Estratexias da industria galega para valorizar o leite

A aposta pola diferenciación, con produtos que poñen en valor a alimentación saudable, o medio ambiente ou o benestar animal, así como formatos máis pequenos son algunhas das estratexias de Larsa, Clesa, Feiraco ou Casa Grande de Xanceda para valorizar o leite. Resumo da mesa redonda celebrada este domingo na Semana Gandeira de Mazaricos.

Estratexias da industria galega para valorizar o leite

Mesa redonda con representantes de -de esquerda a dereita- Casa Grande de Xanceda, Feiraco, Clesa e Larsa

Galicia produce arredor do 38% do leite do Estado español pero a súa industria láctea só representa o 10% do total nacional en termos de valor engadido bruto. Ademais, boa parte do sector industrial galego está demasiado centrado no leite líquido, o produto de menor valor engadido e cuxo consumo está á baixa, e preto do 30% do leite galego séguese exportando en cisternas, sen transformar, a outras partes de España.

Para superar esta situación de falta de transformación industrial do leite en Galicia, os organizadores da Semana Gandeira de Mazaricos decidiron celebrar este domingo unha mesa redonda sobre “¿Que se pode facer en Galicia para valorizar o leite?”.

Nela participaron representantes de industrias lácteas, na súa maioría de capital galego, que nos últimos anos están apostando con éxito pola innovación e por produtos lácteos de máis valor engadido como estratexia de futuro.

Neste sentido, a aposta pola diferenciación, pola alimentación saudable, o medio ambiente ou polo benestar animal, así como por novos formatos máis pequenos e adaptados á infancia, revélanse como puntos en común das industrias que queren valorizar o leite galego e facelo en Galicia.

A continuación ofrecemos un resumo das catro intervencións:

Casa Grande de Xanceda:

Guillermo Martínez Ruíz, xerente de Casa Grande de Xanceda, comezou facendo un repaso pola historia desta gandería referente en Galicia. Situada no concello coruñés de Mesía, a día de hoxe conta con 380 vacas en ecolóxico, 1,5 millóns de litros de produción anual e 200 hectáreas de base territorial.

A súa aposta no ano 2002 por producir leite en ecolóxico foi unha necesidade de supervivencia “porque os números non daban (…..) e posteriormente pasamos ao plan B de transformar o leite para que todo o valor engadido quedase na granxa”, recoñeceu Guillermo Martínez.

Sen embargo, foi unha decisión moi meditada e planificada: “Tivemos moito asesoramento, estivemos traballando no proxecto durante dous anos e fixemos un estudo de mercado, contando co asesoramento técnico da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago”, explicou o xerente de Casa Grande de Xanceda.

“O estudo -engadiu- o que nos aconsellou foi empezar por unha gama de produtos, non só por unha referencia, e por iogures desnatados ecolóxicos e con froitas”, un produto que tiña escasa presenza no mercado. Unha aposta pola diferenciación que foi imprescindible para competir nun mercado moi maduro como é o dos produtos lácteos.

“A decisión de transformar o noso leite foi moi meditada e planificada”

A outra clave do éxito, segundo Guillermo Martínez, foi apostar polo márketing, principalmente a través das redes sociais -unha forma de publicidade directa e gratuíta- para transmitir o día a día da granxa e os seus valores. Un márketing que tamén se realiza mediante as visitas á gandería, que neste momento superan xa as 5.000 anuais.

“Os nosos principais consumidores son urbanitas e queren que lles ensinemos a nosa granxa e disfrutan e valoran iniciativas como poñerlles nome aos nosos becerros ou coñecer as nosas dúas burras que avisan da presenza do lobo”, destacou o xerente de Casa Grande de Xanceda.

Xunto a isto, Guillermo Martínez salientou a aposta desta empresa pola responsabilidade social, con iniciativas de gran éxito como a colaboración co refuxio de animais de Ordes para apadriñar cadelos, a promoción do emprendemento no rural entre a xuventude da comarca ou o fomento da biodiversidade con iniciativas como unha campaña que acaban de iniciar para concienciar da importancia das abellas para a agricultura.

O resultado é unha gandería cunha imaxe moi positiva na sociedade e que a día de hoxe elabora unha ampla de produtos (gama de iogures, queixo curado e para untar, manteiga e leite pasteurizado) dando traballo a nada menos que 40 persoas.

Larsa:

Por súa parte, Sabela Oca González, directora de calidade de Larsa advertiu de que “o leite líquido non é o presente e non parece que vaia ser o futuro para a industria láctea”. Así, lembrou que soamente no período 2015/2016 os datos da Inlac revelan unha caída do consumo de case un 5%, mentres que, pola contra, salientou que “medran as vendas de queixo e sobremesas lácteas, así como de leite en po e de concentrados”.

Ademais, a directora de calidade de Larsa lembrou que as tendencias dos consumidores apuntan a produtos máis vinculados á tradición, alimentos todo nun para reducir tempo, postres e bebidas lácteas con efectos relaxantes e biosaudables e cun equilibrio entre innovación e prezo.

“Apostamos por produtos tradicionais e pola orixe”

Neste sentido, e como exemplos da aposta de Larsa por valorizar o leite, Sabela Oca salientou o queixo de barra afumado con madeira de bidueiro así como os novos sabores dos seus iogures: Licor Café e Mazá Asada, dous produtos tradicionais galegos. Unha aposta pola diferenciación que tamén se reflicte nos seus envases claramente recoñecibles e dunha soa unidade.

Por último, a directora de calidade de Larsa subliñou a oportunidade que hai para as industrias lácteas galegas na exportación. “Hai unha gran oportunidade na exportación e a industria galega ten que ser capaz de unirse e de colaborar para acadar un volume e ser competitivos, e temos que facelo con produtos de valor engadido”, subliñou. Como exemplo puxo o soro de queixo, “que pasou de ser un problema medioambiental para as queixerías a ser demandado, mediante a súa concentración ou desmineralización, polo mercado internacional para a industria alimentaria e de elaboración de bebidas enerxéticas”.

Clesa:

Pablo Gómez, xerente de Clesa, puxo en valor a traxectoria desta industria que foi adquirida no ano 2012 por un grupo de dez cooperativas galegas, a Agrupación de Cooperativas Lácteas, lideradas por Feiraco, Agris, Melisanto e Os Irmandiños. O seu obxectivo foi precisamente o de avanzar na transformación e xeración de valor engadido do leite polos propios gandeiros.

Para iso, Clesa apostou ao longo deste período por renovar a súa imaxe, por campañas de márketing selectivas e por incrementar a súa oferta de iogures, especialmente na súa gama Bombón, así como en sobremesas infantís, lanzando novos produtos como os Bombón Go, os Mini Bombón Kids Pouch, así como os Mini bombón Kids e os Jelly Milk.

Pablo López: “Temos que ser capaces de exportar porque hai demanda de produtos lácteos”

O resultado é que, segundo adiantou Pablo Gómez, Clesa prevé finalizar este ano cun incremento das vendas do 35% respecto a 2015, ata vender máis de 27 millóns de quilos de iogures e sobremesas lácteas.

Ademais, o xerente de Clesa incidiu tamén na necesidade de que a industria láctea galega sexa capaz de exportar, especialmente produtos de valor engadido. “O consumo de leite en África, Asia e Sudamérica vai seguir aumentando e o sector lácteo prevese que siga medrando nos próximos anos, e ese leite poderémolo vender nós se apostamos polo valor engadido”, concluíu Pablo López.

Feiraco:

Por último, Ismael Martínez Lede, responsable de proxectos de I+D de Feiraco, puxo como exemplo de aposta polo valor engadido o leite Únicla. “Trátase dunha aposta pola calidade diferenciada e por un alimento máis saudable pero dende a propia gandería, a través da alimentación e do manexo dos animais”, destacou.

Así, o proxecto Únicla marcouse como obxectivo lograr unha alimentación o máis semellante posible á herba verde. “Desta forma, logramos reducir de xeito importante as graxas saturadas no leite, e pola contra aumentamos as graxas saudables, como o Omega 3 ou o ácido linoleico, ao tempo que compensamos as carencias de selenio que teñen os solos de Galicia”, explicou Ismael Martínez Lede.

 “Co Únicla apostamos por un leite máis saudable e respectuoso co medio”

“O resultado é que o leite Únicla é de máis calidade, máis nutritivo e máis respectuoso co medioambiente ao optar por unha alimentación das vacas que reduce as súas emisións de metano”, destacou o responsable de proxectos de I+D de Feiraco. Unha diferenciación a través dun leite máis saudable e máis respectuoso coa natureza que o consumidor está disposto a pagar cun prezo maior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información