Estratexias co pasto das vacas de leite en Irlanda

Jim Uprichard, gandeiro e coordinador do departamento de rumiantes de Trow Nutrition Irlanda, expuxo nunha xornada técnica de Delagro o manexo habitual das forraxes nas granxas irlandesas

Estratexias co pasto das vacas de leite en Irlanda

O pastoreo require dun axeitado control da calidade e cantidade de herba dispoñible.

Irlanda caracterízase por producir leite cun sistema de alimentación baseado nos pastos e nas forraxes. Traballan cunha media de produción duns 5.000 litros por vaca e o habitual é que cada animal consuma menos de 1.000 quilos de pienso. Jim Uprichard, gandeiro e coordinador de Trow Nutrition Irlanda en rumiantes, participou recentemente nunhas xornadas técnicas de Delagro para expoñer as estratexias de traballo cos pastos en Irlanda. Resumimos a continuación a súa intervención.

A herba ten un potencial significativo como compoñente da ración á hora de reducir os custos de produción. Os beneficios son considerables, se ben requírense pastos de alta calidade e un bo manexo das terras. Tamén hai que ter en conta que o pastoreo non se adapta a todo tipo de granxas, pois o manexo en pastoreo de vacas de alta xenética ou de rabaños grandes presenta unha maior dificultade. Débense valorar ademais posibles implicacións do pastoreo na calidade do leite e na fertilidade dos animais.

A herba pode reducir custos de produción, pero requírense pastos de calidade e un bo manexo das terras

Os factores clave do sistema pasan por optimizar a inxesta de materia seca e por minimizar a perda de condición corporal das vacas. Os animais precisan de pasto en cantidade e calidade suficiente, pois se a calidade non é boa, perderán condición corporal. É preciso suplementar enerxía adicional cando sexa necesario e débense evitar desprazamentos excesivos dos animais de camiño ós pastos. Por exemplo, facer pastoreo a tres quilómetros das cortes non ten sentido, pois dispárase o gasto enerxético.

Calidade e rotación de pastos
O pasto de calidade de raigrás caracterízase por manter alomenos un 65% de follas vivas. O talo do raigrás en condicións óptimas ten tres follas vivas de xeito simultáneo e unha morta. Cando remata o pastoreo nunha parcela, hai que deixar pasar entre 20 e 30 días antes de volver pastoreala, pois o raigrás produce unha nova folla cada 7-9 días, polo que antes de tres semanas non estará en condicións óptimas para o pasto.

A altura de herba óptima para o inicio do pastoreo en Irlanda sitúase en 15-17 centímetros

Outra cuestión a considerar é non retrasar demasiado o pastoreo, pois se a herba medra en exceso perderá proteína e carbohidratos. A altura óptima que se calcula en Irlanda para o inicio do pastoreo sitúase entre os 15 e 17 centímetros de herba, o que representa uns 3.000-3.500 quilos de materia seca por hectárea. Ó remate do pastoreo, convén deixar herba duns 5 centímetros, o que supón uns 1.500 quilos de materia seca por hectárea.

Por tanto, o consumo dos animais por hectárea será duns 1.500 quilos de materia seca en cada rotación. Calculando unha inxesta diaria de 15 quilos de materia seca, a necesidade de pastos para un rabaño de 100 vacas sitúase nunha hectárea por día.

Á hora de manexar as parcelas, cómpre evitar tanto o sobrepastoreo como a acumulación de demasiada herba. Se o raigrás medrou en exceso, haberá que optar polo ensilado, a fin de evitar que o pasto perda calidades.

Anovar pradeiras
Outros factores que afectan á calidade son a estación do ano, o tempo ou mesmo a hora do día, xa que á tarde a planta ten menos azucres.

En tempo chuvioso, a porcentaxe de materia seca do pasto reducirase. Un día de chuvia, a porcentaxe de materia seca rondará o 15%, cando en situación óptima, a planta tería alomenos un 18%. Por tanto, un día de chuvia, comendo a mesma cantidade de herba, a vaca inxerirá un quilo menos de materia seca, o que representa 2 litros de leite.

Desde o quinto ano, unha pradaría perde 1,2 toneladas de materia seca por hectárea, polo que compre anovala

As especies presentes no pasto son outro factor a ter en conta. Se o pasto non se anova, irán aumentando de xeito progresivo as especies naturais, o que pode levar a unha baixada da produción de ata 4 litros de leite diarios.
Unha pradeira de primeiro ano en Irlanda pode producir arredor de 11,3 toneladas de materia seca por hectárea. A súa produción irá reducíndose de xeito progresivo. No cuarto ano, producirá 10,6 toneladas e a partir do quinto, as previsións baixan a 10,1 toneladas por hectárea, polo que se aconsella resementala para recuperar calidades.

Dixestibilidade da herba
A dixestibilidade da herba é outro dos principais aspectos a coidar. Unha baixa dixestibilidade levará a que a vaca pase máis tempo dixerindo e, por tanto, haberá máis tempo entre comida e comida, o que en definitiva leva a que o animal coma menos. Calcúlase que unha reducción da dixestibilidade do 5% implica a inxesta de tres quilos menos de materia seca por animal, o que representa uns 6 litros de leite.

Herba cun 5 por cento menos de dixestibilidade implica unha perda de 6 litros de leite por animal

A folla verde ten unha dixestibilidade do 75-85%, en tanto o talo verde sitúase no 60-70 %, o talo maduro no 40-50% e a materia morta no 35-45%.

Medición da herba
Observar a herba todos os días é unha tarefa importante para o gandeiro, xa que o tempo cambia e a condición da herba tamén. O obxectivo é manter no posible un pasto uniforme, evitando picos e vales na produción polas variacións da condición da herba. Cómpre medir a altura e valorar tamén a frondosidade. Un sistema práctico pode ser o de facer unha marca na bota que axude a valorar a altura do pasto.

Exemplos de cuberta de herba, con distinta cantidade de materia seca (MS) por hectárea. / Imaxe: Jim Uprichard.

Exemplos de cuberta de herba, con distinta cantidade de materia seca (MS) por hectárea. / Imaxe: Jim Uprichard.

Dispoñibilidade de herba
Xunto coa calidade da herba, outro factor a considerar é a dispoñibilidade. Cando pode facerse un manexo no que se restrinxe o acceso ó pasto durante 3-4 horas ó día, compróbase que as vacas comen ata un 30-40% máis que se estivesen nos pastos todo o día.

Cuestións clave
Cada explotación debe coñecer as vacas que ten (rendementos e condicións), calcular as necesidades e definir a estratexia máis convinte en cada caso cunha asesoría axeitada.

Diferentes estratexias de manexo en Irlanda
O sistema de produción de leite en Irlanda céntrase en obter toda a alimentación posible de pastos e forraxes. Con vacas que rondan os 5.000 litros, o habitual é utilizar menos de 1.000 quilos de pienso por animal e obter arredor de 3.500 litros de leite a partir de forraxes, sobre todo pastos. Faise ensilado de herba, pero moi pouco ensilado de millo.

En rabaños de máis de 150 animais, con frecuencia úsase unha estratexia mixta, con parte dos animais estabulados

As estratexias son diversas. Con menos de 150 vacas e con producións inferiores a 30 litros por animal, o habitual é ter os animais sempre en pastoreo, sen usar carro de alimentación. Os partos adóitanse agrupar entre febreiro e abril.

Con rabaños de entre 150 e 250 animais, con frecuencia úsase unha estratexia mixta. As vacas con menos de 30 litros de produción van ó pasto e as de máis de 30 litros permanecen estabuladas.

Autocargador con segadora. / Imaxe: Jim Uprichard.

Autocargador con segadora. / Imaxe: Jim Uprichard.

Tamén hai explotacións con pastoreo cero, en moitas ocasións por non ter superficie preto da granxa. Entón, o habitual é levarlle herba ós animais. As vacas recén paridas tampouco se sacan durante uns 100 días ó pasto para permitir que recuperen condición corporal. Os xatos permanecen tamén o primeiro ano estabulados para facilitar o seu desenvolvemento. Cando saian ós pastos, suministraráselles a herba de maior calidade.

Outro sistema de traballo distinto é o seguido en Irlanda do Norte, onde para producións de 7.500 litros de leite por cabeza, úsanse uns 2.500 quilos de concentrado e só se producen uns 1.500 litros a partir de forraxes, ben como ensilados, ben pastando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información