteína. 

Unha das medidas aplicadas é a forraxe fresca. “A herba fresca ten máis proteínas metabolizables que cando se ensila”, explica o holandés. Aínda que o ensilado é necesario hibridalo, na medida do posible, con materia prima fresca xera un bo resultado. Da mesma maneira “durante o proceso de ensilado cómpre reducir as perdas existentes, tendendo á busca do secado da herba na medida que a meteoroloxía da zona o permita”, explica Coster. Esta clave do proceso ten que facerse de maneira efectiva para que sexa útil, polo que entra en xogo a axilidade coa que se xire a herba para o secado, ou a humidade do entorno.

Captura a un vídeo privado utilizado polo enxeñeiro holandés para exemplificar o uso dunha forraxe fresca nunha explotación holandesa.

Captura a un vídeo privado utilizado polo enxeñeiro holandés para exemplificar o uso dunha forraxe fresca nunha explotación holandesa.

‘Sodagrain’ é un produto utilizado nesta explotación gandeira holandesa. “Trátase dunha base cereal mesturada con auga e hidróxido de sodio que lle aporta o amidón suficiente a dieta do animal, sendo un bo complemento na mestura”, especifica Coster. Outro das aportacións do ‘Sodagrain’ é a súa axuda á neutralización do rume. A forma máis efectiva de aplicalo para unha boa dixestión é moído.

Imaxe capturada dun vídeo de Albart Coster onde amosa o 'Sodagrain'

Imaxe capturada dun vídeo de Albart Coster onde amosa o ‘Sodagrain’

A explotación holandesa tomada como modelo fai fincapé en evitar a selección do alimento. A auga, a inclusión de semente de liño para vacas frescas, proteínas ‘by-pass’ ou ácido palmítico son certos produtos que as ganderías utilizan como ferramentas para previr a selección. Actualmente, están desenvolvendo a idea de introducir como medida o ácido acético no tratamento de certos alimentos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información